Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 17 de agosto de 2017 Páx. 39517

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

EXTRACTO da Orde do 4 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 359030.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/inditex).

Primeiro. Beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas as corporacións locais que posúan a competencia da recollida e tenza dos animais de compañía abandonados no ámbito territorial correspondente e as asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia da Dirección Xeral de Patrimonio Natural con anterioridade á data de publicación desta orde.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e ao coidado dos animais de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados, á realización de campañas de concienciación para a tenza reponsable e para a adopción de animais abandonados e á adquisición de material non funxible para a xestión e o manexo dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 4 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2017.

Cuarto. Contía

O importe asignado é de trescientos mil euros (300.000 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no seu artigo 2 que fosen efectivamente realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 10 de novembro de 2017.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio