Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 19 de maio de 2017 Páx. 24397

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 5 de maio de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 346411.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras, homes ou familias monoparentais (homes ou mulleres) que, entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de maio de 2017 inclusive, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas menores de tres anos ou menores de 12 anos no suposto de que padezan unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

No suposto de adopción ou de acollemento familiar, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou adopción e, en todo caso, a filla ou fillo terá que ser menor de 12 anos.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: a) estar empadroado en Galicia, polo menos cun ano de antelación ao inicio do período subvencionado; b) convivir coa filla ou fillo; c) de ser o caso, a cónxuxe ou parella debe estar traballando; d) ter uns ingresos non superiores a 5,5 veces o IPREM segundo a declaración do IRPF do último período impositivo con prazo de presentación vencido (2015).

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto avanzar na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como medida de fomento da corresponsabilidade e da conciliación da vida familiar e laboral, mediante incentivos para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo para a atención e coidado das súas fillas e fillos, así como para as familias monoparentais, homes ou mulleres, que precisan dun apoio específico para compaxinar a vida laboral, persoal e familiar.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de maio de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras que se acollan á redución da súa xornada de traballo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, e en atención ao número de fillas e fillos menores de 12 anos, nun abano que vai desde 1.700 € e ata 3.700 €.

Cando a xornada se realice a tempo parcial ou cando o período subvencionable sexa inferior ao máximo (8 meses), as contías das axudas reduciranse proporcionalmente.

Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de catrocentos corenta mil euros (440.000 €), o 80 % con cargo ao FSE e o 20 % con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2017

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade