Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2017 Páx. 23455

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupación de concellos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios/as, agrupacións de persoal voluntario e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil.

O Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, establece que lle corresponden á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, entre outras competencias, as de protección civil.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, dispón, no seu artigo 48.4, que as autoridades en materia de protección civil e emerxencias, en coordinación coa consellería da Administración autonómica competente en materia de voluntariado, promoverán a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de protección civil.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polo Decreto 148/2016, de Presidencia da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de Galicia (en diante, AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 en réxime de concorrencia competitiva.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas AVPC nos gastos de natureza corrente para posibilitar o seu funcionamento dentro dos respectivos concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código PR460A.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as AVPC de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro que, no día da publicación desta orde, cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil ou teren presentado oficialmente a solicitude de inscrición nel; neste caso, a concesión da subvención quedará condicionada á inscrición efectiva, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Teren dependencia funcional dun concello de menos de 50.000 habitantes, mancomunidade ou agrupación de concellos.

c) Xustificaren o investimento e liquidación de subvencións concedidas en anos anteriores, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e concordantes, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación comporta non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Non ter sido condenados por sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Cumprir o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e contratar un seguro de accidentes, así como de responsabilidade civil.

Artigo 3. Crédito

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 340.000 euros, con cargo á partida orzamentaria 05.25.212A.481.0 código do proxecto 2015 00106, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 (DOG núm. 28, do 9 de febreiro).

As dotacións orzamentarias indicadas poderanse incrementar, se for procedente, con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade Autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30.2.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, a concesión das subvencións estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Nos casos de renuncia dos solicitantes, anulación ou minoración por menor xustificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros solicitantes de acordo coa orde de prelación que resulte da aplicación dos criterios do artigo 11 desta orde. Tamén se poderán aplicar para a aprobación derivada da resolución de recursos deste ou de anteriores anos.

Os incrementos das dotacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderanse empregar para aumentar as contías das axudas ou o número das subvencións concedidas, sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 5, sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

Artigo 4. Destino das subvencións

As subvencións poderán ser destinadas a:

1. Equipamento e vestimenta persoal de uniforme, de acordo co establecido no Decreto 123/2014, do 18 de setembro, polo que se regula a acreditación, a uniformidade e os distintivos do persoal voluntario, e a Orde do 24 de febreiro de 2015 que o desenvolve.

2. Equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material de caixa de urxencias sanitaria).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do persoal voluntario de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados cos medios e desenvolvemento do traballo e das tarefas da AVPC.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que en ambos os casos se trate de elementos funxibles.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A correspondente solicitude, dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, presentarase dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Solicitudes

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR460A) a esta orde, onde se acepta e declara o seguinte:

a) Que a entidade que solicita a subvención cumpre e acepta as condicións e requisitos exixidos nesta convocatoria.

b) Que reflicte o conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

d) Que a AVPC non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

e) Que a AVPC está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

f) Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a AVPC está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2016.

b) Certificado da compañía aseguradora das pólizas subscritas (accidentes e responsabilidade civil) na cal conste o número de persoal voluntario de protección civil asegurado. No caso de estaren incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, remitirase unha certificación do/da secretario/a destas entidades, na cal se indique o número de persoal voluntario de protección civil incluído na póliza.

c) Certificado do órgano competente da mancomunidade ou agrupación de concellos no cal se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

d) Certificado ou declaración das xefaturas provinciais de emerxencia ou das entidades locais a que se refire o artigo 11.2 desta orde.

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a enmenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

2. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais das persoas beneficiarias para esas finalidades, así como a especificada no artigo 12, por exixencia normativa, segundo se establece no artigo 19 desta orde.

3. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, órgano competente para a instrución do procedemento, por medios telemáticos e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendaren os erros ou omisións.

Transcorrido este prazo e de non se producir a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• NIF da agrupación solicitante no caso de non ter solicitado a subvención no ano 2016 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e xuntar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas por unha comisión de valoración, presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue, e formada polas catro persoas responsables dos servizos provinciais de emerxencias da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, que non terá dereito a voto.

2. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

3. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada elevarase á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 11. Criterios de avaliación

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e para a elaboración da proposta de resolución teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a gradación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. Número de mobilizacións da AVPC constatados polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referidas a accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación, riscos e operativos de protección civil, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña maior número de mobilizacións e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo de mobilizacións ata o dobre da media do conxunto destas; a partir deste número resultante, adxudicarase a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

2. Mobilizacións das AVPC no ano 2016, para prestar colaboración noutras entidades locais, en eventos programados ou de emerxencias, tanto por petición do Centro de Atención de Emerxencias 112 como doutros concellos ou dos servizos provinciais de emerxencias, ata un total de 10 puntos.

Para a súa valoración tomarase o total dos días en que a AVPC foi mobilizada nestes eventos programados ou emerxencias, multiplicándose polo número total de voluntarios/as participantes nestes operativos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña maior número resultante e ao resto a que lle corresponda en proporción.

Poderase limitar o número máximo resultante ata o dobre da media do conxunto destes; a partir desta última cantidade adxudicarase a mesma puntuación aos que estean por riba no seu rango e ao resto a que lle corresponda en proporción.

Para a valoración desta parte presentarase unha certificación ou declaración dos servizos provinciais ou das entidades locais solicitantes da colaboración, na cal se reflicta a AVPC participante, o evento, a data de celebración, o número de persoal voluntario mobilizado pola AVPC e o número de días que asistiron.

3. Pola prestación mancomunada do servizo de emerxencias e protección civil en concellos agrupados ou mancomunados, ata un máximo de 20 puntos. Para a valoración deste criterio terase en conta:

• Pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da agrupación, outórganse 10 puntos.

• Polo número de concellos agrupados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos agrupados ou mancomunados e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

4. Ratio de número de persoal voluntario inscrito no Rexistro de Persoal Voluntario do Servizo Provincial de Emerxencias, e asegurado por risco de accidentes, morte e responsabilidade civil, por cada mil habitantes do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, ata un máximo de 20 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña unha mellor ratio e ao resto a que lle corresponda en proporción.

A fórmula empregada será a seguinte:

• Divídese o número de habitantes de cada concello, mancomunidade ou agrupación de concellos por mil.

• Divídese o número de persoal voluntario de protección civil asegurados polo resultado anterior e obtense unha ratio.

• Adxudícase a puntuación máxima á AVPC que teña a mellor ratio e o resto avalíase de forma proporcional.

5. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 10 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto 10, risco alto 8, risco moderado 6, risco baixo 4 e risco moi baixo 2.

6. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística en 1 de xaneiro de 2016, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

7. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística ano 2011, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e, ao resto, a que lle corresponda en proporción.

8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia ata un máximo de 5 puntos, asinados cos seguintes criterios: 

• 5 puntos as AVPC inscritas ata o ano 1995 incluído.

• 4 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2000 incluído.

• 3 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2005 incluído.

• 2 puntos as AVPC inscritas ata o ano 2012 incluído.

9. As AVPC inscritas nos cinco últimos anos, contando o actual, ata 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

• 3 puntos as AVPC inscritas no ano 2013.

• 4 puntos as AVPC inscritas no ano 2014/15.

• 5 puntos as AVPC inscritas nos anos 2016 e 2017.

10. Pola atención da AVPC ao servizo 24 horas, constatado pola información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias 112, 5 puntos.

11. Pola presentación anual nos servizos de emerxencia da provincia, por parte da AVPC, dos seguintes documentos: memoria anual de actividades, acta da asemblea ordinaria anual, relación de voluntarios e xunta directiva actualizada, constatado por certificación do xefe do servizo de emerxencias da provincia, 15 puntos. A falta de documentación valorarase con 0 puntos nesta parte.

Quedarán excluídas das subvencións aquelas AVPC que teñan menos de 10 mobilizacións no ano 2016 comunicadas ao Centro de Atención de Emerxencias 112 e aquelas que non acaden o 15 % da puntuación máxima outorgada no total de puntuación, unha vez avaliadas a totalidade das solicitudes.

Como excepción a este punto, tanto as AVPC creadas no ano 2017 como aquelas que, despois de estar sen funcionamento nos últimos tres anos, sen solicitar ningún tipo de subvención, reactiven a súa actividade, non serán excluídas por non acadar o número de mobilizacións nin pola mínima porcentaxe da puntuación máxima exixida.

A constatación da reactivación das AVPC realizarase mediante informe dos servizos provinciais de emerxencias.

No caso das AVPC inscritas no 2017 estarán exentas de achegar outra documentación que a que xa figure no rexistro.

A subvención concedida será proporcional ao resultado da puntuación. En todo caso, cada subvención individual será sempre inferior a 10.000 euros.

O órgano que concede as subvencións asignará o crédito dispoñible na convocatoria entre todas as solicitudes non excluídas segundo a listaxe final da puntuación acadada por cada AVPC.

Artigo 12. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución será adoptada pola persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, e procederase á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Transcorridos cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións deberán cumprir as obrigas sinaladas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; en concreto as seguintes:

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlle, vía telemática, á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a súa aceptación ou renuncia no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

c) Someterse a calquera actuación, comprobación e control financeiro efectuado tanto polo órgano concedente como polas entidades de control competentes autonómicas, estatais ou comunitarias, para o cal se achegará calquera información solicitada no exercicio desas actuacións. En especial deberán facilitar a información que lle sexa requirida por esta vicepresidencia e consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que desen lugar á concesión da subvención, en canto se coñeza ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Presentar os documentos xustificativos tal e como se prevé no artigo 15.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso este período non será inferior a 5 anos.

Artigo 14. Anticipos

Para as subvencións solicitadas poderase aboar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida sempre e cando a cantidade da axuda non exceda os 18.000 euros e nos casos en que o gasto exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario, no propio impreso de solicitude da subvención (anexo I).

A persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá de forma motivada a concesión do anticipo logo da comprobación de que a entidade solicitante cumpre o regulado neste artigo.

Para obter o ingreso do anticipo a persoa responsable de cada agrupación, unha vez publicada a resolución de concesión das subvencións, terá que presentar na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, novamente e con data actualizada, o anexo II desta orde, indicando se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade e declarando se cumpre os requisitos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

As agrupacións ás cales se lles aprobasen as subvencións segundo o artigo 10 desta orde, disporán ata o 30 de setembro de 2017 para achegaren ás xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, as facturas orixinais ou fotocopias compulsadas polas oficinas de rexistro e xustificantes bancarios de pagamento correspondentes aos gastos aprobados, conformadas pola persoa responsable da agrupación.

Ademais dos documentos anteriores deberán presentar novamente e coa mesma data de presentación da xustificación, a declaración da persoa responsable de cada agrupación segundo o modelo do anexo II.

Se a persoa beneficiaria non presenta a xustificación no prazo establecido, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, requirirán a súa presentación no prazo improrrogable de dez días.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, determinado neste artigo e a través dos documentos aquí indicados.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.

Poderanse admitir os documentos xustificativos por gastos efectuados, de acordo co artigo 4 desta orde, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2017.

Consideraranse xustificantes de pagamento válidos unicamente os seguintes:

• Facturas orixinais, de acordo co establecido do artigo 98.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ou compulsadas polas oficinas de rexistro, xunto cos extractos ou certificacións bancarias correspondentes, debidamente identificados, conformados e asinados pola persoa responsable da AVPC.

• Para aquelas compras realizadas en metálico de ata 1.000 euros por factura, será suficiente a factura orixinal ou compulsada polas oficinas de rexistro, na cal figure «pagado» xunto coa sinatura, nome, apelidos e o número de NIF da persoa que recibiu o cobramento na empresa subministradora, conformada e asinada pola persoa responsable da AVPC.

• Documentos de liquidación de gastos de desprazamento e manutención en operativos de protección civil, nos cales figuren tanto a conformidade da persoa responsable da AVPC como o xustificante de recepción do persoal voluntario perceptor desta compensación.

Estas directrices afectan a todos os peticionarios, independentemente que solicitasen anticipos ou non, para todos os gastos, incluídos os realizados con cargo ás cantidades anticipadas.

Artigo 16. Compatibilidade

Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. No entanto, o importe destes en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outros, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Reintegro das subvencións

No caso de incumprimento de obriga de xustificación, de destinar a subvención a unha finalidade distinta para a cal foi concedida, ou se a AVPC non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das subvencións percibidas e dos xuros xerados, e para isto seguirase o procedemento establecido no artigo 77 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tamén se seguirá este procedemento naqueles casos en que a xustificación da subvención sexa inferior ao anticipo concedido.

Artigo 19. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante este órgano mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:  Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a emerxencias.interior@xunta.gal

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requerida por ésta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

De conformidade co previsto no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file