Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 17 de xullo de 2017 Páx. 34327

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 4 de xullo de 2017 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2017 e 2018.

BDNS (identif.): 355063.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas, que reúnan os seguintes requisitos:

Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil nun polígono industrial ou parque empresarial ou nas súas inmediacións.

Achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos/as os/as non nados/as e en proceso de adopción.

Presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

Cando se trate de agrupacións de asociacións empresariais ou entidades representativas dun parque empresarial ou polígono industrial deberá facerse constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidade beneficiaria. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiarias.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o período 2017/2018 (código BS403D).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde de 2017 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2017 e 2018.

Cuarto. Importe

As axudas consistirán nunha subvención de ata o 100 % do custo total do investimento realizado, cun límite máximo global por escola infantil e entidade beneficiaria de 200.000 euros.

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total dun millón catrocentos mil euros (1.400.000 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.781.0 distribuído en dúas anualidades, correspondendo 350.000 € á anualidade 2017 e 1.050.000 € á anualidade 2018.

Estas axudas estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10-Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e unha aprendizaxe permanente, prioridade de investimento 10.05-Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e a aprendizaxe permanente, mediante o desenvolvemento das infraestruturas de educación e formación, obxectivo específico 10.05.01-Mellorar as infraestruturas de educación e formación, actuación 10.5.1.5-Creación de centros de 1º ciclo de educación infantil 0-3 anos en contornos empresariais.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social