Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 48016

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de outubro de 2017 pola que se modifica a Orde do 22 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2017.

Con data 9 de xuño de 2017 (DOG núm. 109) publicouse a Orde do 22 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2017.

No artigo 11.2 da devandita orde establecíase que as beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditaren a realización dos proxectos subvencionados e a xustificaren a totalidade do orzamento, ata o 16 de novembro de 2017; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo elevado volume de solicitudes recibidas e os atrasos experimentados na tramitación das emendas, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos por parte das entidades beneficiarias, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario introducir modificacións no artigo 11.2 da Orde do 22 de maio.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de maio de 2017

Modifícase o artigo 11.2 da Orde do 22 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2017, que quedaría redactada como segue:

Artigo 11. Aceptación, xustificación e pagamentos

2. As beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditaren a realización dos proxectos subvencionados e a xustificaren a totalidade do orzamento, ata o 1 de decembro de 2017; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. O cumprimento efectivo dos fins para os cales foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación de orixinal ou copia compulsada e unha copia da seguinte documentación.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria