Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 22 de agosto de 2017 Páx. 40069

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2017 pola que se aproban as bases e a convocatoria de admisión de salas de música de titularidade privada á Rede galega de música ao vivo.

Primeira. Obxecto

A presente convocatoria ten por obxecto a admisión de salas de música de titularidade privada situadas na Comunidade Autónoma de Galicia á programación musical da Axencia Galega das Industrias Culturais denominada Rede galega de música ao vivo. O número máximo de salas que se admitirán á programación será de 35. Unha vez admitidas, as salas poderán acceder ás programacións da Axencia Galega das Industrias Culturais da Rede Galega de Música ao Vivo (código de procedemento CT405A).

Segunda. Requisitos de admisión de salas

Poderán participar neste programa as entidades xestoras de salas de música de titularidade privada que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas (IAE) na epígrafe correspondente no vixente exercicio, na data de finalización das solicitudes.

– Ter sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Estar en posesión das licenzas, autorizacións e/ou requisitos legalmente exixidos para realizar espectáculos en directo.

– Contar cunha programación estable de concertos durante os dous últimos anos.

Non se admitirán as salas cuxa titularidade pertenza a asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro.

Enténdese, para efectos da presente resolución, por sala de música aquela cuxa programación musical sexa, polo menos, dun 80 % da programación total.

Terceira. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Cuarta. Prazo e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta, non se achegar a documentación exixida ou non se reunir os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, considerarase que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Quinta. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou no que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación técnica:

2.1. Documentación acreditativa de estar en posesión das licenzas, autorizacións e/ou requisitos legalmente exixidos para realizar espectáculos en directo.

2.2. Documentación acreditativa da capacidade da sala.

2.3. Documentación acreditativa da antigüidade da sala.

2.4. Documentación acreditativa das actuacións programadas na sala nos últimos dous anos.

2.5. Ficha técnica da sala onde apareza reflectido o material de luz e son, medidas do escenario, número de cameríns, así como a dispoñibilidade de acceso para carga e descarga.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante de forma electrónica supera os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitava. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Subvencións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.gal

Novena. Comisión de valoración

Unha comisión de valoración, integrada por un presidente e tres vogais nomeados pola dirección da Agadic entre persoas de recoñecido prestixio dentro do ámbito das artes escénicas e musicais, será a encargada de avaliar todas as solicitudes e elaborar unha listaxe coa puntuación de cada unha das salas por orde de puntuación. Actuará como secretario un membro do cadro de persoal da Agadic, con voz e sen voto.

A comisión elaborará a proposta de resolución indicando as salas propostas para seren incluídas nas programacións da Rede galega de música ao vivo, cun máximo de 35, que será elevada á Dirección da Agadic. No suposto de empate, este resolverase a favor da sala con maior número de concertos programados nos últimos dous anos.

Décima. Criterios de baremación

Capacidade da sala

Menos de 50 persoas

Entre 50 e 150 persoas

Máis de 150 persoas

5 puntos

10 puntos

15 puntos

Antigüidade da sala

2 puntos por ano de antigüidade ata un máximo de 20 puntos

Concertos programados nas salas nos últimos 2 anos

Entre 21 e 49

Entre 50 e 74

Máis de 74 concertos

10 puntos

20 puntos

30 puntos

Son

Equipamento de son

Baixa calidade

Calidade media

Alta calidade

P.A.

5 puntos

8 puntos

10 puntos

Monitores

5 puntos

8 puntos

10 puntos

Mesa

5 puntos

8 puntos

10 puntos

Microfonía e soportes

5 puntos

8 puntos

10 puntos

Luz

Equipamento de luz

Baixa calidade

Calidade media

Alta calidade

Focos

2 puntos

4 puntos

6 puntos

Robótica

2 puntos

4 puntos

6 puntos

Mesa de control

2 puntos

4 puntos

6 puntos

Dimmers

2 puntos

4 puntos

6 puntos

Vídeo

Proxector de vídeo

Fóra do escenario

Preto do escenario

Proxección no escenario

3 puntos

5 puntos

7 puntos

Accesos e carga/descarga

Accesos

Malo

Regular

Bo

3 puntos

5 puntos

7 puntos

Escenario

Malo

Regular

Bo

Escenario

10 puntos

15 puntos

20 puntos

Cameríns

4 puntos

7 puntos

10 puntos

Décimo primeira. Resolución

A Dirección da Agadic ditará a resolución indicando as salas que formarán parte de Rede galega de música ao vivo e notificará a citada resolución ás entidades solicitantes. A citada resolución deberanse ditar e notificar no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, e serán motivadas. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo segunda. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectuen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibiren notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo terceira. Recursos

A presente convocatoria non porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso de alzada ante a presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2017

Jacobo Sutil Nesta
Director da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file