Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 36787

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2017.

De conformidade co previsto no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo dispón o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, ten atribuídas, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero. Incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como promover programas e normas dirixidas á promoción do ejercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Neste ámbito, apoiar o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprendemento feminino é unha das liñas básicas de actuación da Xunta de Galicia no marco da igualdade de oportunidades; a importancia desta actuación e a súa necesidade recóllense de maneira expresa na normativa autonómica, tanto de igualdade coma de emprendemento, en particular, no título I, capítulo V, do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Esta prioridade de actuación recóllese de forma transversal e singularizada no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, así como no VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, no cal na súa área estratéxica 3, relativa á igualdade no emprego e na innovación, recolle como obxectivo especifico 3.6 «impulsar o emprendemento feminino e a mellora do tecido empresarial liderado por mulleres»; así mesmo, noutros obxectivos tamén se definen medidas para favorecer o emprendemento feminino, en particular, no eido rural e no da innovación. Pola súa vez, o II Programa galego de muller e ciencia 2016-2020 tamén recolle como obxectivo e medida específica a promoción do emprendemento feminino no ámbito da investigación, ciencia e tecnoloxía.

Neste contexto, o programa Emega consolídase como medida específica para o fomento do emprendemento feminino; comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha (liña Emprende e ITEF), a mellora (liña Innova) e a reactivación (liña Activa) de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, incentivando a creación de emprego por conta propia e por conta allea para mulleres; xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral (axuda complementaria Concilia); así como para facilitar o acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e titorización co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos seus proxectos empresariais (axuda complementaria Dual).

Configúrase como medio adecuado para a promoción, participación e progresión das mulleres no mercado de traballo e no desenvolvemento da súa actividade profesional, así como para aproveitar a súa potencialidade e as novas oportunidades de negocio, singularmente, no terreo da innovación (I+D+i), das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e no medio rural; co fin de promover unha maior participación na actividade económica e laboral, así como para contribuír a un crecemento intelixente, sustentable e integrador sen desigualdades entre mulleres e homes, a unha maior cohesión social e territorial e á revitalización demográfica en Galicia.

No marco das políticas da Unión Europea, nas súas diferentes normas e documentos de programación e planificación, en particular, na Estratexia Europea 2020, no Pacto europeo pola igualdade de xénero 2011-2020, así como nos propios regulamentos dos fondos estruturais europeos 2014-2020, a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes segue a ser un valor fundamental, así como o apoio ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego.

Desta forma, o programa Emega enmárcase no programa operativo FSE Galicia 2014-2020, no obxectivo temático 8 «promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral»; prioridade de investimento 8.4 «A igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos, incluídos o acceso ao emprego, a progresión na carreira profesional, a conciliación da vida laboral e a vida privada e a promoción de igual remuneración por igual traballo»; obxectivo específico 8.4.1 «aumentar a contratación de mulleres, especialmente en sectores económicos que presentan un alto potencial de emprego con escasa presenza feminina».

Por iso, é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) número 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) número 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) número 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo, e polo que se derroga o Regulamento (CE) número 1081/2006 do Consello; así como ao establecido na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 (BOE núm. 307, do 21 de decembro).

As axudas previstas no programa Emega están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) número 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro) e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino en Galicia e proceder á súa convocatoria no ano 2017 (procedemento SI429A).

2. O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e titorización co obxecto de facilitar a implantación e a consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Co dito fin, o programa Emega (procedemento SI429A) comprende as seguintes liñas e axudas complementarias:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto de mellora.

c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico. As ditas medidas, en ningún caso, poderán supor destrución do emprego existente por conta propia e allea.

d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

e) Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

f) Dual: axuda complementaria para incentivar a participación no programa de titorización que estableza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria a través das liñas Emprende, Activa, Innova ou ITEF.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fxados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por importe total dun millón setenta e seis mil cento nove euros (1.076.109 €), con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.470.0, código de proxecto 2015 00143, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

2. Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020, no obxectivo temático 8 «promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral»; prioridade de investimento 8.4 «A igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos, incluídos o acceso ao emprego, a progresión na carreira profesional, a conciliación da vida laboral e a vida privada e a promoción de igual remuneración por igual traballo»; obxectivo específico 8.4.1 «aumentar a contratación de mulleres, especialmente en sectores económicos que presentan un alto potencial de emprego con escasa presenza feminina».

3. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Réxime das axudas

1. As axudas establecidas nesta resolución quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) número 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención.

Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non será superior a 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais e, cando se trate dunha empresa de transportes de mercadorías por estrada, a axuda total de minimis non poderá exceder os 100.000 euros nun período de tres exercicios fiscais, segundo o establecido no Regulamento (UE) número 1407/2013.

2. As axudas sometidas ao réxime de minimis non poderán concederse ás empresas, actividades e supostos seguintes:

a) Empresas que operan no sector da pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) número 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes: c.1) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas; c.2) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 4. Compatibilidade e concorrencia

1. As subvencións establecidas nesta resolución para as liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF son incompatibles entre si, e dentro de cada liña soamente poderán ser beneficiarias dun único incentivo. Estes incentivos son compatibles coas axudas complementarias Dual e Concilia previstas nesta resolución.

2. Así mesmo, as axudas do programa Emega son incompatibles coas establecidas para a mesma finalidade e concepto nos distintos programas de promoción do emprego autónomo, de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, de iniciativas de emprego, e de iniciativas de emprego de base tecnolóxica convocadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como con outras axudas que para a mesma finalidade e concepto poidan outorgar outros departamentos da Xunta de Galicia ou outras administracións públicas como medida de impulso ao emprendemento.

3. Tamén son incompatibles coas subvencións á contratación por conta allea convocadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, outros departamentos da Xunta de Galicia ou calquera outra Administración pública, agás que xa rematase o período de mantemento do emprego exixido na correspondente convocatoria. De ser o caso, a contratación subvencionada a través de incentivos á contratación por conta allea non se poderá ter en conta para a determinación da contía da correspondente liña do programa Emega.

Artigo 5. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta resolución, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá presentala a traballadora autónoma.

Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá presentala esta e non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal. De ser o caso, efectuarase o oportuno requirimento para que emenden a solicitude.

2. Requisitos comúns a todas as liñas de axuda:

a) Tratarse dunha empresa privada coa categoría de microempresa ou pequena empresa validamente constituída, baixo calquera forma xurídica segundo o sinalado no punto 2.b) deste artigo.

Para estes efectos, teñen a categoría de microempresas as unidades económicas que ocupan menos de dez persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supere os dous millóns de euros, e de pequena empresa as unidades económicas que ocupan menos de 50 traballadores e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supere os dez millóns de euros.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro nin as empresas públicas ou participadas, agás que se trate de participacións minoritarias de carácter temporal ou préstamos participativos a través dalgún instrumento de apoio financeiro á iniciativa emprendedora, acordes coa previsión contida no capítulo IV, do título II, da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

b) A actividade mercantil pode ser realizada por empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

Nas empresas de tipo societario, a administración da empresa teñen que exercela mulleres e o capital social estar maioritariamente subscrito por mulleres no caso de pequenas empresas e integramente subscrito por elas cando se trate de microempresas, agás que a participación proveña de instrumentos de apoio financeiro á actividade emprendedora consonte o sinalado no último parágrafo do punto anterior. Polo tanto, a participación destes instrumentos de apoio financeiro terase en conta, xunto coas achegas delas, para os efectos de verificar o cumprimento do requisito exixido neste artigo relativo á titularidade maioritaria ou, se é o caso, íntegra do capital social.

Excepcionalmente, no caso da liña ITEF, calquera que sexa o tamaño da empresa, admitirase a participación de persoas que colaboraron no desenvolvemento do proxecto de investigación base da iniciativa empresarial, sempre que a maioría do capital social sexa titularidade das mulleres emprendedoras e a administración da empresa a exerzan mulleres.

c) Ter domicilio social e fiscal, así como establecemento de produción ou comercial, en Galicia.

d) As promotoras das empresas beneficiarias das axudas deben estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e estar vinculadas laboralmente á empresa, desenvolvendo de forma habitual a súa actividade profesional nela.

Para os efectos deste programa non se terán en conta as autónomas colaboradoras.

e) Ter iniciado a actividade económica e a actividade laboral nos termos exixidos para cada tipo de axuda nesta resolución.

Para os ditos efectos, o inicio do exercicio efectivo da actividade económica acreditarase mediante a xustificación da alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, e o inicio da actividade laboral mediante a acreditación da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, na mutualidade de colexio profesional, para o cal terase en conta a data de efectos da alta.

f) A iniciativa ou proxecto empresarial debe ter viabilidade técnica, económica e financeira, o que deberá quedar reflectido no plan de negocio empresarial.

g) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da interesada.

h) Non ter percibido axudas ao abeiro do programa Emega nos tres anos anteriores á data do inicio da actividade económica no caso das liñas Emprende e ITEF. No caso das liñas Activa e Innova, nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria.

De telas percibido, o dito prazo computarase desde a data da notificación da resolución de concesión da anterior axuda.

3. Os requisitos e condicións para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento dos postos de traballo (dous anos), de acordo co disposto no artigo 25 desta resolución.

4. Así mesmo, deberán acreditar a realización dun investimento mínimo en inmobilizado material ou intanxible non inferior aos límites establecidos para cada liña de axuda no artigo 6 desta resolución.

Artigo 6. Investimento en inmobilizado material ou intanxible nas liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF

1. Nas liñas Emprende, Innova e Activa as empresas deberán acreditar a realización dun investimento mínimo en inmobilizado material ou intanxible para o inicio e desenvolvemento da actividade empresarial obxecto de subvención non inferior a 1.000 euros e no caso da liña ITEF non inferior a 3.000 euros, sen incluír o imposto sobre o valor engadido (IVE) ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes susceptibles de recuperación ou compensación. Non obstante, nos supostos en que o IVE non sexa susceptible de recuperación, terase en conta para acreditar o requisito do investimento mínimo.

Con carácter excepcional, poderá exceptuarse polo órgano concedente o cumprimento deste requisito, sempre que a interesada o solicite expresamente e quede debidamente xustificado que, en atención á natureza e características do proxecto, non é necesario realizar o investimento mínimo para o desenvolvemento e viabilidade da actividade empresarial.

2. O investimento mínimo terá que estar realizado e efectivamente pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda. Este gasto terá que xustificarse, segundo os conceptos e partidas que figuran no plan de negocio empresarial, mediante facturas ou documentos de valor equivalente no tráfico mercantil e con eficacia administrativa.

De acordo co establecido no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria da axuda. Nestes documentos deben quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento, e é conveniente que no concepto se faga constar o número da factura.

Para estes efectos, non se admitirán os pagamentos en efectivo.

No caso de que na fase de xustificación non se acredite e xustifique en tempo e forma o investimento mínimo exixido, procederá a revogación da axuda concedida.

3. Para o caso de que figure un investimento en inmobilizado material ou intanxible para o desenvolvemento da actuación subvencionada superior ao mínimo exixido, non será necesario xustificar o importe que exceda o dito mínimo, agás que a solicitante se comprometa á súa realización para os efectos do previsto no parágrafo seguinte.

Na valoración das solicitudes terase en conta o investimento superior ao mínimo exixido (artigo 18.1.6), sempre que a solicitante o declare e manifeste expresamente o compromiso da súa realización, pagamento e xustificación na forma, termos e prazos sinalados no número 2 anterior, no modelo anexo III.

Para o caso de que non se xustifique a totalidade do investimento superior comprometido no modelo anexo III e o investimento realizado sexa inferior ao tramo tido en conta para a valoración da solicitude, podería dar lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención de acordo co establecido na letra g) do artigo 26.2 desta resolución.

4. Entenderase por inmobilizado material ou intanxible aquel definido como tal no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade e no Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade de pequenas e medianas empresas e os criterios contables específicos para microempresas.

Para os efectos desta convocatoria, non se terán en conta os investimentos realizados no domicilio particular da persoa solicitante ou dalgunha das persoas comuneiras ou socias da comunidade de bens ou da sociedade civil ou mercantil, agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os investimentos correspondentes a compravendas entre as persoas comuneiras ou socias.

Así mesmo, no suposto de elementos de transporte soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais (furgóns, camións ou vehículos mixtos) que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polos representantes ou axentes comerciais (epígrafe 511 do IAE), polas persoas traballadoras autónomas que se dediquen á venda ambulante ou á venda a domicilio, os empregados na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores, e os empregados en servizos de vixilancia, ao 100 % do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido.

Pola súa vez, no que respecta aos contratos de arrendamento financeiro e outras figuras xurídicas afíns considérase como investimento realizado o importe correspondente ás cotas efectivamente pagadas ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

Artigo 7. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Emprende as empresas de nova creación constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

c) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá cumprirse como mínimo polo 50 % das promotoras.

Para estes efectos, entenderase por persoa desempregada aquela que careza de ocupación durante un período mínimo dun mes inmediatamente anterior á data de inicio da súa actividade laboral.

d) A alta de todas as promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, a correspondente alta na Seguridade Social deberá formalizarse, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

e) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade para a cal se solicita a axuda.

Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia no nivel de tres díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

2. A contía dos incentivos da liña Emprende determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 12.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 20.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 22.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

Artigo 8. Liña Innova: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Innova as empresas constituídas por mulleres que presenten un proxecto de mellora sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) No mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes debe acreditarse a realización efectiva da actividade empresarial de forma ininterrompida durante un mínimo de dous e un máximo de cinco anos na mesma actividade económica para a cal se proxecta a mellora.

b) O proxecto de mellora ten que supor a creación, polo menos, dun posto de traballo para unha muller para o cal se exixa unha capacitación profesional media ou superior e cuxas funcións laborais estean vinculadas directamente ao desenvolvemento do proxecto de mellora e por un período mínimo de dous anos.

c) A alta na Seguridade Social da traballadora que ocupe o posto obrigatorio e, de ser o caso, das que ocupen os demais postos de traballo creados e vinculados ao proxecto de mellora, para que poidan ser tidos en conta para os efectos desta convocatoria, deberá formalizarse, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

d) O proxecto de mellora, cuxa estratexia de implementación debe recollerse no plan de negocio empresarial, deberá materializarse nalgunha das seguintes accións:

– Proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para a obtención de novos produtos ou procesos, ou mellora dos xa existentes.

– Proxectos de aplicación de novas fórmulas de produción ou distribución.

– Proxectos de diversificación de produción e/ou ofertas de produtos ou servizos no marco da mellora da calidade.

– Proxectos de reformulación empresarial para a achega ao mercado de produtos ou servizos innovadores ou de especial singularidade.

e) O proxecto de mellora ten que materializarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

2. A contía dos incentivos da liña Innova determínase en atención á creación do posto obrigatorio e, de ser o caso, ao número dos demais postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 15.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo obrigatorio para unha muller.

b) Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen, ademais do posto de traballo obrigatorio, un posto de traballo por conta allea con contrato indefinido para outra muller.

c) Incentivo de 20.000 euros ás empresas que creen, ademais do posto de traballo obrigatorio, dous postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

d) Incentivo de 22.000 euros ás empresas que creen, ademais do posto de traballo obrigatorio, tres ou máis postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

Artigo 9. Liña Activa: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Activa as empresas constituídas por mulleres que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o necesario equilibrio empresarial sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) No mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes debe acreditarse un período mínimo de tres anos de realización efectiva da actividade empresarial na mesma actividade económica para a cal se proxecta o plan de reactivación. Entenderase cumprido este requisito cando existan períodos de inactividade que en total non superen os tres meses.

b) O proxecto de reactivación e consolidación deberá recollerse no plan de negocio empresarial e ten que materializarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

c) O plan de negocio empresarial deberá conter a definición do proxecto e deberá incluír, entre outros, o seguinte: a) os aspectos que condicionan o seu funcionamento; b) as necesidades que se deben cubrir a curto, medio e longo prazo para acadar o equilibrio empresarial e o mantemento do emprego; c) as medidas de tipo estrutural, conxuntural, económicas, financeiras, tecnolóxicas, de cualificación de medios humanos, de ampliación ou renovación de produtos ou servizos, de localización, etc., necesarias para a reactivación empresarial; d) o cadro de persoal; e) a conta de resultados dos últimos tres anos de funcionamento.

d) Manter ou incrementar o número de postos de traballo por conta propia ou por conta allea preexistentes na empresa.

e) A alta na Seguridade Social das traballadoras que ocupen os novos postos de traballo creados como consecuencia do proxecto de reactivación, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberá formalizarse, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

2. A contía dos incentivos da liña Activa determínase en atención ao número de postos de traballo existentes na empresa como consecuencia do mantemento ou do incremento do emprego preexistente, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 6.000 euros ás empresas que manteñan o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 12.000 euros ás empresas con dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 15.000 euros ás empresas con tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 18.000 euros ás empresas con catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

Artigo 10. Liña ITEF: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña ITEF as empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía, constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e a data do fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) A actividade, proceso, produto ou servizo que vaian desenvolver debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, ter como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i, ou nos cales a presenza de elementos intanxibles xeradores de valor sexa especialmente importante.

c) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

d) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá cumprirse como mínimo polo 50 % das promotoras.

Para estes efectos, entenderase por persoa desempregada aquela que responda á definición contida no artigo 7.1.c) desta resolución.

e) A alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberán formalizarse, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

f) Como mínimo, a promotora ou unha delas cando sexan varias, debe ser unha persoa con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía en que se basea a iniciativa empresarial e que participase no desenvolvemento do proxecto de investigación que sexa base da iniciativa emprendedora. Ademais, en todo caso, ten que gardarse a proporción dunha persoa con titulación universitaria por cada catro postos de traballo creados.

g) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade para a cal se solicita a axuda.

Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia a nivel de tres díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

2. A contía dos incentivos da liña ITEF determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 30.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 40.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 50.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

Artigo 11. Concilia: obxecto, modalidades e contía dos incentivos

1. Concilia é unha axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou profesional, tanto das promotoras coma das persoas traballadoras incorporadas á empresa, coas seguintes modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Os incentivos previstos para esta axuda só se poderán conceder a aquelas empresas que os soliciten expresamente e que resulten beneficiarias de subvención por calquera das liñas Emprende, Innova, Activa ou ITEF previstas nesta convocatoria.

2. A modalidade Concilia-promotoras consiste nun incentivo de 3.000 euros por empresa, sempre que forme parte dela algunha promotora con fllas ou fllos menores de tres anos na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

3. A modalidade Concilia-persoas traballadoras por conta allea consiste nun incentivo de 1.000 euros por persoa traballadora por conta allea, cun máximo de 5.000 euros por empresa, sempre que se solicite expresamente e se opte por un dos seguintes supostos:

a) Formalización dun acordo ou pacto de conciliación para o persoal asalariado, coas persoas traballadoras ou representantes sindicais e vinculante para as partes, para a implantación de novos sistemas de organización do traballo para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade, que conteñan medidas que permitan unha maior adaptación dos tempos de traballo e a flexibilización horaria para as persoas traballadoras por conta allea.

b) Empresas que asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa con contrato laboral.

Para os efectos desta resolución, considérase teletraballo aquel en que a prestación laboral remunerada se desenvolva, como mínimo, durante unha xornada laboral, fóra das dependencias da empresa, ben no domicilio da persoa traballadora ou ben onde libremente elixa, mediante o emprego de novas tecnoloxías da información e a comunicación, co obxecto de contribuír á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

O acordo individual de teletraballo reflectirá, como mínimo, as condicións en que se desenvolverá a prestación laboral e axustarase ao establecido na normativa legal e no convenio colectivo de aplicación.

4. Tanto os acordos ou pactos de conciliación coma os acordos individuais de teletraballo teñen que constar por escrito e estar formalizados, como máximo, na data do fin do prazo de xustificación da axuda, así como estar vixentes, cando menos, durante o período mínimo de permanencia da actividade segundo o establecido no artigo 25 desta resolución.

Artigo 12. Dual: obxecto e contía do incentivo

Dual é unha axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para apoiar a participación das promotoras no programa de titorización organizado pola Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria.

O dito programa consistirá nun máximo de cinco entrevistas persoais, individuais ou grupais, e comprenderá actuacións de orientación, asesoramento, acompañamento e titorización, así como de seguimento da iniciativa empresarial durante o proceso de implantación, co obxecto de solventar as dúbidas que poidan xurdir, así como orientar, apoiar, e asesorar as emprendedoras nas fases iniciais das súas empresas.

O incentivo da axuda Dual consiste nunha cantidade global de 500 euros por empresa.

Esta axuda só se poderá conceder a aquelas empresas que resulten beneficiarias de subvención por calquera das liñas Emprende, Innova, Activa ou ITEF ao abeiro desta convocatoria, sempre que se solicite expresamente e se asuma o compromiso de participar e completar o programa de titorización.

Artigo 13. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De acordo co disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co disposto no artigo 31 dous da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, considérase que o colectivo ao cal vai dirixido estas axudas, empresarias individuais e empresas societarias constituídas por mulleres, teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 14. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II: relación das promotoras e das traballadoras por conta allea, así como dos postos de traballo por conta allea para mulleres que se comprometen a crear, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

b) Anexo II bis: comprobación de datos das promotoras.

c) Anexo III: declaración e compromiso expreso de realización dun investimento en inmobilizado material ou intanxible superior ao mínimo exixido.

d) Anexo VI: para o caso das sociedades civís e comunidades de bens, ademais da declaración de axudas referida á empresa no anexo I, deberán presentar unha declaración de axudas por cada unha das promotoras no modelo anexo VI.

e) Documento de constitución da comunidade de bens, sociedade civil ou da sociedade mercantil, así como a documentación acreditativa de representación suficiente para actuar en nome da entidade.

f) Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria relativa á situación da alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria en que necesariamente debe figurar, entre outros, a data de alta, o domicilio fiscal e social e a localización do establecemento comercial ou de produción.

g) Documentos de alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social (resolución sobre recoñecemento de alta) ou en mutualidade de colexio profesional.

h) Informe da vida laboral actualizado das promotoras emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou, de ser o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela e sinalando se presupón ou non exercicio da actividade.

i) Para o caso de promotoras vítimas de violencia de xénero, documentación acreditativa desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

k) Para o caso de persoas solicitantes ou promotoras cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, certificación acreditativa desta situación no caso de que esta non fose emitida pola Xunta de Galicia.

l) Liña Innova: memoria descritiva das funcións e tarefas que se van desenvolver en cada un dos novos postos de traballo para mulleres vinculados ao proxecto (máximo unha folla por posto de traballo) e, de estar xa contratada ou seleccionada, un breve currículo da persoa que ocupe o posto obrigatorio.

m) Liña Activa: informe de vida laboral de todos os códigos de cotización da empresa que abrangue o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2016 ata a actualidade.

n) Liña ITEF: un breve currículo das promotoras e das persoas traballadoras por conta allea, de estaren xa contratadas ou seleccionadas, con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía en que se basea a iniciativa empresarial.

ñ) Plan de negocio empresarial, que se deberá presentar obrigatoriamente no modelo correspondente á liña de axuda solicitada publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

o) Axuda complementaria Concilia-promotoras: copia do libro de familia.

p) Axuda complementaria Concilia-persoas traballadoras por conta allea, para o suposto previsto na letra a) do artigo 11.3 desta resolución: copia do acordo ou pacto de conciliación ou, para o caso de non estar aínda formalizado na data da presentación da solicitude, unha memoria asinada pola solicitante que recolla a proposta das medidas de conciliación que se pretenden implantar na empresa, con indicación do número de persoas traballadoras a que vai dirixido.

q) Axuda complementaria Concilia-persoas traballadoras por conta allea, para o suposto previsto na letra b) do artigo 11.3 desta resolución: copia dos acordos de teletraballo ou, para o caso de non estar aínda formalizados na data da presentación da solicitude, unha memoria asinada pola solicitante que recolla a proposta dos termos e contidos do teletraballo, con indicación do número de acordos que van formalizar.

r) Calquera outra documentación que a solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para un maior detalle na descrición do proxecto empresarial (máximo seis follas).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14 bis. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificacións de estar ao día nas súas obrigas coa AEAT, coa Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes á entidade ou á persoa física solicitante.

e) Certificado do grao de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia correspondente á persoa física solicitante.

f) Certificacións de estar ao día nas súas obrigas coa AEAT, coa Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ás promotoras das sociedades civís e comunidades de bens solicitantes.

g) Certificado do grao de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia correspondente ás promotoras das sociedades civís, comunidades de bens e sociedades mercantís solicitantes.

h) Certificado do grao de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia correspondente ás traballadoras por conta allea.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta dos documentos indicados nas alíneas a), b), c), d) e e) anteriores, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta dos documentos indicados nas alíneas f) e g) anteriores, deberán indicalo no cadro habilitado no anexo II bis e achegar os documentos correspondentes.

4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta do documento indicado na alínea h) anterior, deberán indicalo no cadro habilitado no anexo VIII bis e achegar o documento correspondente.

5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá á entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Así mesmo, tamén se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 17. Instrución dos procedementos e comisión de valoración

1. A instrución dos procedementos previstos nesta resolución correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión de valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue.

– Secretaría: o/a xefe/a do Servizo de Fomento.

– Vogalías: o/a xefe/a do Servizo de Planificación e Programación, o/a xefe/a do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional e o/a xefe/a do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión de valoración, esta será substituída pola persoa funcionaria designada pola persoa que exerza a presidencia da comisión.

3. A comisión de valoración poderá requirir ás persoas solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e pautas de baremación establecidos no artigo 18 e tendo en conta o crédito dispoñible, a comisión de valoración emitirá un informe no cal, entre outros, se recollerá unha relación ordenada por orde de puntuación de todas as solicitudes que cumpran os requisitos, con indicación da contía da subvención que lle corresponda.

Á vista do anterior, a persoa que exerza a presidencia da comisión formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, proporá a concesión de subvención segundo a orde de baremación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas a través do crédito que quedase sen comprometer por producirse algunha renuncia ou ben por un posible incremento do crédito orzamentario destinado a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución con anterioridade ao fin do prazo de xustificación das axudas.

Artigo 18. Criterios de valoración

1. A comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

1.1. Polo carácter innovador do proxecto empresarial en relación cos demais presentados para a mesma liña (Emprende, Innova, Activa ou ITEF) ao abeiro desta convocatoria: 5 puntos.

Para estes efectos considerarase proxecto innovador aquel que destaque de forma significativa, fronte aos demais presentados na mesma liña, polo innovador do produto ou servizo que oferte, ou pola singularidade do modelo de negocio ou de xestión empresarial que presente. En todo caso, para que se poida aplicar este criterio de valoración, o plan de negocio empresarial que se debe achegar xunto coa solicitude deberá vir acompañado dun informe de viabilidade económica e financeira emitido por entidade independente, entre as cales figuran a Unidade Galicia Emprende e os axentes de emprego e desenvolvemento local.

1.2. Pola localización da actividade empresarial en concellos de zonas rurais ou urbanas en atención á súa cualificación por grao e subgrao de urbanización (zonas densamente poboadas –ZDP–; zonas intermedias –ZIP–; e zonas pouco poboadas –ZPP–), segundo os estudos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ata un máximo de 15 puntos, de acordo co seguinte:

a) ZPP: de baixa densidade, 15 puntos; de densidade intermedia, 12 puntos; de densidade alta, 10 puntos.

b) ZIP: de baixa densidade, 8 puntos; de alta densidade, 4 puntos.

c) ZDP: 3 puntos.

A cualificación dos concellos por grao e subgrao de urbanización poderase consultar na relación publicada na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Para a aplicación deste criterio, terase en conta o lugar onde se desenvolve a actividade segundo os datos que figuren na alta do IAE ou, de non constar o dito aspecto, o domicilio fiscal.

1.3. Pola pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas: 10 puntos.

Para os ditos efectos teranse en conta os datos de persoas ocupadas por sexo e rama de actividade da Enquisa de poboación activa (EPA), Galicia 2016. Fonte: Instituto Galego de Estatística (IGE). Entenderase que hai infrarrepresentación cando na rama de actividade exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes.

1.4. Polo emprego feminino xerado, por conta propia ou por conta allea, ata un máximo de 30 puntos, segundo o seguinte:

a) Un posto de traballo para mulleres: 3 puntos.

b) Dous postos de traballo para mulleres: 10 puntos.

c) Tres postos de traballo para mulleres: 15 puntos.

d) Catro postos de traballo para mulleres: 20 puntos.

e) Entre cinco e 10 postos de traballo para mulleres: 25 puntos.

f) Máis de 10 postos de traballo para mulleres: 30 puntos.

1.5. Pola contribución á integración laboral de mulleres con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %; mulleres vítimas de violencia de xénero; desempregadas menores de 30 ou maiores de 45 anos na data de inicio da actividade laboral; desempregadas de longa duración (para estes efectos entenderase que están na dita situación as que leven máis de doce meses sen ocupación na data de inicio da actividade laboral). Ata un máximo de 10 puntos, 2 puntos por cada traballadora, por conta propia ou por conta allea, nalgunha destas situacións.

Estas circunstancias deberán acreditarse documentalmente.

1.6. Pola realización dun investimento en inmobilizado material ou intanxible superior ao mínimo exixido, para o caso de que se presente o correspondente compromiso no modelo anexo III nos termos indicados no artigo 6.3 desta resolución, ata un máximo de 20 puntos, segundo o seguinte:

a) Investimento superior ao mínimo exixido e ata 6.000 euros: 2 puntos.

b) Investimento superior a 6.000 euros e ata 12.000 euros: 5 puntos.

c) Investimento superior a 12.000 euros e ata 22.000 euros: 10 puntos.

d) Investimento superior a 22.000 euros e ata 32.000 euros: 15 puntos.

e) Investimento superior a 32.000 euros: 20 puntos.

1.7. Por tratarse dunha actividade empresarial dedicada á prestación de servizos de conciliación (servizos de atención e coidado de persoas dependentes a cargo), ata 10 puntos, segundo o seguinte:

a) Se a actividade se desenvolve en concellos cualificados como ZPP: 10 puntos.

b) Se a actividade se desenvolve en concellos cualificados como ZIP: 6 puntos.

c) Se a actividade se desenvolve en concellos cualificados como ZDP: 3 puntos.

2. No suposto de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, para os efectos de resolver o desempate, terase en conta a puntuación obtida en cada criterio de valoración, seguindo a orde na cal figuran relacionados no punto anterior, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de persistir, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 19. Resolución e notificación

1. De conformidade co previsto no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo o establecido na disposición adicional segunda do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta do órgano instrutor e logo da fiscalización por parte da Intervención Delegada, a resolución destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Na resolución de concesión farase constar que os incentivos quedan sometidos ao réxime de minimis.

Dado que a subvención está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, contía da subvención e obrigas que correspondan á persoa beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA). Informaráselle de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de seren persoas xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a empresa beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días hábiles a súa aceptación, e comprometerase a executar a actuación subvencionada no prazo e condicións establecidas na convocatoria, no modelo anexo IV. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas no número 3 deste artigo e no artigo 16 desta resolución, efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e segundo o seguinte:

a) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que acceda ao seu contido.

c) Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 21. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 22. Prazo e xustificación da subvención

1. As beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da subvención concedida coa data límite do 1 de decembro de 2017.

2. Dentro do prazo establecido no punto 1 anterior, deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo V: solicitude de pagamento.

b) Anexo VI: declaración de axudas actualizada. As comunidades de bens e as sociedades civís deben presentar a declaración de axudas da empresa e unha por cada promotora.

c) Anexo VII: relación da documentación xustificativa da realización do investimento en inmobilizado material ou intanxible polo importe mínimo exixido ou, de ser o caso, polo importe superior comprometido tido en conta para a valoración da solicitude, segundo o establecido no artigo 6 desta convocatoria.

A dita relación ten que vir acompañada das copias das facturas ou documentos con valor probatorio equivalente e das certificacións ou extractos bancarios acreditativos do seu pagamento, na forma e nos termos indicados no artigo 6 desta convocatoria.

Para poder ser tidas en conta para os efectos de acreditar o investimento, as facturas deben estar emitidas e efectivamente pagadas, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

No caso de adquisición de vehículos comerciais ou industriais (furgóns, camións ou vehículos mixtos), tamén se deberá achegar copia da tarxeta da inspección técnica de vehículos (ITV) onde figure esta clasificación.

d) De ser o caso, anexo VIII: relación das traballadoras por conta allea que ocupan os postos tidos en conta para a determinación da contía da axuda.

A dita relación deberá vir acompañada da seguinte documentación:

d.1) Documentos de alta no correspondente réxime da Seguridade Social e dos correspondentes contratos de traballo.

d.2) Para o caso de que se tivese en conta na valoración da solicitude, documentación acreditativa da concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no artigo 18.1.5 desta resolución.

Para estes efectos, a situación de desemprego acreditarase achegando o informe da vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social da correspondente á traballadora por conta allea; a situación de discapacidade igual ou superior ao 33 %, mediante a presentación de copia da certificación acreditativa da dita condición cando esta non fose emitida pola Xunta de Galicia; e a de violencia de xénero mediante a presentación da documentación acreditativa desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

e) Anexo VIII bis: comprobación de datos das traballadoras por conta allea.

f) No caso de contar con traballadoras por conta allea, copia da inscrición da empresa na Seguridade Social.

g) Liña Innova: un breve currículo da persoa que ocupe o posto obrigatorio, de non telo achegado xunto coa solicitude.

h) Liña Activa: informe de vida laboral actualizado de todos os códigos de cotización da empresa.

i) Liña ITEF: de ser o caso, e de non telo achegado xunto coa solicitude, un breve currículo das persoas traballadoras por conta allea con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía base da iniciativa empresarial.

j) De ter concedida a axuda Concilia-persoas traballadoras por conta allea na modalidade prevista no artigo 11.3.a), para o caso de non telo achegado con anterioridade, copia do acordo ou pacto de conciliación.

k) De ter concedida a axuda Concilia-persoas traballadoras por conta allea na modalidade prevista no artigo 11.3.b), para o caso de non telo presentado con anterioridade, copia dos acordos de teletraballo.

l) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas...) do cumprimento das obrigas de información e publicidade do financiamento público da actividade subvencionada, segundo o establecido no artigo 24.9 desta resolución.

m) Follas individualizadas de recollida de datos de todas as promotoras e traballadoras por conta allea tidas en conta para a concesión da axuda, co obxecto, entre outros, de acreditar e dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e de resultado inmediato enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) número 1304/2013, obriga recollida no artigo 24 desta convocatoria.

Nesta fase, achegaranse as follas individualizadas dos indicadores de produtividade, cuxos datos deben referirse ao momento inmediatamente anterior ao inicio da actividade laboral na empresa beneficiaria.

Estes datos achegaranse, obrigatoriamente, no correspondente modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade e/ou na aplicación informática Participa 1420.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación for incorrecta e/ou incompleta, requirirase a beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días hábiles, e advírteselle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

4. Unha vez recibida a documentación xustificativa, a Secretaría Xeral da Igualdade, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación que considere oportunas para verificar o cumprimento da conduta ou actividade subvencionada.

5. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as persoas beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 23. Pagamento da subvención

1. As beneficiarias poderán percibir un primeiro pagamento en concepto de anticipo con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da presentación da aceptación da subvención e sempre que o soliciten expresamente mediante a presentación da comunicación de aceptación da subvención e anticipo (anexo IV).

O importe do anticipo poderá acadar o 80 % da subvención concedida, sempre que non resulte superior a 18.000 euros, caso en que o importe do anticipo se reducirá ao dito límite.

De conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as beneficiarias que soliciten un primeiro pagamento en concepto de anticipo quedan exoneradas da constitución de garantías.

2. Unha vez presentada a xustificación procederase ao libramento final da axuda concedida, pola contía que corresponda deducido, de ser o caso, o importe aboado en concepto de anticipo.

Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento nos supostos e nos termos establecidos no artigo 26, así como nos demais supostos previstos na normativa de aplicación relacionada no artigo 28 desta resolución.

Artigo 24. Obrigas das beneficiarias

As beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Realizar a actividade e manter o emprego que fundamenta a concesión da subvención durante o período mínimo de permanencia de dous anos establecido no artigo 25 desta resolución.

2. Manter a vixencia dos acordos e pactos de conciliación e dos acordos de teletraballo durante o período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento do emprego.

3. Cumprir co compromiso asumido de participar e completar o programa de titorización.

4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determina a concesión da subvención e o mantemento da actividade, en particular, mediante a presentación da documentación prevista no artigo 25.5 desta resolución.

5. Estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes de realizar as correspondentes propostas de pagamento da subvención.

No caso das sociedades civís e comunidades de bens, esta obriga esténdese a todas as socias ou comuneiras.

6. Comunicarlle ao órgano concedente todas as modificacións das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias, no prazo dos 15 días hábiles seguintes á data na que se produzan.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade que financien a actividade subvencionada ou sometida ao réxime de minimis. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no prazo máximo de 15 días hábiles desde a data da súa notificación.

8. Manter un sistema de contabilidade separada que permita unha pista de auditoría suficiente para identificar os ingresos da axuda percibida, así como conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un período de tres anos, que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación da certificación dos gastos ante a Comisión Europea. A data de certificación dos gastos será oportunamente comunicada pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondo Europeos.

9. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no anexo XII do Regulamento (UE) número 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello. Así, na publicidade e información relativa á actividade subvencionada, terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

En todo caso, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea coa referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares onde se desenvolva a actividade informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade está dispoñible a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

10. Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas e das entidades beneficiarias, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) número 1303/2013, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

Así mesmo, deberá informar as traballadoras por conta propia e por conta allea tidas en conta para a concesión da subvención de que a iniciativa emprendedora segundo o emprego feminino xerado está financiada polo FSE.

11. Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultado previsto no artigo 5 do Regulamento (UE) número 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Neste sentido, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os datos de produtividade relativos ás beneficiarias e ás traballadoras, por conta propia e por conta allea, tidas en conta para a concesión da axuda do programa Emega referiranse ao momento inmediatamente anterior ao inicio da actividade laboral na empresa beneficiaria.

Os indicadores de resultado inmediato deberán achegarse no prazo e na forma indicados no artigo 25.5 desta resolución, e deberán referirse á situación dentro das catro semanas seguintes á finalización do período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento do emprego.

Así mesmo, a Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice o período de permanencia da actividade e do mantemento do emprego, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

12. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) número 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

13. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas con Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

Artigo 25. Obriga de permanencia mínima da actividade empresarial e do mantemento do emprego

1. As beneficiarias das axudas do programa Emega teñen a obriga de realizar a actividade empresarial e manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dous anos. Así mesmo, os acordos ou pactos de conciliación e os acordos de teletraballo deben estar vixentes, polo menos, durante o mesmo período.

2. Nas liñas Emprende e ITEF o período mínimo de permanencia computarase desde a data de inicio da actividade laboral das promotoras ou desde a data de inicio da actividade laboral das traballadoras por conta allea, de ser esta posterior.

No caso das liñas Innova e Activa, o dito período computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da subvención ou desde a data do inicio da actividade laboral das traballadoras incorporadas aos postos de traballo creados, de ser esta anterior ou posterior.

3. Para o caso de que algunha das traballadoras cause baixa na empresa, sempre que se volva ocupar o posto de traballo por unha muller no prazo máximo de dous meses, non se considerará interrompido o período mínimo de permanencia da actividade empresarial e do mantemento do emprego.

En todo caso, a beneficiaria deberá comunicar estas circunstancias ao órgano concedente no prazo máximo dos 15 días hábiles seguintes á data en que se produzan.

4. No suposto de darse de baixa na actividade económica con anterioridade á finalización do período de permanencia, deberá comunicar esta circunstancia ao órgano concedente no prazo máximo dos 15 días hábiles seguintes á data en que se produza.

5. As beneficiarias teñen que presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano, durante o período de permanencia da actividade e do mantemento do emprego, así como ao seu remate, a seguinte documentación: a) informe de vida laboral de todos os códigos de cotización da empresa en que consten todos os contratos vinculados á axuda; b) informe actualizado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social de todas as promotoras ou, de ser o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela; c) no caso de finalización do período mínimo de permanencia da actividade laboral e do mantemento do emprego, fichas individualizadas de todas as promotoras e traballadoras por conta allea tidas en conta para a concesión da axuda, cos datos dos indicadores de resultado inmediato referidos ás catro semanas seguintes á finalización do dito período, no modelo obrigatorio publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade; así como aqueloutra documentación que lle poida ser requirida co obxecto de realizar as comprobacións e verificacións que se consideren relevantes para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución.

Artigo 26. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución e na normativa xeral de aplicación, en particular nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á perda do dereito ao cobramento, así como ao reintegro total ou parcial das axudas percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade da minoración ou do reintegro serán os seguintes:

a) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas concorrentes para a mesma finalidade ou sometidas ao réxime de minimis que financien as actuacións subvencionadas.

b) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade ou sometidas ao réxime de minimis.

c) Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

d) Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao abeiro da liña Emprende, Innova, Activa ou ITEF no caso de non cumprir a obriga establecida no artigo 25 de manter a actividade e o emprego durante un período de dous anos e se aproxime de forma significativa a ela. Para estes efectos, entenderase que se aproxima de xeito significativo ao cumprimento desta obriga cando se manteña a actividade e o emprego durante polo menos dezaoito meses e a beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

Noutro caso, procederá o reintegro total da axuda concedida por todos os conceptos.

e) O incumprimento do compromiso de achegar o acordo ou pacto de conciliación ou, de ser o caso, os acordos de teletraballo darán lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención concedida por ese concepto.

Cando o número de persoas traballadoras a que vai dirixido o acordo ou pacto de conciliación ou os acordos de teletraballo sexa inferior ao tido en conta para a determinación da contía da axuda, procederá a súa minoración ata a contía que corresponda segundo o establecido no artigo 11.3 desta resolución.

f) O incumprimento do compromiso de participar e completar o programa de titorización dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda Dual percibida.

g) Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención cando non se xustifique a realización e pagamento do investimento mínimo exixido para cada tipo de axuda, segundo o establecido no artigo 6 desta resolución.

Para o caso de que non se xustifique a totalidade do investimento superior comprometido no modelo anexo III e o investimento realizado sexa inferior ao tramo tido en conta para a valoración da solicitude, cando supoña unha puntuación inferior á mínima resultante para acceder á axuda de acordo cos criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 18 desta resolución, procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención.

h) Nas liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF, cando se incumpra o compromiso de creación e mantemento de todos os postos de traballo para mulleres tidos en conta para a valoración da solicitude e para a determinación da contía do incentivo, a axuda minorarase adecuándoa ao incentivo que corresponda aos postos de traballo efectivamente xustificados, sempre que o dito incumprimento non supoña unha puntuación inferior á mínima resultante para acceder á axuda de acordo cos criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 18 desta resolución, caso en que procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención.

Así mesmo, para o caso de que o dito incumprimento non implique un incentivo inferior ao inicialmente previsto e se manteña a mesma puntuación, a contía da axuda minorarase nun 3 % por cada posto de traballo non xustificado.

i) Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 24, números 6, 8, 9 e 10.

3. Ás beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 27. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para a comprobación do cumprimento das condicións das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e aqueloutras que determine a súa condición de cofinanciadas polo FSE, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Artigo 28. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) número 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) número 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) número 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) número 1081/2006, do Consello; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; e nas normas de subvencionabilidade dos gastos ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020, en particular, a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 (BOE núm. 307, do 21 de decembro).

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 29. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta convocatoria, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos , ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://igualdade.xunta.gal ; no teléfono 981 54 53 74; no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal , ou presencialmente.

Artigo 30. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación, nos casos en que así o prevé a norma reguladora, autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Igualdade mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo: igualdade@xunta.gal.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 de Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral de Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2017

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file