Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 11 de agosto de 2017 Páx. 38862

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 1 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para proxectos de expansión comercial, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento IN228A).

BDNS (Identif.): 358559.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.go.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran, ademais, os seguintes requisitos:

– Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

– Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

– Que estean dadas de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que esta constitúa a actividade principal da solicitante, de forma ininterrompida, nos últimos dous anos.

– Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 150 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

Segundo. Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para proxectos de expansión do sector comercial retallista.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

Destínase un total de 2.000.000,00 euros da aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.2.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro do mes.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria