Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 24 de maio de 2017 Páx. 25090

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 12 de maio de 2017 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 346876.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter un fillo ou filla nado ou nada con posterioridade ao 31 de decembro de 2014.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

1º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2017/18 e non a ter obtido, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.

2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2017/18 exercendo a opción do programa Bono concilia e, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos os/as dous/dúas proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

3º. Ter obtido praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2017/18 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

4º. Obter axuda deste programa no curso 2016/17 e solicitala para a mesma nena ou neno.

5º. Ter un fillo ou filla que renove a axuda deste programa para o curso 2017/18 e obter praza nunha escola pública para un irmán ou irmá tendo marcado a opción do Bono concilia na súa solicitude.

6º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e proceder á súa convocatoria para o curso 2017/18.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 12 de maio de 2017 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe

A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses, e estará en función da renda per cápita da unidade familiar.

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns catrocentos oitenta e nove mil douscentos euros (3.489.200 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades; corresponden 1.268.800 euros á parte do curso 2017/18 que se desenvolve en 2017 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Con carácter excepcional poderán presentar solicitudes fóra do prazo establecido nesta orde aquelas familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos nas cales se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social