Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 5 de outubro de 2017 Páx. 47002

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 27 de setembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 29 de agosto do 2017 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL Rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017.

A Orde do 29 de agosto de 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL Rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017, regula a convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego coa colaboración coas entidades locais no medio rural a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

O artigo 4.1.e) dispón como requisito que ten que cumprir a entidade beneficiaria: «e) Que as contratacións sexan para a xornada a tempo completo».

O artigo 5.1 da orde establece que «A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 16.200 euros.

Para o grupo de cotización 2: 13.200 euros.

Para o grupo de cotización 3: 12.000 euros.

Para o grupo de cotización 4: 11.400 euros.

Para o grupo de cotización 5: 10.800 euros.

Para o grupo de cotización 6: 10.200 euros.

Para o grupo de cotización 7: 9.600 euros.

Para o grupo de cotización 8: 9.000 euros.

Para o grupo de cotización 9: 9.000 euros.

Para o grupo de cotización 10: 9.000 euros.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013».

Os máximos por grupo de cotización permanecen invariables con respecto a Orde do 14 de xullo de 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL Rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2016 (DOG núm. 144, do 1 de agosto), cuxo artigo 5.1 establecía «A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente ao 80 % dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude».

Tendo en conta o exposto, procédese a modificar na Orde do 29 de agosto de 2017 o seu artigo 5.1, no que respecta ao importe das contías dos grupos de cotización aumentando en todos eles os módulos de referencia ao 100 %, xa que en vista dos resultados do exercicio anterior dedúcese que esta modificación non afecta o importe do crédito asignado á aplicación orzamentaria 09.40.322C.460.5 (5.000.000 euros), garantindo a contratación dunha persoa traballadora por concello tal como dispón a exposición de motivos e o parágrafo 3.b) do artigo 12 da orde.

Por isto, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e en aplicación das competencias atribuídas no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 29 de agosto de 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL Rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017

A Orde do 29 de agosto de 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL Rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2017, queda modificada como segue:

O punto 1 do artigo 5 queda redactado do seguinte modo:

«A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 20.250 euros.

Para o grupo de cotización 2: 16.500 euros.

Para o grupo de cotización 3: 15.000 euros.

Para o grupo de cotización 4: 14.250 euros.

Para o grupo de cotización 5: 13.500 euros.

Para o grupo de cotización 6: 12.750 euros.

Para o grupo de cotización 7: 12.000 euros.

Para o grupo de cotización 8: 11.250 euros.

Para o grupo de cotización 9: 11.250 euros.

Para o grupo de cotización 10: 11.250 euros.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria