Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 11 de setembro de 2017 Páx. 42051

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 31 de agosto de 2017 pola que se convocan os premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2016/17.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte creou e regulou, mediante a Orde ECD/1611/2015, do 29 de xullo, pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño, os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, Danza e de Artes Plásticas e Deseño, conforme o establecido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Así mesmo, no artigo nove, a citada orde establece que poderá concorrer aos premios nacionais o alumnado que resultase merecedor do premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais convocado na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico as ensinanzas artísticas profesionais na Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 29 de xuño),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto convocar premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais para o alumnado que finalizou os estudos profesionais de Música, os estudos profesionais de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2016/17 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (procedemento ED311F).

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderanse conceder ata seis premios extraordinarios, coa seguinte distribución: 3 na modalidade de Música, 1 na modalidade de Danza e 2 na modalidade de Artes Plásticas e Deseño. Non se poderá conceder máis dun premio por especialidade na modalidade de Música ou por familia profesional na modalidade de Artes Plásticas e Deseño.

2. A dotación para os premios será de 5.100 € con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2017, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e non poderá exceder os 850 € por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción e farao constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de ensinanzas artísticas profesionais poderán concorrer, logo da inscrición, ao correspondente premio nacional.

5. Estes premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de ensinanzas artísticas profesionais.

Artigo 3. Requisitos de participación

1. Poderá optar aos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

Modalidade A: Música.

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Música no curso 2016/17 en centros públicos ou privados autorizados de ensinanzas profesionais de Música da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Música. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que o/a alumno/a ingresase en sexto curso, a nota media estará referida unicamente ás materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar tres copias dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MPEG, en soporte DVD, no cal o aspirante interprete, co acompañamento que precise, se é o caso, tres pezas (obras ou fragmentos da obra) de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música, cunha duración máxima de 15 minutos, entre as tres pezas. O/a alumno/a deberá especificar os títulos e autores das pezas que interprete tanto na solicitude como no soporte, respectando a orde de interpretación. Así mesmo, deberá xuntar un breve curriculum vitae con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).

Modalidade B: Danza.

a) Ter finalizado as ensinanzas profesionais de Danza no curso 2016/17 en centros públicos o privados autorizados das ensinanzas profesionais de Danza da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais de Danza. Para estes efectos, as materias validadas non serán tidas en conta. No caso de que o/a alumno/a ingresase en sexto curso a nota media estará referida unicamente ás materias do dito curso.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar tres copias dunha gravación de vídeo, en formato AVI ou MPEG, en soporte DVD, no cal o aspirante interprete, co acompañamento que precise, se é o caso, dúas obras da especialidade, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza, cunha duración máxima de 15 minutos entre as dúas obras. O/a alumno/a deberá especificar os títulos e autores das pezas que interpreta tanto na solicitude como no soporte, respectando a orde de interpretación. Así mesmo, deberá xuntar un breve curriculum vitae con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).

Modalidade C: Artes Plásticas e Deseño.

a) Ter finalizado un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño no curso 2016/17, en centros públicos ou privados autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado. A nota media final obterase da media aritmética das cualificacións dos módulos que teñan expresión numérica, sen que se teñan en conta no dito cálculo as cualificacións de «apto», «exento» ou «validado». No cálculo da nota media non se incluirá a cualificación do proxecto integrado ou proxecto final.

c) O alumnado que desexe optar a estes premios deberá, ademais, presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo que concorre- en formato PDF, AVI ou MPEG cun tamaño máximo de 20MB- e un breve curriculum vitae con indicación doutros méritos (anexo II da solicitude).

2. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da devandita lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Prazo e forma de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/das solicitantes.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED311F dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou no anexo I desta orde. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo.

Artigo 5. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude a que se fai referencia no artigo 4 desta orde entregarase, se é o caso, a seguinte documentación:

1. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final das distintas modalidades tal como se indica no artigo 3.1 desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que estea o expediente académico.

2. Documentación en soporte informático, segundo corresponda ás respectivas modalidades, que se recollen no artigo 3:

a) Tres copias de vídeo en formato AVI ou MPEG en soporte DVD (ensinanzas profesionais de Música e Danza).

b) Memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño polo que concorre en formato PDF, AVI ou MPG (tamaño máximo 20 MB).

3. Listaxe dos méritos que se desexe alegar relacionados coa modalidade correspondente, de acordo co previsto no artigo 3 desta orde ou copias deste, onde conste expresamente a actividade e organismo convocante (anexo II da solicitude).

4. Acreditación dos méritos alegados mediante documento orixinal ou copia, onde conste expresamente a actividade e organismo convocador.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias utilizadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada o representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algúns dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permítese a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto cos documentos que se presentan, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá presentalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante

b) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

c) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións no dispositivo electrónico e/ou no enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

Os centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os privados autorizados proporcionarán ao alumnado solicitante a certificación académica dos estudos obxecto de baremo, na cal se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3 desta orde, asinada polo/pola secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que se atope o expediente académico.

Artigo 10. Emenda e mellora da solicitude

A relación provisional de alumnado admitido ou excluído farase pública nos dez días naturais posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, considerarase como desistido/a da súa petición, e arquivarase esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A publicación das relacións provisional e definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase consonte o establecido no artigo 16 desta orde.

Artigo 11. Xurado de selección

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección formado por:

a) Modalidade de Música:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais: o xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e dous vogais máis que serán especialistas no ámbito da música.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

b) Modalidade de Danza:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais: o xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e dous vogais máis que serán especialistas no ámbito da danza.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

c) Modalidade de Artes Plásticas e Deseño:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais: o xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e dous vogais máis que serán especialistas no ámbito das artes plásticas e o deseño.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva de acordo cos criterios que se establecen a continuación para cada modalidade.

2. Modalidades de Música. A gravación presentada e os méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios: 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 30 puntos.

1º. Dominio da técnica instrumental: ata 10 puntos.

2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.

3º. Corrección na execución: ata 10 puntos.

b) Calidade artística: ata 40 puntos.

1º. Calidade e equilibrio sonoro: ata 10 puntos.

2º. Aplicación de elementos expresivos axustados ao estilo das obras: ata 10 puntos.

3º Interpretación de memoria: ata 10 puntos.

4º Presenza escénica: ata 10 puntos.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que puidesen ser considerados pola súa vinculación cos estudos cursados: ata 30 puntos.

1º. Cursos superados como alumno/a activo/a sobre a especialidade instrumental/vocal de 10 ou máis horas: 0,1 puntos por cada hora.

2º. Por participación en actuacións en agrupacións de cámara (ata 10 integrantes): 1 punto por actuación.

3º. Por actuacións individuais (concertos a solo, recitais con acompañamento de piano ou como solista con orquestra/banda): 2 puntos por actuación.

4º. Por 1º premio de ámbito autonómico: 1 punto.

5º. Por 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

3. Modalidades de Danza. A gravación presentada e os méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios: 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 30 puntos.

1º. Dominio da técnica dancística: ata 10 puntos.

2º. Dificultade e variedade do repertorio presentado: ata 10 puntos.

3º. Corrección na interpretación: ata 10 puntos.

b) Calidade artística: ata 40 puntos.

1º. Aplicación de elementos expresivos axustados ao carácter das obras: ata 20 puntos.

2º. Movemento e dominio do espazo escénico: ata 20 puntos.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que puidesen ser considerados pola súa vinculación cos estudos cursados: ata 30 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,1 puntos por cada hora.

2º. Por participación en actuacións colectivas: 1 punto por actuación.

3º. Por actuacións individuais: 2 puntos por actuación.

4º. Por 1º premio de ámbito autonómico: 1 punto.

5º. Por 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

4. Modalidade de Artes Plásticas e Deseño. O proxecto integrado ou proxecto final e os outros méritos valoraranse atendendo aos seguintes criterios: 100 puntos.

a) Nivel técnico: ata 30 puntos.

1º. Calidade da presentación e execución: ata 15 puntos.

2º. Grao de dificultade do proxecto: ata 15 puntos.

b) Calidade artística: ata 40 puntos.

1º. Creatividade: ata 20 puntos.

2º. Adecuación do grafismo/tipografía/ilustracións á temática: ata 20 puntos.

c) Outros méritos académicos ou artísticos debidamente xustificados que puidesen ser considerados pola súa vinculación cos estudos cursados: ata 30 puntos.

1º. Cursos superados de 10 ou máis horas: 0,1 puntos por cada hora.

2º. Por participación en exposicións colectivas: 1 punto por exposición.

3º. Por exposicións individuais: 2 puntos por exposición.

4º. Por 1º premio de ámbito autonómico: 1 punto.

6º. Por 1º premio de ámbito nacional ou internacional: 2 puntos.

5. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 13. Puntuacións provisionais

O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas na forma establecida no artigo 16 desta orde.

O alumnado ou, se é o caso, os seus representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación, presentando a documentación que corresponda preferiblemente por vía electrónica accedendo á carpeta do cidadán. Opcionalmente, poderase presentar a reclamación ou emenda presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo.

No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que esta sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 3º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar por correo electrónico ao enderezo sxapere@edu.xunta.gal.

Artigo 14. Resolución definitiva

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse consonte o establecido no artigo 16 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das cualificacións definitivas.

O titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo xurado de selección ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá a correspondente resolución de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro meses, desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas a través do portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.es.

2. Contra a resolución poderase presentar recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Poderase adiantar por correo electrónico ao enderezo sxapere@edu.xunta.gal.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Obrigas dos/das gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No modelo normalizado ED311F que figura como anexo I, o alumnado debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. O/A beneficiario/a ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 poderá utilizarse a declaración responsable incluída no anexo I desta orde ou certificado de estar ao día nas súas obrigas tributarias. De transcorrer máis de seis (6) meses desde a presentación da declaración, o beneficiario ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 16. Publicación da información

A relación de alumnado admitido e excluído e as cualificacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.es.

Artigo 17. Modificación da adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado alumnado cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file