Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 26 de xuño de 2017 Páx. 31229

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento IN200A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.17, atribúe á nosa comunidade autónoma competencias exclusivas en materia de artesanía. A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán.

En Galicia, as actividades artesanais supoñen unha gran reserva desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo. Forman parte do tecido produtivo básico sobre o cal se constrúe a nosa sociedade, ao tempo que actúan como fío condutor que posibilita a continuidade da nosa identidade e da nosa cultura.

O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, atribúe á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de artesanía.

De acordo co anteriormente exposto e de conformidade co establecido no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, no exercicio das atribucións que ten conferidas,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen os premios Artesanía de Galicia, que se aproban no anexo I e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 co obxectivo de recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional (código de procedemento IN200A).

Os premios Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

a) Premio Artesanía de Galicia 2017.

b) Premio Traxectoria 2017.

c) Premio Bolsa Eloy Gesto 2017.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

A dotación global dos premios é de 10.000 euros con cargo aos orzamentos da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e estarán suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Artigo 3. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes, axustadas ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, deberán presentarse presencialmente na forma indicada no artigo 4 das bases reguladoras, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. O prazo de presentación de candidaturas iníciase a partir das 8.00 horas do 2 de novembro de 2017 e remata ás 14.30 horas do 17 de novembro de 2017.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificar ás persoas interesadas a resolución expresa será de cinco meses.

Artigo 4. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN200A, poderase obter información na Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño http://artesaniadegalicia.xunta.gal/ (consellería de Economía, Emprego e Industria (http://ceei.xunta.gal).

b) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo:

https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos.

c) Nos teléfonos 881 99 91 71 ou 881 99 91 75 da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

d) No enderezo electrónico centro.artesania@xunta.gal.

e) Presencialmente na Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, L25MN, Área Central, 15707 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Fundacion Centro Galego de Artesanía e do Deseño. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Fundacion Centro Galego de Artesanía e do Deseño, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, L25MN, Área Central, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: centro.artesania@xunta.gal.

As persoas gañadoras autorizan expresamente que o seu nome e apelidos sexan publicados co fin de promocionar os premios e referenciar a obra gañadora.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

O órgano competente para ditar a resolucion de concesión do procedemento é a xerencia da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2017

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio e Consumo

ANEXO I
Bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios de Artesanía de Galicia como un recoñecemento á mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Artigo 2. Características dos premios

Os premios Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

1. Artesanía de Galicia 2017.

Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no desenvolvemento desta.

2. Premio Traxectoria 2017.

Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dunha persoa artesá galega. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, as asociacións profesionais de artesáns de Galicia e outras entidades públicas ou privadas encargadas de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida da persoa candidata, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2017.

Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.

Artigo 3. Participantes

1. Premio Artesanía de Galicia 2017.

Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal, de acordo coa Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, e co Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

2. Premio Traxectoria 2017.

Artesáns/ás en activo ou retirados que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. Os encargados de facer a presentación das candidaturas desta categoría serán os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, as asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto 2017.

1. Artesáns/ás inscritos/as no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, cunha idade máxima de 40 anos no 2017.

2. Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxo titular sexa unha persoa artesá rexistrada como tal e que acadase unha idade máxima de 40 anos en 2017.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión dos premios presentaranse no prazo que se indica no artigo 3 da convocatoria.

a) A documentación e a peza orixinal, de ser o caso, deberase presentar nas oficinas da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e débense de consultar previamente no correo electrónico centro.artesania@xunta.gal o enderezo e o horario de apertura das oficinas. Cando a candidatura se remita por correo o solicitante deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos (será requisito indispensable que se trate dunha oficina de Correos prestadora do servizo postal universal) e anunciar á Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño a remisión da candidatura mediante fax (881 99 91 70) ou telegrama no mesmo día. Sen a concorrencia de ambos os dous requisitos non será admitida a proposta se é recibida pola fundación con posterioridade á data en que remata o prazo sinalado no seguinte punto das presentes bases. Transcorridos, porén, os dez días naturais seguintes á data indicada sen se recibir a proposta de candidatura, esta non será admitida en ningún caso.

b) De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de que a solicitude e a documentación non reúnan os requisitos exixidos nestas bases, requirirase á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa.

2. As persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

1º. Premio Artesanía de Galicia 2017.

A) Sobre pechado en que figurará o título da proposta e que conterá a seguinte documentación:

a) Anexo II. É obrigatorio que, de ser o caso, leve a sinatura e o selo da empresa.

b) Currículo do obradoiro artesán.

c) Declaración asinada de que o proxecto presentado pertence á persoa solicitante e non foi presentado a outros concursos nin publicado con anterioridade.

B) Sobre pechado en que figurará o título da proposta e conterá en soporte dixital a seguinte documentación:

a) Ficha técnica do proxecto que inclúa nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados e ano de elaboración.

b) Mínimo de 5 imaxes da obra presentada en formato jpg cunha resolución de 300 dpi.

c) Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual en que se indique a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra.

Esta documentación non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.

C) Presentación da peza orixinal e, no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico do orixinal.

O número máximo de obras por participante será de dous. Asemade, os autores que desexen participar con máis dunha obra deberán cubrir toda a documentación por obra presentada.

Importante: a peza e memoria que se propón como candidata ao premio non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.

2º. Premio Traxectoria 2017.

Sobre pechado en que figurará o nome da persoa candidata e que conterá a seguinte documentación:

En papel:

a) Anexo II. É obrigatorio que leve a sinatura da persoa representante e o selo do obradoiro, asociación profesional ou entidade pública ou privada que realiza a proposta.

En soporte dixital:

• Memoria de presentación cun mínimo de 15 imaxes en formato jpg cunha resolución de 300 dpi do traballo e currículo da persoa candidata e na cal se sinalen as razóns pola se propón ao premio.

3º. Premio Bolsa Eloy Gesto 2017.

Sobre pechado en que figurará o nome e conteña:

En papel:

a) Anexo II. É obrigatorio que leve a sinatura e o selo da empresa, de ser o caso.

b) Currículo da persoa artesá ou do obradoiro artesán.

En soporte dixital un dossier que conteña:

• Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o cal solicita a bolsa e unha proposta razoada pola que considera que a súa candidatura debe ser elixida como gañadora nesta categoría.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Premios

A dotación dos premios será a seguinte:

– Premio Artesanía de Galicia 2017:

Dotación de 6.000 € e trofeo acreditativo.

A persoa gañadora cederá á Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño a propiedade da obra premiada. No caso de que as características do produto gañador impidan a súa cesión, substituirase por documentación gráfica ou visual.

– Premio Traxectoria 2017:

Trofeo acreditativo e sen dotación económica.

– Premio Bolsa Eloy Gesto 2017:

Bolsa de formación de 4.000 € e diploma acreditativo.

Artigo 7. Xurado

Constituirase un xurado cuxos membros serán nomeados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, competente en materia de artesanía, e estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de 5 vogais.

Actuará como presidente/a a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio no eido da artesanía, do deseño e do comercio, e a secretaría recaerá na persoa xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, con voz pero sen voto.

A composición do xurado farase pública antes da resolución dos premios na páxina web http://artesaniadegalicia.xunta.gal/.

No seu funcionamento, o xurado aterase ao seguinte:

a) A deliberación do xurado será secreta e a súa decisión inapelable.

b) O xurado proporá nas súas deliberacións unha única persoa gañadora para cada unha das categorías. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do/a presidente/a. No momento das votacións, só se terán en conta os votos emitidos polos membros presentes, xa que non se admitirá a delegación do voto.

c) O xurado poderá facer mencións honoríficas sen dotación económica a aquelas persoas candidatas que desexen destacar nalgún aspecto.

d) O xurado poderá propoñer declarar desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen os méritos necesarios para acadar o galardón.

e) O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non recollidos nestas bases, así como todas as cuestións que poidan suscitarse con motivo dos premios.

f) O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 8. Resolución de concesión e notificación

1. O xurado efectuará a proposta de resolución de concesión, á cal lle deberá incorporar o contido da avaliación realizada por este.

O órgano competente para ditar a resolución de concesión do procedemento é a xerencia da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

2. A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño poderá suspender unha convocatoria anual cando concorran circunstancias que impidan o normal desenvolvemento do proceso de convocatoria e a concesión do premio.

3. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a concesión do premio será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o citado prazo sen que se notifique a resolución de concesión expresa lexítima ás persoas interesadas, entenderase desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

Artigo 9 Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Publicidade

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño fará publicidade das persoas galardoadas e dos finalistas coa merecida notoriedade nos medios que considere máis axeitados dadas as características dos premios.

Artigo 11. Entrega de premios

A entrega dos premios realizarase nun acto público convocado para tal efecto, ao cal se lle dará a publicidade e a transcendencia axeitadas.

Artigo 12. Compatibilidade do premio

Estes premios serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente de calquera Administración, ente público ou privado, galego, estatal ou europeo, ou organismos internacionais, que se lle poida outorgar á persoa beneficiaria despois da concesión do presente galardón.

Artigo 13. Recuperación das pezas presentadas

Os autores que desexen recuperar as pezas presentadas deberán recollelas persoalmente na Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. As obras que non se recollan pasados 40 días desde a publicación das persoas gañadoras na páxina web http://artesaniadegalicia.xunta.gal/ pasarán a ser propiedade da Fundación xa que se entenderá que as persoas candidatas renuncian aos seus dereitos de propiedade sobre elas.

Artigo 14. Aceptación das bases

A participación neste concurso supón a plena aceptación das bases cuxa interpretación corresponde ao xurado.

missing image file
IN200A G.pdf
IN200A G.pdf