Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2017 Páx. 43007

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos premios Coopera Galicia 2017 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal, mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Creación do premio e convocatoria

1. Institúense e convócanse os premios Coopera Galicia 2017 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal, mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os premios recoñecerán os mellores proxectos de xestión compartida de servizos, promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Artigo 2. Obxecto e réxime

1. Os premios Coopera Galicia 2017 (PR420A) teñen por obxecto o impulso e a difusión das iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública de proxectos de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os traballos consistirán en proxectos, incluso proxectos piloto, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para o desenvolvemento de novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de servizo os derivados da xestión das competencias municipais recollidas no artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

3. Os premios terán os importes indicados no artigo 3 desta orde. Cada un dos premios outorgarase de xeito individual a unha única candidatura ou ben declararase deserto.

Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos participantes, que non terá dotación económica. As entidades ganadoras desta mención especial recibirán un diploma de entidade local subvencionable, que, en ningún caso, levará consigo compromiso económico por parte da Administración autonómica.

4. Todas as entidades premiadas e as distinguidas con mención especial recibirán un diploma Premios Coopera Galicia 2017 e, no caso das premiadas, o importe do premio, que lles será aboado mediante transferencia bancaria.

5. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no número 2 deste artigo, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios aplicables aos órganos colexiados segundo a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 3. Financiamento

1. A convocatoria farase efectiva con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141.A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, ata unha contía máxima de 77.500,00 €.

2. Establécense tres categorías de premios coas seguintes contías:

– 1º premio: 40.000 €.

– 2º premio: 25.000 €.

– 3º premio: 12.500 €.

Artigo 4. Destinatarios

1. Poderán optar a estes premios as agrupacións de concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos de Galicia, os consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto de xestión compartida de servizos para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todas as entidades participantes deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do exercicio orzamentario de 2015. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgunha das entidades participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberá acreditalo individualmente cada un dos concellos integrantes da agrupación.

4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais adscritos ou dos cales forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As agrupacións de concellos, as mancomunidades, os consorcios locais e as áreas metropolitanas, segundo proceda, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán unha solicitude dirixida á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o modelo que figura como anexo I desta orde.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento, non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Proxecto de xestión compartida de servizos co seguinte contido mínimo, concretado adecuadamente para facilitar a valoración consonte os criterios establecidos no artigo 10 e coa estrutura que se indica a continuación:

Sección 1. Relación e descrición dos servizos cuxa xestión compartida se pretende establecer ou mellorar e cifra de poboación atendida por cada servizo. As categorías de servizos serán as derivadas da xestión das competencias establecidas no artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Sección 2. Situación actual da prestación dos servizos nos concellos integrados na agrupación, mancomunidade, consorcio ou área metropolitana, poboación total, número de núcleos de poboación da área e extensión territorial en km2.

Sección 3. Obxectivos que se establecen para a implantación ou mellora do modelo de xestión compartida.

Sección 4. Procedemento de implantación, xestión e supervisión do proxecto.

Sección 5. Orzamento detallado do proxecto.

Sección 6. Estudo económico comparativo da estimación dos custos de xestión individual por cada concello fronte á estimación de custos da súa xestión compartida, en relación cos recursos materiais, persoais e económicos necesarios para a prestación dos servizos que integran o proxecto, con especial incidencia na aplicación de criterios de eficacia e eficiencia e racionalización de actuacións e o aforro de custos sen perda de calidade na prestación.

Este estudo económico deberá incluír, en todo caso, un cadro comparativo de aforro de custos en que se consignarán os datos da diferenza dos custos da execución compartida do proxecto respecto da execución individual da prestación dos servizos por cada concello participante.

Neste cadro comparativo consignaranse o importe total do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a prestación individual dos servizos produciría para cada un dos concellos de non optaren pola xestión compartida.

Sección 7. Cronograma da implantación do proxecto. Os proxectos presentados deberán axustarse a un teórico prazo máximo de implantación de 12 meses.

b) Declaración responsable asinada pola persoa representante da agrupación de concellos, consorcio, mancomunidade ou área metropolitana, segundo o modelo do anexo I desta orde, en que se faga constar:

b.1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o proxecto que se presenta á convocatoria do premio Coopera Galicia, de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, se é o caso, as contías solicitadas ou concedidas.

b.2. Que a entidade solicitante ou, se é o caso, ningún dos concellos integrantes da agrupación que participan na solicitude, non está incursa/o en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polas respectivas persoas representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

c) No caso das mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, achegarase unha certificación emitida pola secretaría da mancomunidade, consorcio ou área metropolitana, no modelo do anexo II desta orde, na cal se faga constar:

c.1. O acordo do órgano competente da entidade local polo cal se aproba o proxecto de xestión compartida do servizo ou servizos e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c.2. A remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2015, a que fai referencia o artigo 4.3 desta orde. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas de Galicia e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

d) No caso das agrupacións de concellos, achegarase a seguinte documentación:

d.1. Unha certificación emitida pola secretaría do concello representante no modelo do anexo III desta orde, na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados ou agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

a. Que todos os concellos integrantes da agrupación aprobaron o proxecto de xestión compartida do servizo ou servizos e aceptaron as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

Nos referidos acordos deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e os acordos deberán estar adoptados antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b. O nomeamento do/da alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a do premio.

c. Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia correspondentes ao exercicio orzamentario 2015, segundo exixe o artigo 4.3. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas ou asociadas, determinará a inadmisión da solicitude.

Os acordos orixinais emitidos polos concellos integrantes da agrupación, así como as certificacións emitidas polos/as secretarios/as destes concellos deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

d.2. O instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que integran o proxecto, o cal deberá incluír, en todo caso, a designación do/da alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Mellora e emenda da solicitude

1. A Dirección Xeral de Administración Local notificaralle ás entidades solicitantes os defectos emendables nas solicitudes e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, concederalles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendaren os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, revisadas estas e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicional das bases reguladoras destes premios, que teñen carácter administrativo, e os seus efectos rexeranse polo establecido nesta orde e, no seu defecto, pola normativa xeral que sexa de aplicación.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, esta vicepresidencia e consellería publicará na súa páxina web os nomes dos premiados e os importes dos premios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos premiados e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os premios outorgados ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a entidade solicitante consente na inclusión e publicidade no dito rexistro dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, feito que terá lugar agás nos casos legalmente establecidos.

Artigo 9. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia será a unidade administrativa competente para a instrución do procedemento de concesión destes premios e das mencións especiais referidas nesta orde. A dita instrución rematará coa proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. Corresponderalle á persoa titular da vicepresidencia e consellería referida no número anterior ditar a resolución de concesión dos premios Coopera Galicia 2017, con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lle corresponde, e conceder as mencións especiais que procedan.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. O premio será outorgado por proposta dun xurado, que terá a consideración de comisión de valoración, presidido pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local ou persoa en quen delegue, e integrado por:

Vicepresidente: o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Un representante das deputacións provinciais designado pola Fegamp.

Dous alcaldes designados pola Fegamp.

Dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito da Administración local, designadas pola Dirección Xeral de Administración Local.

Actuará como secretario/a do xurado, para os efectos de estender acta, con voz pero sen voto, a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, ou unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Administración Local con nivel mínimo de xefatura de servizo.

2. As decisións do xurado especificarán a avaliación que lles corresponde a cada un dos proxectos presentados á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

En cada unha das categorías establecidas na correspondente convocatoria o premio poderá outorgarse de xeito individual ou declararse deserto. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan.

O xurado proporá, ademais, as mencións especiais correspondentes, de ser o caso.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

a) Número de concellos participantes no proxecto, ata 10 puntos.

b) Servizos cuxa xestión compartida se pretende establecer ou mellorar e a súa repercusión, ata 20 puntos. Teranse en conta indicadores obxectivos como:

– Número de servizos que integran o proxecto.

– Cifra de poboación total dos concellos participantes.

– Media de poboación atendida en relación co número de servizos.

c) Situación demográfica do ámbito territorial de implantación do proxecto, ata 12 puntos. Neste aspecto teranse en conta os seguintes indicadores:

– Número de núcleos da área do proxecto.

– Dispersión da poboación.

d) Valoración da eficacia e da eficiencia na prestación dos servizos que integran o proxecto, ata 22 puntos. Para a aplicación da puntuación neste criterio, valoraranse os datos do estudo económico comparativo ou memoria de aforro de custos en aspectos como:

Estimación do custo anual dos servizos, de os prestar cada concello de xeito individual.

Estimación do custo anual dos servizos prestados mediante a xestión compartida.

Cuantificación do aforro de custos.

e) Duración do proceso de implantación do proxecto de xestión compartida, ata 5 puntos. Con base nos cronogramas de implantación, valorarase o prazo de implantación do proxecto. Non se considerarán aqueles cronogramas que non realicen unha adecuada asignación temporal a cada actividade, tarefa ou traballo, necesarios para a correcta implantación do sistema de xestión compartida.

f) Relevancia do proxecto e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego, ata 25 puntos. Para a valoración deste criterio, a Comisión poderá ter en conta, entre outros, aspectos como aquelas actuacións que integran o proxecto que resulten particularmente significativas, o carácter innovador do proxecto, as súas características de intercooperación ou a súa repercusión nos eidos económico, social ou laboral.

g) A calidade da documentación presentada valorarase coa asignación de 1 punto a aquelas solicitudes que se presenten completas e non sexa preciso requirirlles a emenda da documentación presentada nin a achega de documentos preceptivos.

h) De conformidade co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por utilización da lingua galega na realización das actividades para as cales se solicita axuda, acreditada mediante compromiso expreso da entidade solicitante achegado xunto coa solicitude, 5 puntos.

No caso de presentar solicitude unha entidade en proceso de fusión municipal, outorgaránselle os 30 puntos máximos previstos nas alíneas a) e b), pola simple presentación da solicitude.

2. Para a asignación de puntuacións naqueles criterios que incorporan referencias a datos de poboación, utilizaranse as cifras oficiais publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Á vista da deliberación do xurado, contida na acta da sesión en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta de resolución motivada á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen ditará resolución.

2. A concesión dos premios e das mencións especiais será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no enderezo http://www.xunta.gal/vicepresidencia-cpapx e notificaráselles ás entidades premiadas e ás distinguidas coa mención especial.

3. O prazo máximo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de catro meses contados desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas, segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo o establecido no artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. As entidades premiadas disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicaren a aceptación do premio e das condicións contidas na resolución. Transcorrido o referido prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptado, e desde ese momento a entidade premiada adquire a condición de beneficiario.

10. A entrega do premio realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Artigo 13. Obrigas específicas dos beneficiarios dos premios económicos

1. Para proceder ao pagamento, as entidades beneficiarias do premio económico deberán remitir, no mesmo prazo indicado no artigo 11.5 desta orde, a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o proxecto premiado, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

b) Declaración responsable de non estaren incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10, números 2 e 3, da Lei de subvencións de Galicia.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade premiada está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

2. A documentación das candidaturas premiadas ao abeiro desta convocatoria quedará en poder da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o seu arquivamento, e esta reservará para si o dereito de edición, uso e explotación dos proxectos premiados. A compensación económica polos dereitos de autor que poidan corresponder considerarase incluída na dotación do premio.

Artigo 14. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Anulación e reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas, cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión dos premios regulados nesta orde non está vinculada á execución dos proxectos, pero as entidades beneficiarias dos premios quedan obrigadas a declarar a contía do premio concedido en calquera outro procedemento de subvencións do cal poida derivar financiamento para o mesmo proxecto.

3. No caso de que os beneficiarios incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá iniciar, se é o caso, un procedemento sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 16. Control

As entidades solicitantes e as premiadas quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a aquelas que proceda que realice o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas de conformidade co previsto na súa normativa específica.

Ademais, deberán facilitarlle á Dirección Xeral de Administración Local toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe do premio.

Artigo 17. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Administración Local, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://www.xunta.gal/vicepresidencia-cpapx).

b) Nos teléfonos 981 54 62 11 e 881 99 71 71.

c) No enderezo electrónico administracionlocal@xunta.gal

d) Presencialmente, nas dependencias da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais.

Artigo 18. Protección de datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

2. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a administracionlocal@xunta.gal.

Artigo 19. Modelos normalizados

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG núm. 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file