Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 10 de outubro de 2017 Páx. 47570

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2017 sobre ampliación dos prazos establecidos no artigo 22 da Resolución do 11 de agosto de 2016, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa, para os anos 2016 e 2017, cofinanciadas polo fondo comunitario derivado do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (Diario Oficial de Galicia número 171, do 8 de setembro).

No Diario Oficial de Galicia núm. 243, do 22 de decembro de 2016, publicouse a Resolución do 14 de decembro de 2016 desta dirección pola cal se concederon subvencións para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa, en réxime de concorrencia competitiva, aos beneficiarios mencionados no anexo I da resolución.

De acordo co disposto no artigo 22 das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2017.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo cal se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá da metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderase acordar de oficio ou a instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas referidas datas límite, por cuestións de procedemento de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores e ademais non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 22.1 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa. Ampliándose o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 20 de novembro de 2017.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da LPACAP.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia