Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 48112

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de setembro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal de Erville, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cela, no concello de Mos.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de montes de Galicia, dáse publicidade ao Acordo do 10 de xullo de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, ao respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal de Erville, da CMVMC de Cela no concello de Mos (Pontevedra).

Feitos:

Primeiro. O 25 de novembro de 1981 o Xurado de Montes Veciñais en Man Común (en diante XMVMC) de Pontevedra emite unha resolución de clasificación do monte de Erville, na parroquia de Cela, a favor dos veciños da dita parroquia:

«Que debe clasificar e clasifica como monte veciñal en man común o monte denominado montes de Cela-monte de Erville, tal e como se describe no último considerando desta resolución, como de propiedade dos veciños da parroquia de Cela, do termo municipal de Mos, por reunir os requisitos exixidos polo artigo primeiro da Lei e segundo do Regulamento de montes veciñais en man común».

O último considerando da resolución de clasificación establece:

– Nome do monte: Erville.

– Cabida: 121 ha.

– Estremas: norte, predios particulares; leste e sur, termo municipal do Porriño; oeste, termo municipal de Vigo.

Segundo a información que consta no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común (en diante RMVMC) de Pontevedra, a resolución de clasificación adquiriu firmeza ao non ser impugnada en vía administrativa.

Segundo. O estudo previo de clasificación do monte de Erville establece no seu punto 3.5:

«A estrema deste monte da parroquia de Cela con predios particulares non pode ser moi precisa se se ten en conta que algúns destes ocupan antigos terreos do monte comunal; en consecuencia, chegouse coas estremas do monte ata onde hai seguridade ou dúbida razoable de que pode pertencer a el.

No caso de que este monte sexa clasificado como monte veciñal en man común, tal vez sexa necesario un deslindamento parcial en tal condición de estremeiro con particulares, seguindo os mesmos criterios que na clasificación».

Neste estudo previo consta o esbozo do monte de Erville a escala 1:25.000 que finalmente se clasificou a favor dos veciños da parroquia de Cela.

Terceiro. Segundo os datos do Rexistro de MVMC de Pontevedra, na actualidade o monte de Erville non se atopa deslindado, polo que a cartografía orientativa para a descrición do dito monte é o esbozo que existe no estudo previo de clasificación. Non constan resolucións xudiciais nin actos de disposición nin posúe proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia.

Cuarto. O 27 de marzo de 2013 a CMVMC de Cela solicita a revisión da superficie clasificada, con modificación da estrema e da superficie con base no plano presentado co presente escrito.

Quinto. O 7 de febreiro de 2014 a Sección de Topografía informa de que a CMVMC de Erville xa marcou o que eles consideran o seu monte veciñal, incumprindo o punto 4 da disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Despois realizaron un levantamento topográfico e montárono sobre unha ortofoto e unha cartografía vectorial.

Estes traballos cartográficos pódense considerar como correctos dentro da calidade exixible nesta disposición, así como da interpretación da mesma lei achegada polo secretario xeral técnico do 25 de marzo de 2013.

Esta comunidade ten clasificadas 121 ha e nesta revisión que solicitan presentan 89,27 ha.

Xa no punto 3.5 do estudo previo á clasificación como veciñal se recomendaba un deslindamento coas propiedades particulares.

Achégase con este informe a montaxe do levantamento proposto sobre o esbozo do estudo previo e mais a superposición cos datos catastrais.

Sexto. O 19 de febreiro de 2014, o presidente do Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra solicita ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Cela (Mos), coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei de montes de Galicia e segundo o acordado na sesión do 18 de febreiro de 2014.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

A Dirección Xeral de Ordenación Forestal estableceu que a disposición transitoria décimo terceira se aplique de xeito preferente cando o monte veciñal sexa estremeiro con propiedades particulares. Así mesmo, cando exista condición de estremeiro entre montes veciñais en man común, aplicarase o establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Segunda. O punto 10 do artigo 8 da citada lei recolle o couto redondo: «superficie forestal continua, entendendo que a dita continuidade non se verá interrompida por límites naturais (ríos, lagos, encoros, etc.), artificiais (vías de comunicación), nin administrativos (concellos, provincias, etc.)».

Terceira. O artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 13/1989 (DOG nº 186, do 23 de setembro) establece:

«A resolución firme de clasificación dun terreo como monte veciñal en man común deberá conter os requisitos necesarios para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade, de conformidade co disposto na Lei hipotecaria e no seu regulamento, e virá acompañado de planimetría suficiente que permita a identificación do monte. A citada resolución, unha vez firme, producirá os seguintes efectos:

– Atribuír propiedade.

– Servir de título inmatriculador suficiente para a inscrición do monte no Rexistro da Propiedade.

– Estará exento dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e será gratuíto...».

Cuarta. A Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946 (BOE nº 151, do 25 de xuño), prevé a coordinación gráfica das inscricións do Rexistro da Propiedade co Catastro:

«1. A base de representación gráfica dos predios rexistrais será a cartografía catastral, que estará ao dispor dos rexistradores da propiedade.

2. Nos casos de incorporación da representación gráfica xeorreferenciada conforme o disposto na letra b) do artigo 9, deberá achegarse, xunto co título inscritible, certificación catastral descritiva e gráfica do predio, salvo que se trate dun dos supostos regulados no número 3 deste artigo.

O rexistrador incorporará ao folio real a representación gráfica catastral achegada sempre que se corresponda coa descrición literal do predio na forma establecida na letra b) do artigo anterior, facendo constar expresamente no asento que na data correspondente o predio quedou coordinado graficamente co Catastro. Así mesmo, o rexistrador trasladará ao Catastro o código rexistral dos predios que fosen coordinados.

No suposto de que a correspondencia non quedase acreditada, o rexistrador dará traslado desta circunstancia ao Catastro por medios telemáticos, motivando a través dun informe as causas que impedisen a coordinación, para os efectos de que, se for o caso, o Catastro incoe o procedemento oportuno».

Por todo o exposto, o Servizo de Montes, no informe do 12 de xuño de 2017 indica que:

1. A revisión do esbozo do monte de Erville realizarase de todo o monte, aínda que no límite con outras comunidades de montes veciñais será necesario que se deslinde, segundo o establecido no artigo 53 da Lei de montes de Galicia.

– Límite oeste coa comunidade de Zamáns.

– Parte do límite sur, no límite coa comunidade de Mosende.

2. A revisión do esbozo do monte de Erville proposta polo Servizo de Montes modifica a presentada pola comunidade, para cumprir os requisitos establecidos no artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 13/1989 e da Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946.

A liña proposta por este servizo respecta as parcelas catastrais de titulares particulares e inclúe só parcelas catastrais a nome da comunidade ou en investigación.

A liña proposta inclúe integramente as seguintes parcelas catastrais:

– Do polígono 76 as parcelas 36, 37, 56 e 66.

– Do polígono 77 as parcelas 1, 26, 531, 664, 717 e 784.

– Do polígono 78 a parcela 146.

E parte das parcelas catastrais:

– Do polígono 78 as parcelas 43 e 244.

– Do polígono 79 a parcela 43.

Estas parcelas catastrais non están incluídas integramente porque na súa estrema sur o monte veciñal en man común de Erville linda coa entidade local menor de Chenlo, que está deslindada e marcada. E na estrema coa comunidade de Mosende tómase como referencia o marco da entidade local menor ata os predios catastrais dos particulares seguindo un regato. Esta estrema con Mosende terá que ser ratificada mediante deslindamento, o mesmo que a estrema coa comunidade de Zamáns.

3. Proponse a revisión do esbozo do MVMC de Erville, clasificado a favor dos veciños de Cela, concello de Mos, de acordo coa seguinte descrición e os planos en soporte papel e dixital que forman parte inseparable deste informe e considerando que o monte é un couto redondo, e que a dita continuidade non se ve interrompida por estremas naturais, artificiais nin administrativas (artigo 8.10 da Lei de montes de Galicia):

– Nome do monte: Erville.

– Cabida: 92,62 ha.

– Os mesmos límites xerais da clasificación.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal de Erville, na parroquia de Cela (Mos), e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a proposta de adaptación de esbozo do monte veciñal de Erville, da CMVMC de Cela, no concello de Mos (Pontevedra), segundo o descrito nos puntos 2 e 3 da consideración xurídica cuarta, e a planimetría que o acompaña.

Pontevedra, 26 de setembro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra