Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 10 de abril de 2017 Páx. 16914

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O Decreto 146/2016, do 13 de novembro, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, tendo en conta o bo funcionamento e os resultados acadados pola arquitectura organizativa definida no ano 2015, motivo polo que deseña un marco de estabilidade no que á estrutura da Xunta de Galicia se refire.

Esta nova dimensión organizativa reflíctese no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, o cal, no seu artigo 4, regula a estrutura da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Adaptada no ano 2015 a súa estrutura co fin de contribuír decisivamente a unha nova etapa de crecemento e desenvolvemento económico da nosa comunidade autónoma, a nova organización da Consellería de Infraestruturas e Vivenda aposta, por un lado, por profundar nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas, e por outro, por desenvolver os criterios de mellora continua e de colaboración dentro do sector público, reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, na actividade desta, para facer máis áxil e eficiente a xestión administrativa.

Dende un punto de vista funcional, cómpre destacar a nova organización que se efectúa na Secretaría Xeral Técnica onde se regulan dous novos órganos dependentes desta como consecuencia dos ámbitos funcionais atribuídos á Consellería de Infraestruturas e Vivenda, en materia de transparencia e desenvolvemento da Administración electrónica, así como en materia de estradas. Así mesmo, tamén se recolle unha nova reordenación funcional no seo da Dirección Xeral de Mobilidade para, por un lado, adaptarse aos cambios introducidos pola Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, e na Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación neste ámbito material, e, doutro, acadar unha maior axilidade na xestión administrativa.

Por outra banda, na disposición derradeira primeira lévase a cabo unha profunda reorganización da Axencia Galega de Infraestruturas co fin de adaptar a súa estrutura e funcións ás novas tarefas que nos últimos tempos son obxecto de encomenda polos distintos departamentos da Xunta de Galicia. Así, máis concretamente, ademais de redefinir as funcións das áreas da Axencia para dar cabida ás novas funcións que esta asume en materia de obras de edificación, créase o Servizo de Obra de Edificación e o Servizo de Contratación, o cal permitirá mellorar a tramitación dos expedientes contractuais competencia desta entidade, ao mesmo tempo que satisfacer de maneira eficiente as encomendas que se efectúen en materia de obra de edificación.

Finalmente, polo que se refire á estrutura da Administración periférica, o presente decreto recolle o modelo organizativo previsto no Decreto 245/2009, do 30 de abril, de tal forma que, en aplicación dos principios de racionalidade e eficacia, o Departamento Territorial de Pontevedra estende a súa competencia a todo o ámbito provincial, sen prexuízo das funcións de coordinación que lles corresponden aos/ás delegados/as territoriais de Pontevedra e Vigo no seu respectivo ámbito competencial, consonte o artigo 2 da norma citada.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de abril de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Ámbito competencial e organización xeral da consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de infraestruturas, mobilidade e vivenda, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

Artigo 2. Estrutura da consellería

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, baixo a superior dirección do/a seu/súa titular, contará para o exercicio das súas competencias cos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Dirección Xeral de Mobilidade

Artigo 3. Organismos, entes e órganos adscritos á Consellería de Infraestruturas e Vivenda

1. Quedan adscritos a esta consellería, en virtude do disposto no artigo 4 do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, os seguintes organismos e entes:

a) A Axencia Galega de Infraestruturas, creada, en virtude da autorización prevista na disposición adicional cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o seu estatuto.

b) O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, creado pola Lei 3/1998, do 27 de abril.

c) O Xurado de Expropiación de Galicia regulado pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e cuxo Regulamento de organización e funcionamento foi aprobado polo Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

2. Así mesmo, tamén quedan adscritos á Consellería de Infraestruturas e Vivenda co carácter, misión e funcións establecidas nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Galego de Transportes regulado polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo.

b) O Comité Asesor de Habitabilidade regulado pola Orde do 12 de xaneiro de 2011.

TÍTULO II
Servizos centrais

CAPÍTULO I

Artigo 4. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investido das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Así mesmo, sen prexuízo das competencias e funcións atribuídas á persoa titular da consellería pola normativa vixente no seu sector de actividade administrativa, corresponderanlle especificamente as seguintes atribucións :

a) Aquelas competencias que lle atribúan regulamentariamente á Administración titular da rede no procedemento de tramitación dos plans sectoriais de estradas e das súas modificacións .

b) Acordar con outras administracións cambios na titularidade das estradas.

c) Resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas.

d) Aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

e) Emitir informe sobre as propostas de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou as actuacións previstas nos plans de estradas vixentes.

f) Establecer medidas ou procedementos compensatorios que, nos tramos das estradas onde se estableza un pagamento de peaxe ou taxa polo seu uso, veñan reducir ou anular o pago directo polas persoas usuarias.

g) Aprobar o establecemento de contribucións especiais.

h) Aprobar a redución excepcional das distancias establecidas con carácter xeral para a liña límite de edificación.

i) O exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe a Administración expropiante en materia de expropiación forzosa.

CAPÍTULO II
Da Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5. Atribucións

A Secretaría Xeral Técnica exercerá as funcións e competencias establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais normativa aplicable, en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a consellería, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable ou mesmo as que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da consellería.

Artigo 6. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica.

c) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo.

d) Servizo de Apoio Técnico.

2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica que se rexerá polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, desenvolverá as funcións previstas no capítulo II da citada norma e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 2ª. Da Vicesecretaría Xeral

Artigo 7. Funcións

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral a Vicesecretaría Xeral, é a unidade que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa das funcións e actuacións que desenvolverán polos órganos dependentes da Secretaría Xeral Técnica así como as xefaturas territoriais.

b) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

c) A preparación, licitación, adxudicación e recepción dos expedientes de contratación administrativa de competencia da Consellería.

d) Xestión dos expedientes de subvencións que non sexan competencia doutros órganos da Consellería.

e) Coordinación do parque móbil da Consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia e coordinación das dotacións relativas ao vestiario do persoal.

f) Formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da Consellería.

g) Asesorar e emitir os informes solicitados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, en especial, prestarlle asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Vicesecretaría Xeral contará coa seguinte unidade, con nivel orgánico de servizo:

Servizo de Contratación e Apoio Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

b) As funcións inherentes á preparación, licitación, adxudicación e recepción dos expedientes de contratación de competencia da Consellería, así como as súas modificacións.

c) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Sección 3ª. Da Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica

Artigo 8. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal da Consellería.

b) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

c) A xestión dos plans de formación de persoal da Consellería.

d) A organización dos aspectos que atinxen o réxime interior da Consellería.

e) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á representación dela na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

f) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

g) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coa seguinte unidade:

Servizo de Persoal e Xestión Económica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da Consellería e seguimento e control do rexistro de persoal.

b) Xestión do réxime interno da Consellería, rexistro, arquivo e información, tramitación de reclamacións e recursos en materia de persoal e xestión do plan de formación e do plan de publicacións.

c) Coordinación e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería, control da execución económica, tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e a execución dos gastos que se lle atribúan.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Persoal, Xestión Económica e Control Orzamentario

Sección 4ª. Da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo

Artigo 9. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

c) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á Consellería polos xulgados, tribunais, Defensor/a do Pobo, Valedor/a do Pobo e outros órganos e institucións.

d) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere adecuado, coas unidades da consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

e) Coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro.

f) A redacción de propostas de resolución de expedientes sancionadores e de reposición das cousas ao seu estado anterior, de ser o caso, por comisión de infraccións tipificadas como leves, graves e moi graves na normativa de estradas.

g) A instrución, tramitación e redacción de propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

h) A asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da consellería aos órganos e entidades dependentes desta.

i) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico I.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da Consellería e que sexan atribuídas pola persoa titular da Subdirección Xeral no estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo.

2.2. Servizo Técnico-Xurídico II.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da consellería e que sexan atribuídas ou encomendadas á persoa titular da subdirección xeral, no estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería ou das entidades adscritas, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo.

Sección 5ª. Do Servizo de Apoio Técnico

Artigo 10. Funcións

O Servizo de Apoio Técnico desenvolverá as seguintes funcións:

a) Xestión e control dos protocolos de colaboración, convenios de colaboración e cooperación e encomendas de xestión en que sexa parte a Consellería e non sexan competencia doutros órganos desta.

b) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o estudo e a tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

c) Rexistro e arquivo das disposicións legais emanadas da Consellería, así como levar a cabo as recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

d) Coordinación, tramitación e xestión dos asuntos relativos á publicidade e transparencia no ámbito da Administración pública.

e) Coordinación e desenvolvemento da implantación da Administración electrónica na Consellería e entes adscritos.

f) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

CAPÍTULO III
Da Dirección Xeral de Mobilidade

Artigo 11. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Mobilidade exercerá as funcións de impulso, xestión e coordinación das políticas atribuídas á Consellería nos ámbitos da planificación, financiamento e ordenación do transporte e, en particular, exercerá as seguintes:

a) A planificación, a coordinación e o seguimento da política xeral de transportes e a execución dos servizos e das infraestruturas de transportes na Comunidade Autónoma.

b) A promoción da investigación sobre transporte, loxística e mobilidade, e o asesoramento ao departamento nestas materias.

c) O estudo e elaboración de proxectos normativos no ámbito das súas funcións.

d) A ordenación do transporte terrestre, por cable e marítimo no ámbito competencial da Comunidade Autónoma. No marco desta función, desenvolverá todas aquelas atribucións que lle estean conferidas polas disposicións vixentes na materia e, singularmente:

– O outorgamento das autorizacións habilitantes para o desenvolvemento da actividade de transporte, así como a emisión de informes preceptivos en relación cos indicados títulos habilitantes, consonte co establecido pola normativa sectorial .

