Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2017 Páx. 26973

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convoca a proba de conxunto de piragüismo, para a incorporación ao período transitorio das formacións deportivas federativas realizadas pola Federación Galega de Piragüismo entre os anos 2002 e 2007.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, na súa disposición transitoria primeira regula os efectos das formacións deportivas realizadas polas federacións deportivas e promovidas polos órganos competentes en materia de deporte das comunidades autónomas e das cidades de Ceuta e Melilla, ata a implantación das ensinanzas de cada unha das modalidades ou especialidades deportivas.

No seu desenvolvemento, publicouse a Orde EDU/3186/2010, do 7 de decembro, que foi derrogada pola Orde ECD/158/2014, do 5 de febreiro, pola que se regulan os aspectos curriculares, os requisitos xerais e os efectos das actividades de formación deportiva, a que se refire a disposición transitoria primeira do referido Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

Neste marco legal, pola Resolución do 27 de marzo de 2017, da Presidencia do Consello Superior de Deportes, outórgase o recoñecemento a determinadas formacións deportivas federativas de piragüismo impartidas pola Real Federación Española de Piragüismo e polas federacións autonómicas entre 2002 e 2007.

A disposición adicional segunda da Orde ECD/158/2014, do 5 de febreiro, establece o procedemento de incorporación ás formacións do período transitorio, acreditando para iso formacións de carácter meramente federativo, realizadas desde a entrada en vigor da Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro, ata a entrada en vigor do referido Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, para o cal se debe cumprir, entre outras condicións, a de que estas formacións fosen recoñecidas polo Consello Superior de Deportes mediante a correspondente resolución.

En consecuencia, e pola Resolución do 27 de marzo de 2017, da Presidencia do Consello Superior de Deportes, publicada no Boletín Oficial del Estado do 4 de abril de 2017, outórgase o recoñecemento a determinadas formacións deportivas federativas impartidas pola Real Federación Española de Piragüismo, entre o 31 de decembro de 2002 e o 9 de novembro de 2007. A relación correspondente a elas consta nos seus anexos I e II.

Completada a primeira fase, pola cal o Consello Superior de Deportes recoñece e determina as formacións coas cales se pode optar a este procedemento de incorporación do período transitorio, procede ordenar para o ámbito de actuación territorial da Comunidade de Galicia os aspectos relativos a esta segunda fase para a articulación da proba de conxunto establecida na disposición adicional segunda da mencionada Orde ECD/158/2014, do 5 de febreiro.

Esta proba de conxunto terá por obxecto demostrar os coñecementos e as habilidades necesarias en piragüismo adquiridas durante a realización destas formacións federativas anteriormente recoñecidas, para así incorporarse ao período transitorio no seu nivel II.

A Secretaría Xeral para o Deporte é competente para regular os aspectos referidos á proba de conxunto de piragüismo, de acordo cas competencias atribuídas polo Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e polo Decreto 60/2015, do 16 de abril, e polo 176/2016, do 15 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección.

Polo anterior, e con base nas competencias que teño atribuídas e no disposto na normativa citada,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto establecer a convocatoria e o procedemento da proba de conxunto en piragüismo para a incorporación do período transitorio nos niveis I e II.

2. Podrán optar a esta proba de conxunto aqueles que acrediten a superación das formacións federativas en piragüismo recoñecidas na Resolución do 27 de marzo de 2017, da Presidencia do Consello Superior de Deportes, pola que se outorga o recoñecemento a determinadas formacións deportivas que foron impartidas pola Real Federación Española de Piragüismo e polas federacións autonómicas entre 2002 e 2007.

Artigo 2. Requisitos

Para participar na proba de conxunto os candidatos deberán:

a) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE) ou equivalente para efectos académicos, ou acreditar calquera das condicións que a efectos de acceso se establecen no número 1 da disposición adicional décimo segunda do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

b) Ser monitor de piragüismo nivel I cunha antigüidade mínima de dous anos, que deberá corresponder a algunha das formacións sinaladas no artigo 1.2 da presente orde.

Artigo 3. Prazo e lugar para a presentación da solicitude e documentación

1. O prazo establecido para a presentación da solicitude para participar na proba de conxunto de piragüismo será de quince días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da presente orde.

2. A presentación da documentación realizarase na sede da Federación Galega de Piragüismo, sita no Encoro de Pontillón de Castro, rúa Gavián, s/n, 36162 Verducido, CP 36151, Pontevedra, ou por medio de escrito dirixido a Secretaría Xeral para o Deporte nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de presentación nun rexistro distinto do da Secretaría Xeral para o Deporte, situada na rúa Madrid nº 2-4, 2º andar, Fontiñas, 15781, Santiago de Compostela, deberá remitirse a solicitude ao fax número 881 99 63 68.

3. Para poder participar na proba de conxunto de piragüismo deberán presentar a seguinte documentación:

– Solicitude cuberta para a participación nela, incluída na circular correspondente que será publicada na páxina web da Federación Galega de Piragüismo.

– Presentación do certificado do pagamentos de taxas previsto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, no anexo I, punto 20: Expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas pola LOXSE e dos seus duplicados, fixados en 20,77 € a tarifa xeral e 10,40 € para familia numerosa e a categoría especial 0 €.

Título/tarifas (en €)

Tarifa normal

Familia numerosa categoría xeral

Familia numerosa categoría especial

Duplicado

Técnico deportivo

20,77

10,40

0,00

2,40

– Acreditación do requisito académico establecido no artigo 2.a) da presente orde.

– Certificado acreditativo do requisito deportivo recollido no artigo 2.b) desta orde.

– Copia do documento nacional de identidade (NIF) ou do pasaporte (no caso de cidadáns de países da Unión Europea) ou da tarxeta de residente en vigor (no caso doutras nacionalidades).

Artigo 4. Publicación da lista de admitidos e excluídos a participar na proba de conxunto de piragüismo

1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes e documentación, a Secretaria Xeral para o Deporte ditará resolución en que se aprobe a lista de admitidos e excluídos, que se publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios da sede da Federación Galega de Piragüismo e na web da Secretaría Xeral para o Deporte, http://deporte.xunta.gal/, na epígrafe novas e na epígrafe da Escola Galega do Deporte.

2. Os candidatos excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contado a partir da publicación da citada relación nominal, para achegar a documentación complementaria, que emende os motivos da súa exclusión, presentala nos lugares e formas establecidos no artigo 3.2 da presente resolución.

3. Transcorridos os prazos anteriores, unha vez analizada a documentación presentada, publicarase a lista definitiva de admitidos e excluídos para a realización da proba de conxunto nos lugares establecidos no artigo 4.1.

4. Os candidatos admitidos definitivamente quedarán matriculados para a realización da proba de conxunto.

Artigo 5. Lugar e data para a realización da proba de conxunto

1. A proba de conxunto de piragüismo levarase a efecto no salón de actos das instalacións da Escola Galega de Administración Pública, EGAP, na rúa Madrid, nº 2-4 nas Fontiñas, Santiago de Compostela.

2. A proba de conxunto terá lugar o día 10 de agosto de 2017, ás 9.00 horas. A duración de cada proba será de 4 horas contadas desde o seu comezo, e o candidato deberá presentar antes do comezo da proba o NIF ou documento identificativo para comprobación da identidade.

3. A Federación Galega de Piragüismo levará a efecto cantas medidas de índole informativa considere pertinente realizar para a adecuada publicitación da proba.

Artigo 6. Contido da proba de conxunto

1. A proba de conxunto, tanto do nivel I como do nivel II, constará de cincuenta preguntas para desenvolveren os aspirantes, que tratarán dos distintos aspectos da modalidade deportiva de piragüismo, atendendo aos contidos, obxectivos e capacidades recollidos no seu plan formativo, aprobado pola Resolución do 13 de xullo de 2011, da Presidencia do Consello Superior de Deportes, pola que se publican os plans formativos das especialidades deportivas de piragüismo, piragüismo en augas tranquilas, piragüismo en augas bravas, kayak polo, kayak de mar piragüismo recreativo.

2. Os exercicios de que conste a citada proba de conxunto serán elaborados polo departamento de formación da Federación Galega de Piragüismo, en colaboración e baixo a supervisión da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Tribunal avaliador da proba de conxunto

1. O tribunal avaliador da proba de conxunto estará composto polos seguintes membros:

– Un presidente designado para o efecto pola Secretaría Xeral para o Deporte e un suplente.

– Dous vogais titulares e dous suplentes.

– Un secretario, persoa ao servizo da Secretaría Xeral para o Deporte e un suplente.

Os vogais serán nomeados pola secretaría xeral para o Deporte por instancia da Federación Galega de Piragüismo e deberán ser técnicos do máximo nivel federativo.

2. Corresponderá aos vogais avaliar e cualificar os exercicios dos participantes na proba de conxunto.

3. O tribunal constituído, como órgano colexiado que é, rexerase polo establecido no título II, sección 3ª da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 8. Avaliación, calificación, reclamación e rexistro

1. A puntuación da proba será dun máximo de 20 puntos.

2. A proba constará de 50 preguntas cortas divididas en dúas partes:

1ª parte) composta por 15 preguntas, puntuará un 25 %, correspondente aos contidos relacionados co bloque común.

2ª parte) composta por 35 preguntas, puntuará un 75 %, correspondente ao bloque específico.

Será necesario superar a primeira parte, polo menos, con 3 puntos e a segunda con 6 puntos.

Considerarase superada a proba se se obtén unha nota final, igual ou superior a 10 puntos, e neste caso obterase a cualificación de «apto», e no caso contrario será «non apto». Os non presentados serán NP.

3. Unha vez publicada a relación provisional de puntuacións na páxina web e no taboleiro de anuncios da sede da Federación Galega de Piragüismo e na web da Secretaría Xeral para o Deporte, http://deporte.xunta.gal/, na epígrafe novas e na epígrafe da Escola Galega do Deporte, os participantes poderán reclamar por escrito contra as cualificacións resultantes, mediante a correspondente instancia dirixida ao presidente do tribunal ante a Secretaría Xeral para o Deporte, sita na EGAP, na rúa Madrid, nº 2-4, 2º andar, nas Fontiñas, Santiago de Compostela, no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da publicación das cualificacións.

A resolución da reclamación será motivada polo tribunal e deberá ditarse no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao do remate do prazo para interpoñelas.

4. Unha vez resoltas as posibles reclamacións presentadas, o tribunal elaborará a acta final de cualificacións, en que figurará a cualificación «apto» ou «non apto» de cada un dos candidatos, relacionados por orde alfabética e remitirá copia compulsada desta á Secretaría Xeral para o Deporte, para os efectos oportunos de incorporación ao período formativo. O orixinal da acta de cualificacións será custodiado pola Federación Galega de Piragüismo e publicarase na páxina web e no taboleiro de anuncios da sede da Federación Galega de Piragüismo e na web da Secretaría Xeral para o Deporte, http://deporte.xunta.gal/, na epígrafe novas e na epígrafe da Escola Galega do Deporte.

Disposición derradeira primeira

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta secretaría xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, no xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte