Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 10 de outubro de 2017 Páx. 47582

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos o lugar e a data de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de técnico/a superior en prevención de riscos laborais, convocado por Resolución do 22 de decembro de 2016.

A base 8.1.4 da resolución deste centro directivo do 22 de decembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 6, do 10 de xaneiro de 2017), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de técnico/a superior en prevención de riscos laborais, establece que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar e na data que se fixen nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.

De conformidade coa antedita base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no concurso-oposición para o ingreso na categoría de técnico/a superior en prevención de riscos laborais do Servizo Galego de Saúde, convocado por resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 22 de decembro de 2016, para a realización dos exercicios que integran a fase de oposición, na data e na hora que se indican no anexo desta resolución.

Os exames realizaranse no recinto da Feira Internacional de Galicia, avenida Recinto Feiral, s/n, Silleda (Pontevedra).

Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), sección de emprego público, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas, así como os/as aspirantes asignados/as a cada unha delas.

Cada aspirante deberá consultar, con carácter previo, a porta de acceso que lle corresponde.

Os/as aspirantes que teñan autorizada polo órgano de selección unha adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios accederán ao recinto pola porta 0.

Terceiro. As persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

Cuarto. Os/as aspirantes serán convocados/as nun único chamamento e serán excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan. Non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

De conformidade co establecido na base 8.1.4 da resolución de convocatoria realizaranse na mesma data os distintos exercicios que integran a fase de oposición, en unidade de acto e de tempo, cambiando a súa orde de realización, de ser o caso.

No marco das previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitirá ás mulleres embarazadas ou que desen a luz, e que por estes motivos estean ingresadas no mesmo día do exame, realizar os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que tivesen posto en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo e a súa vontade de realizaren a proba no centro sanitario para o suposto de estaren ingresadas na data da súa realización e se tivese recibido na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas aquelas solicitudes de desprazamento pola/s causa/s exposta/s nas cales o ingreso nun centro hospitalario conste debidamente acreditado na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á fixada no Diario Oficial de Galicia como hora de inicio das probas.

Para estes efectos, só se admitirá como medio válido de comunicación o fax da Dirección Xeral de Recursos Humanos 881 54 28 18 e o seguinte enderezo de correo electrónico: Recursos.Humanos@sergas.es.

Quinto. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderá utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria e queda prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos, constituíndo causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Sexto. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na base 11.2 da resolución de convocatoria.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2017

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Data

Categoría

Hora

Domingo, 29 de outubro de 2017

Técnico/a superior en prevención de riscos laborais

9.30