Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2017 Páx. 34462

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 67/2017, do 6 de xullo, polo que se modifica a denominación da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela que pasa a denominarse Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31º, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 17 establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, ben por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da Universidade, ben por iniciativa da universidade, mediante proposta do seu Consello de Goberno, en ambos os casos co informe favorable do seu Consello Social.

Os requisitos específicos determínanse polo Real decreto 420/2015, do 29 de maio, de creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios.

Na súa virtude, en aplicación da normativa vixente, logo do informe preceptivo do Consello Galego de Universidades, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do seis de xullo de dous mil dezasete

DISPOÑO:

Artigo único. Cambio de denominación

Autorízase o cambio de denominación da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela, situada no campus de Lugo, que pasará a denominarse Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia universitaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xullo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria