Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 2 de maio de 2017 Páx. 21567

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de abril de 2017 pola que se modifica a Orde do 31 de xaneiro de 2017 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

A Orde do 31 de xaneiro de 2017 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 22, do 1 de febreiro) establece no artigo 10.2 que o prazo para a presentación da solicitude única para o ano 2017 se iniciará o 1 de febreiro e finalizará o día 30 de abril, ambos incluídos.

Este prazo cumpre co disposto no artigo 95.2 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir do 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, que establece con carácter de normativa básica que o prazo de presentación da solicitude única a partir do ano 2016 se iniciará o 1 de febreiro e finalizará o 30 de abril de cada ano.

A disposición derradeira segunda do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, faculta a ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para adaptar as datas e prazos que se establecen no referido real decreto ás exixencias derivadas da normativa da Unión Europea.

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente está tramitando un proxecto de orde pola que se amplía o prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2017, establecido no artigo 95 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, ampliando este prazo ata o día 15 de maio, incluído.

Igualmente, nesta campaña 2017 dáse unha circunstancia especial que aconsella a ampliación do período para a presentación da solicitude única. Esta circunstancia está relacionada co disposto no artigo 92 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, que en virtude do establecido no artigo 17 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, respecto ao impreso de solicitude de axuda xeoespacial, recóllese que na campaña 2017 será obrigatoria a delimitación gráfica e en formato dixital das parcelas agrícolas da explotación para os solicitantes que declaren máis de 30 hectáreas.

Polo tanto, no ano 2017, por incidencias ocorridas na captura das solicitudes en determinadas comunidades autónomas dada a transcendencia e complexidade do cambio que supón ampliar o ámbito de aplicación da declaración gráfica, que en 2016 estivo fixado en 200 hectáreas, e en consonancia co establecido no artigo 13.1 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, considérase necesario ampliar o prazo de presentación da solicitude única, dentro do disposto na normativa da Unión Europea, para garantir así unha correcta presentación e xestión das axudas.

DISPOÑO:

Artigo único

Acórdase modificar o artigo 10.2 da Orde do 31 de xaneiro de 2017 e ampliar o prazo para a presentación en Galicia da solicitude única de axudas da PAC do 2017 que concluirá o 15 de maio de 2017, incluído.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural