Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2017 Páx. 23581

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 2 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa dirixido ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

BDNS (identif.): 346072.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios/as

BS324A. Mozos e mozas individualmente, inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil (en diante, SNGX), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

BS324B. Entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude.

BS324C. Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto é a concesión de axudas para os proxectos de mobilidade transnacional dirixidas á mocidade inscrita no SNGX no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación, para a realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades/empresas públicas ou privadas en países europeos, durante un período mínimo de 2 meses e máximo de 3.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 2 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa dirixido ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil e se procede a súa convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de 2.176.515,40 €, cofinanciada ao 91,89 % pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

A distribución de créditos é a seguinte:

BS324A: 676.515,40 € con cargo á aplicación 12.05.313A.480.0.

BS324B: 1.000.000,00 € con cargo á aplicación 12.05.313A.481.0.

BS324C: 500.000,00 € con cargo á aplicación 12.05.313A.460.0.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Outros datos

Todas as entidades e persoas ás cales se lles conceda a axuda recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida, se así o solicitan.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva e efectúase, en cada procedemento, por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

As axudas están suxeitas ao réxime de custos simplificados baseados en custos unitarios. Na convocatoria establécense unhas táboas que varían en función do país de destino, do número e da duración das mobilidades, así como do número de persoas que participen nos proxectos. Os conceptos subvencionables son:

– No procedemento BS324A, custos de viaxe ao país de destino (ida e volta), custos de aloxamento e manutención (inclúe transporte local e seguros) e axudas para o apoio lingüístico.

– Nos procedementos BS324B e BS324C, ademais dos custos de viaxe, aloxamento e manutención da mocidade participante, establécense outros gastos para organización do proxecto (que inclúen gastos como a convocatoria e selección, o apoio lingüístico e a preparación sociocultural de participantes) e gastos de execución dos proxectos (apoio para as viaxes de mentores da entidade de envío e apoio para os gastos da entidade de acollida).

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social