Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 22 de xuño de 2017 Páx. 30715

III. Outras disposicións

Consello da Cultura Galega

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega establece que lle compete ao Consello da Cultura Galega investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2017 figura a convocatoria pública de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid para contribuír, deste xeito, a acrecentar o estudo e a investigación da proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono.

O seu outorgamento enmárcase nas funcións atribuídas ao Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid durante o ano 2017.

2. Solicitudes.

a) Para poder ser beneficiaria/o das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

b) As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos na base 5 da convocatoria.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Información aos interesados.

a) Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional, a través dos seguintes medios:

a) Sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

b) Páxina web oficial do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal).

c) O teléfono 981 95 72 02 ou o enderezo electrónico rexistro@consellodacultura.gal

d) Presencialmente: Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela.

b) Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas relacionadas coa presentación de formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no correo electrónico 012@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as/os interesadas/os poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2017

O presidente do Consello da Cultura Galega
P.D. (Resolución do 26.5.2017)
Xosé López García
Secretario do Consello da Cultura Galega

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid durante o ano 2017

Primeira. Obxecto e destinatarios

Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que rexerá a convocatoria de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid, e que se inclúen como anexos a esta resolución (procedemento PR970A), na cal se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional e investigadora.

As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Para poder ser beneficiaria/o das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base 6 da convocatoria.

Segunda. Contía das bolsas e dotación orzamentaria

A contía das bolsas será de mil euros mensuais (1.000,00 euros) e están sometidas ás retencións establecidas pola lexislación fiscal para as rendas de traballo (Real decreto 439/2007, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a renda das persoas físicas). Nesta contía están incluídos os custos da Seguridade Social (cota social e cota obreira), en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 11 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

O Consello da Cultura Galega financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 03.01.111D.480.0 e 03.01.111D.480.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, por un importe de seis mil euros (6.000,00 euros), que se destinarán ao pagamento das mensualidades dos bolseiros e das cotas da Seguridade Social, respectivamente.

A distribución entre as dúas aplicacións faise con base ao recollido na Orde ESS/106/2017, do 9 de febreiro, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, contidas na Lei 48/2015, do 28 de outubro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2016, e se establecen os importes das cotas patronal e obreira por continxencias comúns e profesionais, a cargo da empresa e do traballador, para o persoal en formación de bolsa.

Pola súa parte, a Casa de Velázquez asumirá os gastos da hospedaxe. Proporcionará, ademais, tarifas preferenciais (boursier) para os gastos de manutención na cafetaría da Casa de Velázquez. Igualmente, ofreceralles a posibilidade de empregar os espazos de traballo e documentación da Casa de Velázquez. Do mesmo xeito, poderán participar nas actividades de investigación e creación da Casa de Velázquez.

Terceira. Duración

As actividades iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada tal e como dispón a base 11 desta convocatoria. A duración de cada unha das bolsas será de tres (3) meses e a data estimada de comezo é o 15 de setembro de 2017 e rematarán, en calquera caso, o 31 de decembro de 2017. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.

As persoas que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada polo presidente do Consello da Cultura Galega.

Cuarta. Requisitos xerais

Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarios/as delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión da titulación universitaria requirida para a bolsa para a cal presente solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el con posterioridade ao 31 de decembro de 2011.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Non resultar beneficiario/a dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 7 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

Quinta. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes formalizaranse no modelo que se publica como anexo IV a esta convocatoria, asinada polo/a interesado/a.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Os formularios tamén estarán dispoñibles na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal).

A presentación das solicitudes poderá, de igual forma, facerse presencialmente no Rexistro do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar; Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Sexta. Documentación

1. Solicitude. Anexo IV.

No anexo IV inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de non atoparse incursa/o en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable das axudas ou de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Copia da certificación do pagamento dos dereitos de expedición do título universitario, no caso de non telo. No caso de presentar un título estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

b) Copia compulsada da certificación académica oficial completa na cal se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co baremo establecido na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro). Os/as titulados/as que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación deste 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.

Os e as solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas. Deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET). A nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola Resolución do 15 de setembro de 2011.

c) Copia compulsada do Celga 4 ou perfeccionamento da lingua galega, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou graos equivalentes. Se este documento foi expedido pola Xunta de Galicia, achegarase copia só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta no sistema de interoperabilidade correspondente.

d) Currículo, cubrindo o anexo V das bases reguladoras, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.

A experiencia laboral acreditarase a través da copia compulsada dos contratos de traballo, informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou ben a través de copia compulsada de certificado expedido polo organismo onde se realizaron as practicas.

e) Presentación dunha memoria explicativa do proxecto que presenta para a obtención da bolsa, de acordo cos requisitos especificados no anexo II ou anexo III, segundo o caso. A devandita memoria debe presentarse en formato A4, mecanografada a duplo espazo e por unha soa cara, e a súa extensión non será inferior a cinco nin superior a dez páxinas. A non presentación desta memoria suporá a exclusión do candidato ou candidata.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima. Comprobación de datos

1 Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas:

– Consulta de datos de identidade de persoas físicas (DNI/NIE).

– Verificación de títulos oficiais universitarios (titulación universitaria oficial).

– Celga 4 ou perfeccionamento da lingua galega.

– Certificación de estar ao día de pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións (Axencia Estatal de Administración Tributaria).

– Certificación de non ter débedas contraídas coa Seguridade Social (Tesouraría Xeral da Seguridade Social).

– Certificación de non ter débedas contraídas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a súa presentación.

Oitava. Comisión de valoración

A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nas bases e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada.

A comisión de valoración estará integrada por cinco membros designados polo presidente do Consello da Cultura Galega:

– Presidente: un membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega.

– Vogais: tres persoas especialistas nos ámbitos de coñecemento para os cales se convocan as bolsas, das cales dúas serán propostas pola Casa de Velázquez.

– Secretario: o secretario do Consello da Cultura Galega.

A composición da comisión de valoración farase pública na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal).

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para os efectos se nomee.

Novena. Criterios xerais de selección

A comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

– Expediente académico, que se valorará de forma proporcional ata un máximo de 10 puntos. A nota media do expediente académico persoal calcularase de acordo co baremo establecido na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

– Formación complementaria e experiencia dentro dos ámbitos de coñecemento a que van destinadas estas bolsas: ata un máximo de 10 puntos.

1. Cursos, másters e diplomas de estudos avanzados (DEA) relacionados coa actividade a que se opta, organizados por organismos públicos, universidades, ata un máximo de 4 puntos.

a) Pola realización de máster, DEA: 2 puntos.

b) Memoria de licenciatura: 1 punto.

c) Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 2 puntos.

d) Asistencia a cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,20 puntos por curso, ata un máximo de 1,5 puntos.

e) Asistencia a cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

f) Asistencia a cursos de duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata o máximo de 1 punto.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

Forma de acreditación: fotocopia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

2. Traballos individuais publicados e participación en publicacións colectivas relacionadas co obxecto da bolsa ata un máximo de 3 puntos.

a) Publicacións individuais (máis de 100 páxinas): 1 punto por publicación.

b) Artigos e colaboracións de máis de 20 páxinas: 0,40 por publicación.

c) Artigos inferiores a 20 páxinas: 0,20 puntos por publicación.

Non se valorarán as publicacións que non consignen o ISBN ou ISSN.

O mesmo mérito valorarase unha soa vez, ben como comunicación, ben como publicación. Forma de acreditación: fotocopia das referidas publicacións.

3. Experiencia laboral ou outras bolsas relacionadas co obxecto destas bolsas ata un máximo de 3 puntos.

a) Contrato laboral: 1,25 puntos por ano (0,1 punto por mes).

b) Bolsas: 1 punto por ano (0,08 puntos por mes).

c) Prácticas: 0,5 puntos por ano (0,04 por mes).

– Memoria-proxecto elaborada polo candidato ou candidata: ata un máximo de 10 puntos. Serán criterios para ter en conta a orixinalidade do proxecto presentado e a súa relevancia para a proxección da cultura galega.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polas persoas solicitantes que non fosen acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de empate terase en conta, en primeiro lugar, o expediente académico e, en segundo lugar, o currículo.

De non presentarse solicitudes ou se ningún dos/das candidatos/as presentados/as resulta idóneo/a, a comisión de valoración poderá establecelo así no seu informe.

Décima. Instrución do procedemento e tramitación

A competencia para resolver as solicitudes de concesión de bolsas presentadas ao abeiro desta convocatoria corresponderalle á persoa titular da Presidencia do Consello da Cultura Galega.

O órgano instrutor do procedemento será a Xerencia do Consello da Cultura Galega que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Xerencia aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os que serán publicadas no taboleiro de anuncios e na páxina web do Consello da Cultura Galega, con indicación dos seus apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, das causas determinantes das exclusións que procedan.

As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes publicaranse na páxina web do Consello da Cultura Galega e serán remitidas á comisión de valoración.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A comisión de valoración valorará os méritos alegados polos candidatos/as conforme o baremo indicado na base 9 da convocatoria e formulará un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación obtida, que será remitida ao órgano instrutor.

A Xerencia do Consello da Cultura Galega, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada. Esta proposta farase pública no taboleiro de anuncios e na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal).

Abrirase un prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da data de publicación da resolución provisional, co fin de que as persoas interesadas poidan realizar as alegacións sobre esta.

Unha vez transcorrido o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución definitiva de resolución ao presidente do Consello da Cultura Galega, quen resolverá e fará constar a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber.

A resolución de concesión da bolsa publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal) mediante relación nominal das persoas beneficiarias e suplentes e demais supostos, pola cal se entenderán notificados/as para todos os efectos os/as solicitantes, sen prexuízo das notificacións individuais feitas ás persoas beneficiarias.

A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a bolseira ou bolseiro seleccionada/o non se incorpore na data establecida, cando manifeste expresamente a súa aceptación da bolsa e renuncie a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as interesadas e os interesados poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, perante o presidente do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte a aquel en que se publique a resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante os xulgados do contencioso-administrativo.

De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir de que se publique esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo, sen que sexa notificada a resolución, lexitima os interesados para considerar desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.

Os/as solicitantes excluídos/as terán un prazo de dous meses, a partir da publicación da concesión das bolsas, para recuperar a documentación presentada.

Décimo primeira. Aceptación e incorporación do/a bolseiro/a

A concesión da bolsa seralles notificada ás persoas adxudicatarias que, nun prazo de tres días hábiles, están obrigadas a comunicarlle ao Consello da Cultura Galega a súa aceptación ou renuncia por escrito conforme o modelo que figura como anexo VI desta convocatoria. Se transcorridos os sinalados tres días non se produce manifestación expresa, esta entenderase tacitamente rexeitada. Se a persoa beneficiaria renuncia expresamente á bolsa, esta concederáselle á/ao seguinte candidata/o con mellor puntuación.

Se nese prazo algunha das persoas beneficiarias fai renuncia expresa da bolsa, procederase automaticamente á adxudicación da bolsa ao/á seguinte aspirante en puntuación.

A data de incorporación á Casa de Velázquez establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. Se o adxudicatario ou adxudicataria da bolsa non se incorpora no prazo de 15 días hábiles seguintes á data sinalada, perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa debidamente xustificada de atraso, así apreciada polo presidente do Consello da Cultura Galega, que deberá ser alegada por escrito. No suposto de incorporación tardía, aínda que xustificada, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se vai percibir.

Décimo segunda. Aboamento das bolsas

O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido na conta bancaria indicada pola persoa interesada, logo da correspondente certificación emitida polo secretario do Consello da Cultura Galega, de acordo co informe emitido polo director do proxecto de investigación a que estea adscrita a bolseira ou bolseiro, sempre que as actividades desenvolvidas se realicen con normalidade e de acordo coas bases establecidas. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

En todos os pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto da renda das persoas físicas (Real decreto 439/2007, do 30 de marzo, polo que se aproba o regulamento) e da Seguridade Social (Real decreto 100493/2011, do 24 de outubro).

Co último pagamento, as persoas beneficiarias deberán presentar declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Decimo terceira. Réxime de desenvolvemento

Primeira. Os/as bolseiros/as seleccionados/as quedarán obrigados/as a:

a) Permanecer na sede da Casa de Velázquez, en horario habitual de presenza de mañá ou tarde, a non ser cando a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar.

b) O cumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Seguir as indicacións técnicas dos/das coordinadores/as ou titores/as do proxecto.

d) Entregar mensualmente aos/ás coordinadores/as ou titores/as do proxecto un informe da súa actividade e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa do resultado daquela.

Segunda. Os/as coordinadores/as ou titores/as que dirixan os/as bolseiros/as poderán propoñerlle ao presidente do Consello da Cultura Galega a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

Décimo cuarta. Titores e/ou titoras

Cada un dos bolseiros e das bolseiras contará cun titor ou cunha titora, que será a encargada de orientalos na súa formación. Deste xeito, as tarefas que os bolseiros e as bolseiras levarán a cabo estarán unicamente encamiñadas a completar a súa formación en cada eido investigador; non poderán desenvolver ocupacións relacionadas coas tarefas administrativas propias do Consello da Cultura Galega.

Décimo quinta. Incidencias, incompatibilidades, obrigas e cumprimento

a) O Consello da Cultura Galega resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

b) As persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Se algunha das persoas beneficiarias destas bolsas decide renunciar a ela, é seleccionado/a para outra bolsa, axuda ou proxecto, ou se produce algunha circunstancia determinante de incompatibilidade con esta bolsa, deberá comunicarllo ao presidente do Consello da Cultura Galega, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. A bolsa vacante poderáselle adxudicar ao/á candidato/a seguinte da lista de suplentes.

d) O Consello da Cultura Galega poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación da/o bolseira/o ao destino adxudicado, por motivos de forza maior. No caso de que a interrupción supere o 10 % do tempo total de duración da bolsa suporá a súa revogación.

d) A concesión destas bolsas será incompatible con axudas destinadas ao mesmo fin. En calquera momento, a persoa responsable das prácticas poderá propoñerlle á Presidencia do Consello da Cultura Galega cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas recollidas no regulamento interno de Casa de Velázquez. A presidencia do Consello da Cultura Galega, logo de dar trámite de audiencia ao interesado, poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria.

e) Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) O incumprimento por parte da bolseira ou bolseiro de calquera das condicións recollidas na presente resolución e nas demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial pola persoa beneficiaria das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Décimo sexta. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Consello da Cultura Galega publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para ao cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo sétima. Publicidade

As resolucións, así como os datos que se deban notificar de forma conxunta publicaranse na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal).

Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Décimo oitava. Notificacións

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuarse por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuaran a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo novena. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Procesos selectivos» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Consello da Cultura Galega. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Consello da Cultura Galega, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Pazo de Raxoi, 2º andar; Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a rexistro@consellodacultura.gal

Disposición adicional segunda. Natureza xurídica da relación

O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e os bolseiros e bolseiras.

Disposición adicional terceira. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na actualidade correspondente.

Disposición adicional cuarta

A concesión das bolsas reguladas nesta resolución terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional quinta

Esta convocatoria poderase impugnar mediante un recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente a través dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño 2017

O presidente do Consello da Cultura Galega
P.D. (Resolución do 26.5.2017)
Xosé López García
Secretario do Consello da Cultura Galega

ANEXO II

Unha bolsa de estadía para a investigación na Casa de Velázquez en Madrid

Esta bolsa ten como finalidade facilitar a presenza dun/dunha investigador/a na Casa de Velázquez en Madrid.

Requisitos específicos:

A investigación que se vai desenvolver pertencerá ao ámbito das ciencias humanas e sociais, cuxas fontes ou terreo de referencia estean en Madrid, e terá que ver coa cultura e a historia de Galicia e a proxección da cultura galega.

O investigador ou investigadora deberá presentar unha memoria explicativa do proxecto de investigación que resuma as características xerais da investigación que vai levar a cabo, ao cal se debe acompañar unha carta de convite dalgún centro de investigación, estudo ou documentación situado en Madrid, así como un escrito do responsable da investigación sobre o interese do proxecto.

ANEXO III

Unha bolsa de estadía de creación na Casa de Velázquez en Madrid

Esta bolsa ten como finalidade facilitar a presenza dun/dunha creador/a na Casa de Velázquez en Madrid. Está destinada a creadores ou creadoras do ámbito das artes visuais (agás pintores e escultores) ou músicos.

Requisitos específicos:

O creador ou creadora deberá presentar unha memoria explicativa que resuma as características xerais do proxecto que vai levar a cabo. Nesta memoria o candidato, segundo a súa categoría, debe xuntar:

Cineastas e videastas: un máximo de dous enlaces de películas cargadas na plataforma Vimeo. Só se tomarán en conta os vídeos montados.

Compositores: un máximo de dúas obras musicais (formato MP3- con un bit rate de 192 Kbits/s) e as particións en formato PDF.

Fotógrafos: un máximo de 10 fotografías (ficheiros jpg, jpeg, o png).

Artes plásticas: un máximo de 10 fotografías da súa obra (ficheros jpg, jpeg, o png).

Non se poderán incorporar enlaces ou plataformas externas, salvo Vimeo para os videastas e cineastas.

Os proxectos de artes visuais (debuxo, cine, fotografía, gravado, vídeo) ou composición musical deberán estar avalados por un responsable dun centro de creación, dun museo, dun conservatorio, etc. No proxecto de creación deberase xustificar tanto a necesidade da estadía en Madrid como a da proxección da cultura galega.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file