– O outorgamento de autorizacións para a prestación de servizos de transporte público regular de viaxeiros/as.

– Acordar o establecemento ou creación de servizos regulares de transporte de persoas de uso xeral ou mixto e aprobar os correspondentes proxectos de prestación.

– Acordar a aplicación do procedemento de adxudicación directa de contratos de xestión de servizos de transporte público regular de persoas por estrada, aprobar os correspondentes proxectos de explotación e adxudicar e formalizar estes contratos.

– A proposta de adxudicación da explotación dos servizos públicos regulares permanentes de persoas viaxeiras de uso xeral, a través do correspondente contrato de xestión, cando non resulte de aplicación o procedemento de adxudicación directa, e a resolución de expedientes referentes á súa modificación.

– O rexistro de empresas, vehículos, autorizacións, asociacións ou actividades relacionadas co transporte e a loxística.

e) A planificación e a execución das políticas de control e inspección dos diversos modos de transporte.

f) A tramitación e a resolución dos expedientes sancionadores en materia de transporte terrestre e marítimo, de conformidade coas normas de atribución de competencias vixentes. Así mesmo, e de acordo con esas mesmas normas, o estudo e a tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas en tal clase de expedientes, e a súa resolución, de ser o caso.

g) O estudo, análise e implantación de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable, o control e a supervisión dos sistemas de información e xestión automatizados, a coordinación dos transportes urbanos cos interurbanos e o fomento de melloras nos elementos móbiles do transporte.

h) A planificación, coordinación e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, e a proposta de adxudicación e explotación das terminais de transportes de viaxeiros/as.

i) A promoción, proxección, construción e xestión dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.

j) A programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable, e o réxime administrativo, dirección, inspección e control delas no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

k) O desenvolvemento da xestión administrativa en materia de transporte e, singularmente:

– Resolución ou, se é o caso, informe e proposta dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

– As funcións inherentes á xestión económica e o seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividade de fomento, no ámbito das súas competencias.

– A tramitación dos expedientes de expropiación forzosa no ámbito das súas competencias.

– Instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial da Administración, no ámbito das súas competencias.

l) A coordinación da actividade dos servizos territoriais de mobilidade.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, e para o adecuado exercicio das competencias enumeradas no artigo anterior, a Dirección Xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, ás cales corresponderán as funcións que a seguir se detallan:

2.1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

2.1.1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servizos adscritos, así como cos servizos provinciais, en materia de ordenación do transporte.

b) O estudo e a proposta de resolución en materia de contratos de xestión de servizos públicos de transporte e autorizacións.

c) O apoio e asistencia á Dirección Xeral en materia de estudo, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais ou sobre materias que a Dirección Xeral lle encomende, e asistencia na coordinación ou colaboración con outras administracións ou entidades en actuacións referentes ao transporte.

d) A coordinación da Xunta Arbitral do Transporte de Galicia.

e) A xestión das liñas de axudas en materia de transportes.

f) A coordinación da formación e a cualificación profesional no sector do transporte.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.1.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.1.2.1. Servizo de Ordenación do Transporte Regular de Viaxeiros.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Terá atribuído o estudo e a proposta de resolución en materia de servizos de transporte público regular de viaxeiros/as por estrada, así como o apoio e a coordinación da xestión administrativa dos servizos territoriais.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.2. Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Desenvolvemento e coordinación dos plans de actuación que, en materia de mobilidade, impulse a Dirección Xeral.

b) Implantación, coordinación, xestión e seguimento do Plan de transporte metropolitano de Galicia.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.3. Servizo de Autorizacións, Informes e Xunta Arbitral.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en materia de títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade de transporte e a elaboración de informes preceptivos e facultativos no ámbito da habilitación para o desempeño da actividade de transporte.

b) A xestión da Secretaría da Xunta Arbitral do Transporte de Galicia.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.4. Servizo de Estudos e Apoio Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O apoio e asistencia en materias xurídicas e nas actividades de regulación e desenvolvemento normativo, a proposta de resolución e seguimento das liñas de axudas en materia de transporte, e a resolución ou, se é o caso, informe e proposta dos recursos interpostos no ámbito da ordenación dos transportes.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.

2.2.1. A Subdirección Xeral de Inspección do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) En relación coa función de control do cumprimento da normativa reguladora dos transportes, corresponderalle a elaboración dos correspondentes plans e programas de actuación na dita área, así como a súa execución e o control e a avaliación do seu cumprimento.

b) A tramitación e a resolución dos expedientes sancionadores en materia de transporte terrestre e marítimo, de conformidade coas normas de atribución de competencias vixentes. Así mesmo, e de acordo con esas mesmas normas, o estudo e a tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas en tal clase de expedientes.

c) Nas ditas áreas inspectora e sancionadora corresponderalle a coordinación xeral da xestión administrativa que en tales ámbitos desenvolvan os servizos adscritos e os servizos territoriais.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.2.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Inspección do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.2.2.1. Servizo de Inspección.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación xeral das funcións de programación, dirección e avaliación da actuación inspectora en materia de transportes desenvolvida no territorio da Comunidade Autónoma.

b) O asesoramento e a colaboración coas empresas de transporte, para os efectos de facilitarlles o cumprimento das obrigas formais e materiais que lles incumben.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.2. Servizo de Informes e Recursos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A incoación dos expedientes sancionadores iniciados como consecuencia da formulación das oportunas actas ou informes que subscriba o persoal inspector adscrito aos servizos centrais, así como a tramitación de tales expedientes e a dos instruídos nos servizos territoriais.

b) A tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas nos expedientes sancionadores.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Planificación Técnica.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Planificación Técnica exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e a análise de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable.

b) O estudo, a proposta e a programación das actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito de actuacións da Dirección Xeral.

c) A xestión e a coordinación das accións que se leven a cabo en materia de aeródromos na Comunidade Autónoma.

d) Seguimento das actuacións que respecto do transporte ferroviario desenvolvan outras administracións públicas distintas da Comunidade Autónoma.

e) A planificación, coordinación e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, así como a proposta da súa adxudicación e explotación.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Planificación Técnica contará co seguinte servizo:

2.3.2.1. Servizo de Infraestruturas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Apoio técnico á Subdirección Xeral de Planificación Técnica sobre as infraestruturas de transporte de viaxeiros/as existentes na Comunidade Autónoma.

b) Tarefas de planificación e execución de novas actuacións destinadas ao uso dos/as viaxeiros/as do transporte público colectivo, así como dos elementos complementarios destas.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

TÍTULO III
Das xefaturas territoriais da Consellería de Infraestruturas e Vivenda

Artigo 12. Xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias a Consellería de Infraestruturas e Vivenda organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra que desenvolverán as súas funcións no ámbito provincial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada xefatura territorial estarán os/as xefes/as territoriais que exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e proposta de resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos ou unidades que o integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamento de gastos da xefatura territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais da xefatura territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia da xefatura territorial.

g) A incoación, instrución e tramitación dos expedientes sancionadores e de reposición das cousas ao seu estado anterior, de ser o caso, que se inicien en materia de estradas.

h) Cantas outras funcións expresamente lle sexan atribuídas ou delegadas.

3. Integran cada unha das xefaturas territoriais o seguinte servizo:

3.1. Servizo de Mobilidade.

Desenvolverá as funcións propias da consellería en materia de mobilidade así como aqueloutras que se lle asignen dentro do referido ámbito competencial. De maneira específica, serán os competentes para ditar as resolucións que procedan en relación con:

a) O outorgamento, visado, rehabilitación, modificación e demais actuacións relativas aos títulos habilitantes para o exercicio das diferentes clases de actividades de transporte.

b) A emisión dos informes preceptivos que prevé a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, agás o do seu artigo 7, que corresponderá á Dirección Xeral de Mobilidade.

c) O outorgamento, expedición e demais trámites administrativos relativos ás tarxetas de tacógrafo.

d) A autorización de centros de formación, a homologación de cursos, a expedición das tarxetas acreditativas da cualificación profesional, e demais actuacións relativas á cualificación inicial e formación continua para a obtención e/ou renovación do certificado de aptitude profesional (CAP) de condutores de vehículos destinados ao transporte por estrada. Porén, queda excluída a competencia para convocar e organizar os exames de cualificación inicial, que exercerá a Dirección Xeral de Mobilidade.

e) O outorgamento e a prórroga das autorizacións especiais que habiliten para a prestación de servizos de transporte público regular de viaxeiros de uso especial, e o visado de tarifas, horarios e a autorización da adscrición de vehículos aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros.

Disposición adicional primeira

No non previsto neste decreto, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos órganos de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia. Neste sentido, a substitución será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, correspondéndolle á primeira persoa, se for o caso, substituír á ultima.

Disposición adicional segunda

No exercicio das función a que se refire este decreto integrarase de maneira activa a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición adicional terceira

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, así como dos/as titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico do seu ámbito de competencias, procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres

Disposición transitoria primeira

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase á persoa titular da Consellería Infraestruturas e Vivenda, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde da persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición transitoria terceira

Aceptación de encomendas das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes.

A Axencia Galega de Infraestruturas, dende a aprobación deste decreto, asumirá as encomendas que lle realicen en materia de obra civil e edificación nos ámbitos sanitarios, sociais e educativos. Progresivamente, poderá asumir novas encomendas e encargos que, dos restantes ámbitos da Administración, lle poidan efectuar as distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes, en materia de obra civil e edificación, na medida en que se dote a Axencia dos medios necesarios para levalas a cabo.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, así como cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas

O Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, queda modificado como segue:

Un. Dáse nova redacción ao punto 3 do artigo 13, que queda redactado como segue:

«3. Son funcións da Dirección:

a) Elaborar o proxecto de estatuto da Axencia e as súas modificacións, as normas de réxime interior da axencia e, se é o caso, das unidades adscritas.

b) Elaborar o proxecto de plan anual de actividades da Axencia e a súa memoria explicativa.

c) Exercer a xefatura do persoal da Axencia.

d) Actuar, no ámbito dos contratos do sector público, como órgano de contratación da Axencia.

e) Elaborar a relación de postos de traballo da Axencia.

f) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos e unidades adscritas á Axencia e ditar as instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

g) Executar os orzamentos e o plan anual de actividades da Axencia.

h) Autorizar os pagamentos e os gastos da Axencia e das unidades adscritas.

i) Elaborar o informe anual sobre a actuación e a xestión da Axencia.

j) Propoñerlle ao Consello Reitor o nomeamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade, do persoal directivo.

k) A resolución de expedientes sancionadores pola comisión de infraccións tipificadas como leves ou graves na normativa reguladora de estradas.

l) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas

m) Aprobar tecnicamente os estudos informativos, estudos de impacto ambiental, anteproxectos e/ou proxectos en materia de obra civil e edificación.

n) O resto das atribucións relacionadas co exercicio das funcións da Axencia Galega de Infraestruturas que se establecen no artigo 7 deste decreto, cando non estean expresamente atribuídas o outros órganos neste decreto ou noutras normas de rango legal ou regulamentario».

Dous. Modifícase a sección 3ª «Estrutura administrativa» do Capítulo II «Organización», que queda redactada nos seguintes termos:

«Estrutura administrativa.

Artigo 14. Estrutura administrativa básica

1. A Axencia Galega de Infraestruturas estrutúrase nas seguintes áreas, que terán nivel orgánico de subdirección xeral:

a) Área de Contratación e Administración.

b) Área de Planificación e Proxectos.

c) Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria.

2. Adscrita organicamente á Dirección da Axencia existirá, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica da Axencia Galega de Infraestruturas, que dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

Someteranse ao informe previo da Asesoría Xurídica da Axencia Galega de Infraestruturas os seguintes actos:

a) A aprobación dos pregos de cláusulas administrativas particulares aplicables aos contratos que celebre a Axencia.

b) A sinatura dos convenios de cooperación con entes públicos e de colaboración con particulares no marco das competencias atribuídas á Axencia, así como das súas modificacións.

c) A aprobación das propostas de modificación dos contratos que celebre a Axencia.

d) A adxudicación dos contratos de obras complementarias que se celebren co adxudicatario da obra principal mediante o procedemento negociado sen publicidade.

e) En xeral, aqueloutros actos nos que o informe da Asesoría Xurídica sexa exixido por unha norma de rango legal ou regulamentario e os que a persoa titular da Dirección da Axencia considere oportuno someter ao seu informe.

3. A estrutura territorial da Axencia Galega de Infraestruturas está constituída polos seus servizos de ámbito provincial, que dependerán funcional e organicamente da súa dirección, e teñen encomendada a xestión das competencias da Axencia no seu respectivo ámbito territorial, de acordo coas instrucións e directrices emitidas pola Dirección e o resto de órganos directivos, no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 15. Área de Contratación e Administración

1. A Área de Contratación e Administración exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión económica e contable da execución orzamentaria realizada pola Axencia e o control dos seus orzamentos.

b) A tramitación, o seguimento e o control dos expedientes de contratación administrativa da Axencia.

c) A xestión, control e tramitación administrativa dos convenios de colaboración e protocolos con outras administracións e entidades públicas ou privadas.

d) A tramitación dos procedementos de transferencia de titularidade de estradas.

e) A xestión e inventario do patrimonio da Axencia e do adscrito a ela.

f) As tarefas de arquivamento e rexistro.

g) A coordinación da actividade administrativa da Axencia.

h) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Área de Contratación e Administración contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Apoio Administrativo, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A xestión, control e tramitación administrativa dos convenios de colaboración e protocolos con outras administracións e entidades públicas ou privadas no marco das competencias da Axencia.

2º. A execución, xestión, contabilidade e control dos orzamentos de gastos correntes, agás os de persoal, e transferencias de capital da Axencia, así como as ordes de transferencia dos pagamentos asociados.

3º. A tramitación dos procedementos de transferencia de titularidade de estradas.

4º. A xestión patrimonial e inventario dos bens e dereitos pertencentes á Axencia e dos adscritos a ela.

5º. A elaboración dos informes requiridos polos órganos estatutarios ou constitucionais no ámbito das funcións da Axencia e seguimento de acordos parlamentarios, así como a xestión das solicitudes de información realizadas pola cidadanía.

6º. O rexistro de documentación.

7º. O impulso das medidas de coordinación da actividade administrativa das distintas unidades da Axencia e destas con outros órganos das administracións públicas.

8º. En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Contratación e Administración.

b) Servizo de Xestión Económica, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A elaboración do anteproxecto de orzamentos da Axencia, en coordinación co resto de servizos, así como a tramitación das correspondentes modificacións orzamentarias.

2º. A execución, xestión, contabilidade e control dos capítulos de gastos dos orzamentos da Axencia que non teñan encomendados outros servizos, así como o seguimento e a coordinación do resto de capítulos.

3º. A xestión dos expedientes relativos ao financiamento con fondos comunitarios e outros fondos finalistas en coordinación coa consellería competente en materia de facenda.

4º. A orde de transferencia dos pagamentos asociados aos capítulos dos orzamentos da Axencia que non teñan encomendados outros servizos.

5º. A xestión dos ingresos da Axencia e da súa tesouraría.

6º. En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Contratación e Administración.

c) Servizo de Contratación, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. Elaboración de pregos de cláusulas administrativas particulares en materia de contratación pública, agás os relativos a contratos de concesións públicas

2º. A xestión dos expedientes de contratación administrativa da Axencia.

3º. Proposta de resolución de recursos en materia contractual.

4º. En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Contratación e Administración.

Artigo 16. Área de Planificación e Proxectos

1. A Área de Planificación e Proxectos exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración, seguimento, control, supervisión e proposta de aprobación técnica dos plans, estudos, anteproxectos e proxectos en materia de estradas e a xestión e proposta de resolución, se é o caso, dos seus expedientes de información pública e oficial.

b) As actividades preparatorias dos expedientes de expropiación forzosa derivados de proxectos de estradas, no caso de que lle sexan atribuídas.

c) As actividades preparatorias e o inicio dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectoriai previa que afecte os proxectos de estradas.

d) A elaboración de informes sobre os diferentes instrumentos de planificación sectorial que afecten a Rede autonómica de estradas de Galicia.

e) A elaboración de informes sobre transferencia de estradas entre administracións e redución excepcional das distancias fixadas con carácter xeral para a liña límite de edificación, cando se vexan implicadas estradas que son obxecto da lexislación autonómica en materia de estradas.

f) A preparación e proposta de aprobación de instrucións técnicas relativas á planificación en materia de estradas e á redacción e supervisión de proxectos e estudos.

g) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos plans, estudos, anteproxectos e proxectos en materia de estradas. En todo caso, os relativos á explotación, seguridade viaria e conservación das estradas, elaboraranse en coordinación cos servizos con competencias en cada unha das materias.

h) As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven doutras actuacións que lle sexan encomendadas especificamente á Axencia polos órganos do sector público autonómico que exerzan competencias sobre elas.

i) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Área de Planificación e Proxectos contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Planificación, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A elaboración, seguimento e control dos plans e estudos en materia de estradas, así como dos anteproxectos e proxectos de estradas sometidos aos trámites de información pública e oficial.

2º. A tramitación dos expedientes de información pública e oficial dos plans, estudos e proxectos.

3º. As actividades preparatorias dos expedientes de expropiación forzosa derivados de proxectos de estradas.

4º. A elaboración de informes nos procedementos de aprobación, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación do territorio e dos instrumentos de ordenación urbanística que afecten directamente a Rede autonómica de estradas de Galicia.

5º. A elaboración de informes solicitados por outros departamentos da administración sobre estudos e plans que afecten a Rede autonómica de estradas de Galicia.

6º. A elaboración de informes sobre transferencias de estradas ou treitos delas que formen parte da Rede autonómica de estradas de Galicia ou das redes de estradas das entidades locais ou que pasen a formar parte dalgunha delas.

7º. A elaboración de informes sobre expedientes de redución excepcional das distancias fixadas con carácter xeral para a liña límite de edificación na lexislación autonómica en materia de estradas, nas estradas que son obxecto daquela.

8º. A preparación de instrucións técnicas relativas á elaboración de plans e estudos en materia de estradas, así como dos anteproxectos e proxectos de estradas sometidos aos trámites de información pública e oficial.

9º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos plans e estudos en materia de estradas, así como dos anteproxectos e proxectos de estradas sometidos aos trámites de información pública e oficial ou que deriven doutros estudos ou proxectos sometidos a eles.

10º. En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Planificación e Proxectos.

b) Servizo de Proxectos, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. As seguintes funcións en relación cos proxectos en materia de estradas non sometidos aos trámites de información pública e oficial:

a) O seguimento da súa tramitación.

b) O control técnico da súa elaboración. En todo caso, os relativos á explotación, seguridade viaria e conservación das estradas controlaranse en coordinación cos servizos con competencias en cada unha das materias.

c) A coordinación administrativa da súa tramitación.

d) A coordinación técnica da súa tramitación.

e) A xestión dos contratos para a súa redacción. En todo caso, os relativos á explotación, seguridade viaria e conservación das estradas, xestionaranse en coordinación cos servizos con competencias en cada unha das materias.

2º. A preparación de instrucións técnicas relativas á elaboración de anteproxectos e proxectos non sometidos aos trámites de información pública e oficial.

3º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos anteproxectos e proxectos en materia de estradas non sometidos aos trámites de información pública e oficial e que non se deriven doutros estudos ou proxectos sometidos a eles. En todo caso, os relativos á explotación, seguridade viaria e conservación das estradas, elaboraranse en coordinación cos servizos con competencias en cada unha das materias.

4º. Velar polo cumprimento dos criterios técnicos en materia de seguridade viaria en todos os proxectos en materia de estradas, en coordinación co Servizo de Explotación e Seguridade Viaria.

5º. As actividades preparatorias e o inicio dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial previa que afecte os proxectos de estradas.

6º. As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven doutras actuacións que lle sexan encomendadas especificamente á Axencia polos órganos do sector público autonómico que exerzan competencias sobre elas.

7º. En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Planificación e Proxectos.

c) Servizo de Supervisión de Proxectos, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A supervisión e o informe, en función das disposicións de carácter legal ou regulamentario e da normativa técnica aplicable, dos plans, estudos, anteproxectos e proxectos en materia de estradas, así como, se é o caso, dos estudos de impacto ambiental que os acompañen.

2º. A preparación de instrucións técnicas relativas á supervisión de proxectos e estudos.

3º. Velar polo cumprimento dos criterios técnicos en materia de seguridade viaria en todos os proxectos en materia de estradas.

4º. As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven doutras actuacións que lle sexan encomendadas especificamente á Axencia polos órganos do sector público autonómico que exerzan competencias sobre elas.

5º. En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Planificación e Proxectos.

Artigo 17. Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria

1. A Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación e control da construción de estradas e as súas incidencias.

b) A coordinación cos servizos provinciais da Axencia para a tramitación dos expedientes en materia de expropiación forzosa na fase de obra, no caso de que lle sexan atribuídos.

c) O seguimento e control dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial que afecte as obras de estradas.

d) O seguimento e control das actividades de preparación dos pregos de prescricións técnicas dos contratos en materia de construción, explotación, seguridade viaria e conservación.

e) A coordinación, control e seguimento das actividades de explotación, incluíndo a seguridade viaria, conservación e mantemento da viabilidade nas estradas de titularidade autonómica.

f) O seguimento e control das actividades de preparación de contratos, elaboración de pregos, proxectos, construción e explotación de estradas en réxime de concesión.

g) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes de concesións de áreas de servizo.

h) A preparación e proposta de aprobación de instrucións técnicas relativas á construción, explotación, seguridade viaria, conservación de estradas e concesión de obra pública.

i) A xestión, coordinación e control da construción de obras de edificación e as súas incidencias, agás os relativos á conservación e mantemento destas.

j) As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven doutras actuacións que lle sexan encomendadas especificamente á Axencia polos órganos do sector público autonómico que exerzan competencias sobre elas.

k) En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Obra Civil, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. O seguimento e control da execución das obras en materia de estradas, agás as executadas segundo contratos de concesión de obra pública.

2º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e o seguimento e control da execución dos contratos de servizos complementarios á execución de obras en materia de estradas, agás os das executadas segundo contratos de concesión de obra pública.

3º. O seguimento e control dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial que afecte as obras de estradas.

4º. A proposta e participación no estudo e desenvolvemento de novas técnicas de construción de estradas.

5º. A preparación de instrucións técnicas relativas á construción de estradas.

6º. A coordinación co Servizo de Proxectos, pertencente á Area de Planificación e Proxectos, para a elaboración dos pregos e proxectos relativos á construción das estradas.

7º. As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven doutras actuacións de enxeñaría civil que lle sexan encomendadas especificamente á Axencia polos órganos do sector público autonómico que exerzan competencias sobre elas.

8º. En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria.

b) Servizo de Obra de Edificación, ao cal lle corresponden as seguintes funcións, en relación coas actuacións de edificación que lle sexan encomendadas especificamente á Axencia polos órganos do sector público autonómico que exerzan competencias sobre elas:

1º. O seguimento e control da execución das obras en materia de edificación, agás os relativos á conservación e mantemento destas.

2º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e o seguimento e control da execución dos contratos de servizos complementarios á execución de obras en materia de edificación.

3º. O seguimento e control dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial que afecte a obras de edificación.

4º. A proposta e participación no estudo e desenvolvemento das novas técnicas de construción de edificios.

5º. A preparación de instrucións técnicas relativas á construción de edificios.

6º. En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria.

c) Servizo de Concesións de Obra Pública, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. O seguimento e control dos estudos e proxectos que conforman as actuacións preparatorias do contrato de concesión de obra pública.

2º. O seguimento e control dos proxectos redactados no ámbito dos contratos de concesión de obra pública.

3º. O seguimento e control das obras de construción que formen parte de contratos de concesión de obra pública, así como a revisión da documentación previa ao inicio das obras.

4º. O seguimento e control da explotación, incluíndo a conservación e mantemento das obras públicas en réxime de concesión.

5º. A elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares dos contratos de concesión de obra pública, así como dos de prescricións técnicas destes e dos de servizos relacionados.

6º. A preparación, tramitación e seguimento dos expedientes das concesións das áreas de servizo.

7º. A preparación de instrucións técnicas relativas á explotación de estradas en réxime de concesión.

8º. En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia ou da Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria.

d) Servizo de Conservación, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A coordinación, control e seguimento das actividades desenvolvidas polos servizos provinciais da Axencia no relativo á conservación ordinaria e mantemento da viabilidade nas estradas que non sexan obxecto de explotación indirecta.

2º. A coordinación das propostas de actuacións en materia de conservación extraordinaria das estradas que non sexan obxecto de explotación indirecta, e o seguimento e control das actividades derivadas.

3º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos contratos en materia de conservación e mantemento da vialidade e dos servizos relacionados.

4º. A proposta e participación no estudo e desenvolvemento de novas técnicas de conservación de estradas.

5º. A coordinación co Servizo de Proxectos, pertencente á Área de Planificación e Proxectos, para a elaboración dos pregos e proxectos relativos á conservación de estradas.

6º. A preparación de instrucións técnicas relativas á conservación de estradas.

7º. En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria.

e) Servizo de Explotación e Seguridade Viaria, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A xestión e explotación dos datos de tráfico e accidentalidade da Rede autonómica de estradas de Galicia e o seguimento dos estudos e informes en materia de seguridade viaria.

2º. O seguimento do Plan de seguridade viaria levado a cabo pola Administración autonómica.

3º. O inventario dos elementos da Rede autonómica de estradas de Galicia.

4º. A coordinación cos servizos provinciais da Axencia nos asuntos relativos á explotación de estradas.

5º. A coordinación, seguimento e control das accións e campañas relacionadas coa seguridade viaria.

6º. A coordinación con outras administracións e organismos con competencias propias no ámbito da seguridade viaria.

7º. A coordinación da explotación dos sistemas intelixentes de transportes que se instalen na Rede autonómica de estradas de Galicia.

8º. A proposta e participación no estudo e desenvolvemento de novas técnicas en materia de seguridade viaria.

9º. A preparación de instrucións técnicas relativas á explotación de estradas e ao mantemento da súa seguridade viaria.

10º. A coordinación co Servizo de Proxectos, pertencente á Area de Planificación e Proxectos, para a elaboración dos pregos e proxectos relativos á explotación e seguridade viaria de estradas.

11º. En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria.

Artigo18. Servizos Provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas

Os servizos provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra exercerán, nos seus respectivos ámbitos territoriais, as seguintes funcións:

a) A colaboración coas xefaturas territoriais da consellería competente en materia de infraestruturas na xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal daqueles.

b) A vixilancia das actividades realizadas nas estradas autonómicas e nas súas zonas de protección, incluídas as que poidan supoñer infraccións da lexislación sectorial de estradas.

c) A xestión, coordinación e control dos gastos correntes e de capital que se correspondan cos créditos que lle sexan desconcentrados.

d) A explotación, incluíndo as actividades de conservación ordinaria, mantemento e vialidade das estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia que non sexan obxecto de explotación indirecta, realizadas con medios propios ou alleos.

e) A tramitación e resolución dos expedientes de autorización e informes preceptivos para todo tipo de obras, instalacións e actividades que afecten terreos comprendidos no dominio público viario e as súas zonas de protección das estradas de titularidade autonómica, agás as concesións de áreas de servizo.

f) A emisión dos informes sobre funcionamento dos servizos públicos para efectos de determinación da responsabilidade patrimonial, cando estean relacionados coa explotación das estradas autonómicas.

g) A emisión dos informes técnicos necesarios para a instrución dos expedientes sancionadores polas infraccións tipificadas na lexislación autonómica en materia de estradas, dos expedientes de restitución do medio físico en materia de estradas e dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

h) A incoación, tramitación e resolución dos expedientes de indemnización por danos e perdas causados ás estradas de titularidade autonómica.

i) A organización dos medios propios de que dispoñen, tanto materiais como humanos, incluíndo os vehículos e maquinaria do parque móbil adscritos.

j) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia e do seu ámbito territorial pola persoa titular da Dirección da Axencia ou das distintas áreas, nos ámbitos das súas respectivas competencias».

Disposición derradeira segunda

Autorízase a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de abril de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda