Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 48144

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2017, do Servizo Provincial de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na PO-325, Navia (punto quilométrico 0+000-1+700), no concello de Vigo (clave PO/16/056.06).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu punto 2, a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 22 de xuño de 2017, a Xunta de Galicia declarou a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na PO-325, Navia (p.q. 0+000-1+700), no concello de Vigo, de clave PO/16/056.06, mediante o Decreto 61/2017, publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de xullo de 2017.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello de Vigo, para que comparezan no lugar, na data e ás horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, en que se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Vigo.

Lugar: casa do concello.

Data: 30 de outubro de 2017, das 9.30 ás 13.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no concello de Vigo, e no Servizo da Delegación Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas en Pontevedra (avda. Fernández Ladreda, 43-1º).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, e poderán ir acompañadas pola súa custa, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido nos artigos 17, 18 e 19 da Lei de expropiación forzosa e do 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante un prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación da presente resolución e ata o momento do levantamento da acta previa correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo da Delegación Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas en Pontevedra (avda. Fernández Ladreda, 43-1º), as alegacións que consideren pertinentes para os efectos previstos na regulación referida.

Conforme establece o artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado servirá como notificación para os posibles interesados que non puidesen ser identificados, para os titulares de bens e dereitos que sexan descoñecidos, a aqueles dos cales se ignore o seu domicilio, ou ben a quen, intentada a súa notificación, non se puido efectuar.

Pontevedra, 3 de outubro de 2017

Fausto Núñez Vilar
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra