Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 37017

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se somete a información pública a proposta de modificación dos proxectos XG501, XG503 e XG505 do procedemento de contratación AD 2.2017.

Por Resolución do 26 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Mobilidade, publicada no DOG núm. 100, do 29 de maio, dáse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de maio polo que se autoriza a integración das distintas modalidades de transporte público de competencia da Xunta de Galicia que faciliten a optimización deste servizo público no marco do procedemento para a implantación da primeira fase de planificación do transporte público de Galicia.

O 29 de maio de 2017 a Dirección Xeral de Mobilidade ditou resolución pola cal acordou someter a información pública 42 anteproxectos de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, resolución que foi publicada no DOG núm. 101, do 30 de maio, de acordo co previsto nos artigos 76 e 77 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación. A dita resolución habilitaba o indicado prazo para que as empresas interesadas mostrasen o seu interese en ser convidadas para presentar ofertas, recibindo na Administración diferentes ofrecementos para a totalidade de proxectos previstos, incluídos os XG501, XG503 e XG505.

Posteriormente, o 6 de xullo de 2017 o Consello da Xunta de Galicia estableceu diferentes criterios complementarios en relación co proceso de integración das diferentes modalidades de transporte público competencia da Xunta de Galicia (publicado no DOG núm. 129, do 7 de xullo).

No marco do anterior procedemento, mediante a Resolución do 10 de xullo de 2017, a Dirección Xeral de Mobilidade resolveu aprobar os proxectos de explotación acordando a procedencia do procedemento de adxudicación directa para a súa adxudicación, de acordo co artigo 77 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, tras o cal se realizou a publicación dos indicados proxectos na web do órgano de contratación e se abriu un novo prazo para que as empresas interesadas puidesen mostrar o seu interese en ser convidadas a formular oferta no procedemento de adxudicación. Recibíronse novamente ofrecementos a múltiples proxectos, entre os cales figuraban os indicados XG501, XG503 e XG505.

O dito procedemento de adxudicación rexeuse polo prego de condicións do contrato de xestión do servizo público de transporte regular de uso xeral de viaxeiros por estrada, procedemento de adxudicación directa, adxudicación por lotes (XG500-549), sobre o cal emitiu informe favorable a Asesoría Xurídica e foi aprobado polo órgano de contratación o 14 de xullo de 2017. Con esa mesma data dispúxose a aprobación do expediente de contratación e procedeuse á remisión de invitacións ao conxunto de empresas que mostraran o seu interese en ser convidadas. Finalmente, co fin de facilitar a concorrencia, o 18 de xullo de 2017 o órgano de contratación acordou ampliar o prazo de presentación de ofertas ata o 24 de xullo de 2017.

Tras este proceso, a Administración non recibiu oferta ningunha para os lotes correspondentes aos proxectos XG501 Baixa Limia, XG503 Terra de Celanova e XG505 Ourense, polo que o 2 de agosto de 2017 a Dirección Xeral de Mobilidade resolve declarar desertos os tres proxectos e autorizar a súa modificación.

Revisados os proxectos que foron obxecto de licitación, e tendo en conta a falta de ofertas, sendo evidente o grave risco de interrupción do servizo público de transporte que existe e a limitación dos prazos, como consecuencia da necesidade de que os novos servizos estean en funcionamento o día 8 de agosto, procedeuse a modificar unicamente o anexo VIII: Memoria económica destes proxectos para mellorar a súa dotación económica.

En base ao anterior, e dado que se produce unha modificación dos proxectos que, aínda que esta atópese limitada ao citado anexo VIII, procédese a someter a modificación indicada a un novo período de información pública.

Dándose as circunstancias previstas no artigo 77.3 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, ao existir un grave risco de interrupción do servizo público de transporte e dado o limitado da modificación dos proxectos, o período de información pública será ata o luns 7 de agosto, ás 12.00 horas.

Durante este período, poderán presentarse as alegacións que se teñan por conveniente e, aquelas empresas ou unións temporais de empresas interesadas e, tendo en conta o establecido no indicado artigo, poderán presentar directamente oferta aos proxectos anteriormente referenciados, tendo en conta a modificación anteriormente aludida.

A adxudicación destes tres proxectos rexerase polo mesmo prego de condicións do contrato de xestión do servizo público de transporte regular de uso xeral de viaxeiros por estrada, que foi aprobado polo órgano de contratación o 14 de xullo de 2017.

A Administración priorizará, por diante de calquera outro criterio, as ofertas presentadas, acorde con este proceso, por empresas ou UTEs que se formulen para aos tres lotes que quedaron desertos.

Esta priorización xustificase polas seguintes causas de carácter técnico:

1. Facilita, dada a continuidade xeográfica dos tres proxectos, unha prestación integrada dos distintos tráficos que compoñen cada un dos contratos, o que permitiría a creación de relacións directas entre localidades que antes estaban asignadas a distintos contratos, o que redundará en beneficio dos usuarios.

2. Pode permitir a obtención de economías de escala debido as sinerxias que permite o deseño da operación sobre unha combinación de tráficos maiores.

Sen prexuizo das razóns de carácter técnico sinaladas, esta priorización se estabrece coa finalidade de garantizar a prestación do servizo público e intentar evitar que algún destes lotes poidera quedar aisladamente deserto có consecuente prexuizo e retraso para o servizo.

Se houbese un ou máis ofertantes que cumpran esta condición, presentándose aos tres lotes, non se procederá á apertura do resto de propostas, e valoraranse unicamente estas. Esta valoración farase en conxunto para os tres lotes, sumándose a valoración obtida para cada un deles, de acordo co prego, ponderado esta en función do peso do valor estimado de cada proxecto respecto da suma dos tres.

De non haber ningunha oferta sobre o conxunto dos tres lotes, procederase á apertura de todas as ofertas e á súa valoración, de acordo co prego.

De igual modo, rexerán as mesmas limitacións que foron de aplicación no procedemento de adxudicación AD 2.2017, en especial:

1. Para cada lote, o licitador non poderá presentar máis dunha proposición nin subscribir ningunha proposta en agrupación de empresas con outros se xa o fixo individualmente ou figura en máis dunha agrupación de empresas.

Ademais non poderán presentar diferentes ofertas a un mesmo lote dúas persoas xurídicas distintas cando estas estean vinculadas entre si. Esta vinculación apreciarase nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público e nos recollidos, así mesmo, nos pregos de condicións, polo que non se admitirá a presentación de distintas ofertas a un mesmo lote por empresas que actúen baixo unidade de decisión ou baixo unha dirección única.

A infracción destas normas dará lugar á non admisión de todas as propostas subscritas polo mesmo grupo de empresas ou empresas vinculadas referentes ao dito lote.

2. Será de aplicación, de acordo co prego, a limitación ao número de lotes que poden ser adxudicados a un licitador. Serán estes un máximo de 10 e entenderase que nesta limitación se deben contar os proxectos incluídos no procedemento de adxudicación AD 2.2017 en que puidese resultar adxudicatario o ofertante.

As ofertas presentaranse en sobre pechado, co contido mínimo recollido no prego, no Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade, sito na praza de Europa, 5A, 2º andar. Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, cuxo horario de apertura é das 9.00 ás 14.00 horas.

O prazo de presentación das ofertas será ata o luns 7 de agosto, ás 12.00 horas. Non se admitirá ningunha oferta que non teña entrada neste rexistro dentro do prazo sinalado.

Durante o período de información pública, os proxectos XG501 Baixa Limia, XG503 Terra de Celanova e XG505 Ourense, así como o resto de información referida a este procedemento, estarán dispoñibles para calquera interesado no seguinte enlace web:

http://civ.xunta.gal/seccion-tema/c/CIV_Transporte_de_viaxeiros?content=Direccion_Xeral_Mobilidade/Transporte_publico_Galicia/seccion.html&std=ServizosTransportePublicoIntegrados.html

Polo exposto, de conformidade co disposto no Regulamento (CE) 1370/2007, do Parlamento e do Consello, do 23 de outubro, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) 1191/1969 e (CEE) do Consello, na Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, na Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación do transporte terrestre e demais disposicións xerais que resulten de aplicación,

RESOLVO:

1. Someter a información pública ata o luns 7 de agosto ás 12.00 horas a proposta de modificación dos proxectos de explotación XG501 Baixa Limia, XG503 Terra de Celanova e XG505 Ourense. Esta modificación unicamente afecta ao anexo VIII: Memoria económica, de cada un deles, quedando o resto do proxecto sen variación ningunha.

2. Abrir un prazo para a presentación de ofertas a estes proxectos, tendo en conta a modificación aludida, ata o luns 7 de agosto, ás 12.00 horas. Estas ofertas deberán cumprir co prego de condicións do contrato de xestión do servizo público de transporte regular de uso xeral de viaxeiros por estrada que foi aprobado polo órgano de contratación o 14 de xullo de 2017. As ofertas poderán ser presentadas por calquera empresa ou UTE que cumpra cos requisitos establecidos no dito prego.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpor recurso potestativo de reposición ante este mesmo órgano ou impugnala directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de calquera outro que o interesado considere pertinente.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2017

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade