Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 22 de xuño de 2017 Páx. 30779

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

EXTRACTO da Resolución do 13 de xuño de 2017 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2017/18, e de convocatoria da declaración de participación para o curso escolar 2018/19.

BDNS (Identif.): 351719.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias e destinatarias

Poderán solicitar a axuda as persoas físicas ou xurídicas que exerzan a actividade de produción e/ou comercialización dos produtos subvencionables, cuxas empresas ou establecementos estean dados de alta no correspondente Rexistro Sanitario Oficial e que reúnan os requisitos establecidos nesta resolución.

Será destinatario final da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria obrigatoria.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración, incluída a loxística e repartición, ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo, recollidos na presente resolución, a convocatoria das ditas axudas para o curso escolar 2017/18 e a declaración de participación para o curso escolar 2018/19.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 13 de xuño de 2017 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2017/18, e de convocatoria da declaración de participación para o curso escolar 2018/19.

Cuarto. Importe

O importe aplicable ao produto en euros/kg para a subministración e distribución, incluídos os custos de loxística e repartición, será o establecido no anexo I da resolución.

Non obstante, cando as rutas de distribución supoñan máis de 350 quilómetros, poderase complementar o importe aplicable ao produto en euros/kg para cubrir gastos extra de transporte tal e como se establece na alínea c) do anexo I.

Os importes do anexo I, excepto os gastos extra de transporte, incrementaranse ata un máximo dun 20 % para produtos avalados por réximes de calidade recoñecidos pola Unión Europea.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda será ata o 15 de setembro de 2017.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2017

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria