Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 24 de xullo de 2017 Páx. 35375

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autorizan e se publican diversos acordos adoptados pola Comisión Central de Seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño).

De conformidade coas competencias previstas nas normas I.6.1. e II.7 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, asinado o 13 de xuño de 2016, no seo da Comisión Central de Seguimento do devandito pacto, nas reunións mantidas o 21 de xuño de 2016 e o 13 de xuño de 2017, adoptáronse os acordos que se recollen como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2017

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Acordos da Comisión Central de Seguimento en desenvolvemento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia do 13 de xuño de 2016:

I. Indispoñibilidade de aspirantes en áreas especiais.

Non existindo aspirantes dispoñibles nas listas definitivas dunha área especial, acudirase en primeiro lugar a aqueles/as aspirantes inscritos/as nas listas da respectiva categoría que solicitaron e superaron a formación prevista no punto II.7 do vixente Pacto con posterioridade á data da última xeración ou teñan acreditada unha experiencia profesional mínima de dous meses na concreta área e categoría en institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

A ordenación dos/das aspirantes neste suposto virá determinada pola posición que ocupan na lista xeral.

II. Indispoñibilidade de aspirantes na lista de enfermeiro/a especialista en saúde mental.

Procederase en primeiro lugar segundo o acordado pola Comisión Central de Seguimento do Pacto na súa reunión do 11 de decembro de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 30 de xuño de 2016).

Non existindo aspirantes dispoñibles que tivesen formalizado en Fides/expedient-e a solicitude de inscrición nas listas de selección temporal/promoción profesional da categoría de enfermeiro/a especialista en saúde mental con posterioridade á data límite de inscrición para as listas en vigor nese momento, efectuarase o chamamento a favor daqueles/as aspirantes da lista vixente de enfermería que teñan acreditada en Fides unha experiencia profesional mínima de dous meses en unidades de saúde mental do Servizo Galego de Saúde.

A orde de prelación virá determinada pola posición que ocupan na lista xeral.

III. Valoración da parte común da fase de oposición ás persoas aspirantes da quenda de promoción interna.

Os/as aspirantes que participan pola quenda de promoción interna están exentos da realización do exercicio da parte común do programa. Nas listas que se publiquen a partir do seguinte proceso de actualización (31 de outubro de 2017) na puntuación da fase de oposición asignaráselles ás persoas aspirantes que participen por esta quenda 5 puntos neste exercicio.

IV. Baremo aplicable ás listas das especialidades de enfermeiro/a especialista.

Ao abeiro da competencia recollida no punto II.4.6.1 do vixente Pacto de selección temporal de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, acórdase que o baremo das convocatorias de selección de persoal estatutario temporal das distintas especialidades da categoría estatutaria de enfermeiro/a especialista, creada por Decreto 81/2016, do 23 de xuño (Diario Oficial de Galicia núm. 133, do 14 de xullo), será o da última convocatoria publicada para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 121, do 30 de xuño.

Se con posterioridade á adopción deste acordo se convocase un proceso de selección fixa para o acceso á condición de enfermeiro especialista, tomarase en consideración o último baremo aprobado na Mesa Sectorial de Negociación. Tal baremo aplicarase a partir do primeiro proceso de xeración de listas posterior á súa publicación.

V. Renuncia sen penalización a vínculos de longa duración nas listas de ámbito autonómico nos supostos de cambio de área de preferencia.

As persoas aspirantes que estean vinculadas por un nomeamento a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade, consonte as listas de ámbito autonómico convocadas ao abeiro do Pacto de selección temporal, e que coa entrada en vigor dunha nova lista figuren como aspirantes nunha área distinta de preferencia, non serán chamadas pola nova lista mentres se manteña tal vinculación, en aplicación do Pacto de selección temporal.

Agora ben, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable da realización dos chamamentos daquela nova/s área/s ou zona/s en que figure inscrito con carácter preferente, dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas, chamarase para calquera vinculación que lle corresponda polo seu número de orde nas novas áreas/zonas de preferencia.

A aceptación da oferta de nomeamento na/s nova/s área/s ou zona/s comportará a renuncia á vinculación na que figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

A non aceptación da oferta de nomeamento na/s nova/s área/s ou zona/s comporta a aplicación do réxime penalizador previsto no pacto de selección temporal.