Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2017 Páx. 46890

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 20 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018. Programa I de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social nos CEE (código de procedemento TR341K).

BDNS (Identif.): 363990.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo II das bases reguladoras e, en particular:

a) Que formen parte do seu cadro de persoal de traballadores e/ou traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.3 da orde que establece as bases reguladoras destas axudas e que se define no punto terceiro deste extracto.

b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional e que estas teñan a composición establecida no artigo 31 das bases reguladoras.

Segundo. Obxecto e finalidade

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e de Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE.

A finalidade é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Persoal destinatario final do programa

As persoas traballadoras dos CEE con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral. Defínense así as persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

Cuarto. Contía e condicións da subvención

As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE.

A contía base será de 2.400 euros anuais por cada traballador/a apoiado/a, co tipo e grao de discapacidade indicados no punto terceiro, con contrato indefinido ou contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses. Esta contía reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos e da xornada laboral.

Quinto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 20 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018. Capítulo II.

Sexto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse novecentos sesenta e dous mil cincocentos euros (962.500 euros), repartidos por anualidades.

Ano 2017: cincocentos cincuenta mil euros (550.000 euros).

Ano 2018: catrocentos doce mil cincocentos euros (412.500 euros).

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Período subvencionable e xustificación da axuda

Con cargo á anualidade de 2017 subvencionarase o período do 1 de outubro de 2016 ao 30 de setembro de 2017. A data máxima de xustificación será o 10 de decembro de 2017.

Con cargo á anualidade 2018 subvencionarase o período do 1 de outubro de 2017 ao 30 de xuño de 2018. A data máxima de xustificación será o 31 de agosto de 2018.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria