Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 2 de maio de 2017 Páx. 21547

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural coa categoría de monumento a Cova de Eirós, sita no lugar de Cancelo, na parroquia de San Cristovo de Cancelo, no termo municipal de Triacastela (Lugo).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indicábase que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

Ao longo dos últimos anos a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria foi recollendo información sobre as actividades plistocenas no noroeste peninsular co fin de ampliar o coñecemento sobre a etapa paleolítica de Galicia. Froito desta circunstancia foron as campañas de escavacións realizadas na Cova de Eirós, cavidade cárstica sita no concello lugués de Triacastela, durante os anos 1993, 2008-2016, que descubriron restos de osos das cavernas e ocupacións paleolíticas que abranguían desde o Paleolítico medio (ca. 41.000 BP) ata os momentos finais do Paleolítico superior (ca. 12.000 BP) e indicios de presenza dunha serie de motivos e gravados nas paredes da Gran Sala e nunha das galerías do interior da cavidade. Por todo isto, o valor científico e patrimonial da Cova de Eirós é excepcional, ao aglutinar un xacemento paleontolóxico de grande interese no fondo da cova cun xacemento arqueolóxico cunha dilatada secuencia de ocupación. A todo isto cómpre engadir a localización da arte rupestre prehistórica, a primeira deste tipo coñecida na comunidade autónoma galega.

Así pois, tendo en conta os valores deste xacemento, proponse a súa declaración singular como ben de interese cultural coa categoría de monumento, por considerala a figura máis acaída, para o seu réxime de protección, que deriva do establecido no artigo 10.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, que o define como «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e en virtude do que dispón o título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992), e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 150, do 6 de agosto), como consecuencia dos informes técnicos devanditos e da documentación xustificativa completa,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós, sita no lugar de Cancelo, na parroquia de San Cristovo de Cancelo, no concello lugués de Triacastela, conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación proposta nos anexos II e III, e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para monumentos en particular, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita, e no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Sexto. Notificar esta resolución aos interesados, ao Concello de Triacastela e aos departamentos con competencias no ámbito afectado pola delimitación.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2017

Mª Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición do ben

1. Denominación: Cova de Eirós.

2. Descrición:

A coñecida como Cova de Eirós sitúase próxima ao lugar de Cancelo, na ladeira setentrional do monte Penedo, na serra do Oribio, nas estribacións da Serra do Courel, a 780 m sobre o nivel do mar. Tanto a boca como todo o seu desenvolvemento coñecido sitúanse dentro da parcela catastral 27062A03100150.

A topografía da cova é marcadamente lineal e segue unha dirección NNW, a mesma que presentan as bandas calcarias da zona de Triacastela-O Courel (Serie de Cándana), formación en que se insire. A cova, cunha lonxitude total duns 118 m, corresponde a un antigo tubo de circulación freática que presenta tres niveis superpostos. Tanto na zona da entrada como na final, o perfil das galerías é elíptico, por mor da antiga circulación freática, mentres que na parte media adquiren un perfil de tipo estante. As galerías atópanse parcialmente entulladas por sedimentos en que se distinguen niveis de solos estalagmíticos parcialmente desmantelados pola erosión.

A boca da cova sitúase a media altura do monte, a uns 25 m sobre o nivel do curso fluvial actual do regato Bezcós, nas coordenadas X: 646.855, Y: 4.736.428 (sistema de referencia de coordenadas ETRS89, código EPSG 25829, coa proxección UTM no fuso 29N). Ten unha entrada duns 2 m de altura e 3,5 de largura que presenta un pequeno ribazo exterior de forte pendente, proba de que a súa lonxitude no pasado foi algo maior. Este ribazo exterior forma parte tamén do monumento. A cova, tras os sete primeiros metros de percorrido, estréitase e convértese nunha gateira de 15 m de lonxitude e altura decrecente. A través dela accédese a unha grande sala, duns 15 m de longo, 6 de largo máximo e 5 de altura máxima.

Ao fondo da sala xorden dúas galerías, ambas as dúas practicamente paralelas entre si e cunha lonxitude similar, ademais dunha pequena en dirección nordeste, con moi pouco desenvolvemento. Á da esquerda, ou leste, accédese ascendendo por unha gorxa e, logo de transcorreren uns 20 metros, divídese pola súa vez en dúas paralelas, que volven unirse uns 17 m antes do final. Na súa fin chega a un lago artificial, formado no espazo onde se realizaron as escavacións paleontolóxicas dos anos 90 do século XX, punto onde deixa de ser transitable ao estar case completamente entullada con sedimentos. Á galería da dereita, ou oeste, accédese a través dunha gateira en altura e ten un desenvolvemento lineal duns 70 m ata o punto en que se estreita tanto que é imposible seguir transitando por ela.

Aínda que se producen achados arqueolóxicos e paleontolóxicos ao longo de toda a cova, a principal concentración dos primeiros dáse na súa boca, onde se constatan ocupacións do paleolítico medio e superior, prehistoria recente e medieval. A principal concentración de osos das cavernas prodúcese ao fondo da galería leste, no lugar onde se formou o lago artificial. En canto á arte rupestre que se documenta na cova, ata o de agora están identificados un total de 13 paneis con 93 motivos que se concentran na gran sala e mais na galería leste.

3. Delimitación da contorna afectada.

A delimitación do monumento é a da propia cova, máis o seu ribazo exterior. O contorno de protección está condicionado pola presenza dunha canteira na zona sur do monte Penedo, o macizo en que se atopa escavada, explotación que foi autorizada no seu día pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Daquela, consideramos que ante a alteración que sufriu historicamente a ladeira sur do monte, o fundamental é conservar as perspectivas da ladeira norte do monte no cal se sitúa a boca cova, tal e como se aprecia na actualidade. Trátase dunha ladeira cunha cobertoira de bosque autóctono que cómpre manter, que remata contra un regato e, do outro lado del, desenvólvese unha zona de veigas. Para manter esta perspectiva propomos incluír no contorno de protección toda a ladeira do monte desde o cumio, para evitar que a explotación sexa visible desde o val polo que se accede ao interior da cova. Emprégase como límite sur desta delimitación a pista mineira que percorre o cumio do monte, ao cal se lle engade unha banda de protección de 8 m. Así e todo, esta banda amplíase no contorno da cova para protexer o macizo calcario na vertical da cova, máis unha área duns 50 m, que semellan axeitados para conservar a súa integridade. En todo caso, dado que se está a realizar un seguimento da actividade mineira, este ámbito poderá ser revisado se se constatar que a explotación chega a alterar dalgunha maneira a cova.

A leste e oeste propóñense uns límites bastante afastados da cova (unha pequena valgada e mais a estrada local que une Cancelo con Vilavella), co fin de protexer toda a ladeira do monte Penedo visible desde o val en que se atopa a boca da cova. Cara ao norte, adáptase ao parcelario e unha serie de camiños rurais a uns 100 m do rego para protexer tamén o espazo agrario tradicional que se sitúa nas proximidades do monte Penedo.

Co fin de controlar calquera transformación que poida producirse logo do abandono da explotación mineira, proponse incluír unha área de amortecemento inmediatamente ao sur do contorno de protección, que abrangue fundamentalmente a dita canteira.

No contorno de protección deberá tenderse a manter a paisaxe tradicional existente. Para isto primaranse os usos actualmente existentes (usos tradicionais agrícolas e gandeiros e bosque autóctono). Consideramos que se deben prohibir as talas masivas de arboredo, eliminación de tocos, repoboacións forestais con especies non autóctonas e mesmo cambios de uso en solos agrarios. Tamén sería conveniente prohibir máis usos construtivos ca os existentes.

4. Localización.

A Cova de Eirós sitúase próxima ao lugar de Cancelo, parroquia do mesmo nome, no concello de Triacastela (Lugo). Está situada na ladeira norte do monte Penedo, nas estribacións da serra do Courel. A boca sitúase a media altura do monte, a 780 m de altitude sobre o nivel do mar e a 25 m sobre o curso fluvial do regato Bezcós. As súas coordenadas, no sistema de referencia de coordenadas ETRS89 (código EPSG 25829), coa proxección UTM no fuso 29, son as seguintes: X: 646.855, Y: 4.736.428. Tanto a boca como todo o seu desenvolvemento subterráneo coñecido sitúanse no interior da parcela coa referencia catastral 27062A03100150.

ANEXO II
Delimitación literal e gráfica

A delimitación tanto do contorno de protección coma da área de amortecemento corresponden cos seguintes puntos do sistema xeodésico de referencia oficial nas coordenadas ETRS89 fuso UTM 29:

Delimitación do contorno de protección

Punto

X

Y

1

646295

4736343

2

646442

4736577

3

646778

4736652

4

646823

4736591

5

647130

4736621

6

647248

4736488

7

647196

4736357

8

647188

4736345

9

647122

4736366

10

646926

4736274

11

646736

4736322

Delimitación da área de amortecemento

Punto

X

Y

A

647355

4736221

B

647495

4736202

C

647539

4735950

D

647345

4735814

E

647259

4735757

F

646628

4735817

G

646628

4735830

H

646425

4735724

A descrición do contorno de protección axústase aos seguintes puntos, en primeiro lugar e situándonos no vértice sur da parcela catastral 27062A03100133 comezamos o seu trazado no punto 1:

– P1. 646295-4736343. Sitúase no vértice sur da parcela catastral 27062A03100133, na fronte da estrada local que une as localidades de Cancelo e mais Vilavella. Desde aquí segue en dirección norte pola beira da estrada até o extremo norte do camiño catastral 27062A03109003, onde xira pola beira norte do camiño até chegar á parcela catastral 27062A03109101, onde se atopa o punto 2.

– P2. 646442-4736577. Desde aquí atravesa en diagonal a parcela 27062A03109101 cara ao vértice entre as parcelas 27062A03100063 e 96, bordea polo norte a primeira delas e máis o camiño catastral 27062A03109006 ata chegar ao camiño 27062A03109007, onde se atopa o punto 3.

– P3. 646778-4736652. Desde aquí atravesa en diagonal a parcela 27062A03109007 cara ao vértice entre as parcelas 27062A03109008 e 27062A03100087, onde xira en dirección sueste polo linde oeste das parcelas 87, 88 e 89 ata o vértice entre as parcelas 89 e 90, onde se atopa o punto 4.

– P4. 646823-4736591. Desde aquí xira cara ao leste pola beira norte das parcelas catastrais 27062A03100090, 76 e 75 e, ao chegar á parcela catastral do camiño 27062A03109009, segue pola súa beira meridional ata o vértice norte entre as parcelas 27062A03100041 e 42, onde se atopa o punto 5.

– P5. 647130-4736621. Desde aquí vai en dirección sueste pola beira leste das parcelas 27062A03100042, 43, 25 e 26, ata chegar ao vértice entre esta última coa 27, onde se atopa o punto 6.

– P6. 647248-4736488. Desde aquí diríxese cara ao suroeste pola beira das parcelas 27062A03100026 e 32 ata chegar ao vértice entre esta última coa 33, onde se sitúa o punto 7, na beira setentrional do actual camiño mineiro.

– P7. 647196-4736357. Desde aquí continúa polo lateral sueste da parcela 27062A03100033, atravesando en diagonal o actual camiño mineiro e ata superalo en 8 m, onde se sitúa o punto 8.

– P8. 647188-4736345. Desde aquí continúa cara ao oeste en paralelo ao camiño mineiro, a 8 m de distancia del, ata chegar ao punto 9, que se sitúa nas coordenadas indicadas.

– P9. 647122-4736366. Desde aquí diríxese en liña recta cara ao suroeste ata chegar ao punto 10, que se sitúa nas coordenadas indicadas.

– P10. 646926-4736274. Desde aquí diríxese en liña recta cara ao noroeste ata chegar ao punto 11, que se sitúa nas coordenadas indicadas.

– P11. 646736-4736322. Desde aquí continúa cara ao oeste en paralelo ao camiño mineiro, a 8 m de distancia del, ata chegar á parcela catastral 27062A03100133, que bordea polo sur para volver ao punto 1.

Polo que respecta á descrición da área de amortecemento, esta sitúase inmediatamente ao sur do contorno de protección do ben. Parte do punto 6 desta última no sentido das agullas do reloxo, e segue:

Desde o punto 6 do contorno de protección bordea polo leste as parcelas catastrais 27062A03100027, 28, 29, 14 e 167 ata chegar ao camiño 27062A03109005, onde se atopa o punto A.

– A. 647355-4736221. Desde aquí diríxese cara ao leste pola beira norte do camiño 27062A03109005 ata chegar ao vértice entre as parcelas 27062A03100143 e 140, onde xira cara ao sur atravesando o camiño con parcelas catastrais 27062A03109005 e 27062A03609001 cara ao vértice da parcela catastral 27062A03600407 co camiño, onde se atopa o punto B.

– B. 647495-4736202. Desde aquí xira bordeando polo leste as parcelas 27062A03600407, 16 e 449, ata chegar ao camiño 27062A03609005, onde se atopa o punto C.

– C. 647539-4735950. Desde aquí bordea polo norte o camiño 27062A03609005 ata chegar ao vértice entre as parcelas 27062A03600026 e 714, onde se atopa o punto D.

– D. 647345-4735814. Desde aquí bordea polo sur as parcelas 27062A03600026 e 16 ata chegar ao vértice entre esta última coa parcela 29 e o camiño 27062A03609032, onde se atopa o punto E.

– E. 647259-4735757. Desde aquí bordea polo sur as parcelas 27062A03600016, 25, 23, 24, 14, 12, 6, 9 e 9003, ata chegar ao vértice entre esta última coa 27062A03609033, onde se sitúa o punto F.

– F. 646628-4735817. Desde aquí atravesa en diagonal a pista de acceso á canteira, con referencias catastrais 27062A03609033 e 27062A03009006, cara a esquina SE da parcela 27062A03000200, que bordea polo leste para logo atravesar o camiño 27062A03009013 cara ao vértice entre as parcelas 27062A03000071 e 72, onde se sitúa o punto G.

– G. 646628-4735830. Desde aquí bordea polo norte o camiño catastral 27062A03009013 ata chegar á estrada local que une as localidades de Cancelo e mais Vilavella (parcela catastral 27062A03009002), onde se atopa o punto H.

– H. 646425-4735724. Desde aquí vai pola beira leste da estrada entre Cancelo e Vilavella ata chegar ao punto 1 do contorno de protección, desde onde continúa pola beira sur da delimitación do contorno de protección ata volver ao seu punto 6.

ANEXO III
Plano coa delimitación e contorno de protección

missing image file

ANEXO IV
Réxime de protección e salvagarda provisional

A incoación para declarar ben de interese cultural como monumento o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós, no lugar de Cancelo, na parroquia de San Cristovo de Cancelo, no concello lucense de Triacastela, determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 e 17.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nela deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 LPCG). Entre outras consideracións, o réxime implica:

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Será tamén necesaria a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para a realización de calquera actividade arqueolóxica. Calquera actuación que comporte a remoción de terras no xacemento arqueolóxico ou no seu contorno tamén requirirá a devandita autorización previa.

– Utilización: a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Debido á fraxilidade e pésimo estado de conservación de pinturas e gravados, o acceso á cova estará restrinxido a investigadores, especialistas e persoal de actividades relacionados coa xestión do ben que o precisen, e sempre que o estudo sexa contribuír á investigación científica da cova ou establecer as medidas que aseguren a súa preservación. Estes estudos deberán contar coa autorización de acceso da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e deberá realizarse un rexistro do número de persoas e tempo de permanencia na cova. Para facilitar a visión e coñecemento da cova ao público xeral, co fin de asegurar a súa conservación cara ao futuro, deberá explorarse a realización dunha réplica, física ou virtual, de acordo coas técnicas que permiten as novas tecnoloxías.

– No contorno de protección deberá tenderse a manter a paisaxe tradicional existente. Para isto primaranse os usos actualmente existentes (usos tradicionais agrícolas e gandeiros e bosque autóctono). Quedan prohibidos máis usos construtivos ca os existentes, así como as talas masivas de arboredo, eliminación de tocos, repoboacións forestais con especies non autóctonas e cambios de uso en solos agrarios.