Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 48042

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2017 pola que se convoca un curso sobre consumo e xénero para persoal empregado público do sector público autonómico de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito o 5 de outubro de 2017 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de consumo e xénero para empregados/as públicos/as do sector público autonómico de Galicia.

RESOLVO:

Convocar un curso de consumo e xénero que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Empregados/as públicos/as da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Espazos Xoves e OMIX.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, coas súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web http://egap.xunta.gal

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.gal/matricula
desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberase enviar por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberase presentar dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal

Cuarta. Criterios de selección

Criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de tres días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro)..

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236 do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

a) As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización da actividade non completada.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A adecuada realización individual de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os/as alumnos/as deberán responder de forma correcta un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, quen emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia resérvanse o dereito a suspender ou a cancelar a actividade, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV17031.

Área de coñecemento: Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Nome do curso: Consumo e xénero.

1. Obxectivos.

– Promover a reflexión sobre o consumo e o xénero filtrado polo papel crucial da educación.

– Reflexionar sobre a relación entre o consumo e o xénero como elementos de desigualdade social, cuestionando os estereotipos de xénero asociados ao consumo e analizando os roles de homes e mulleres neste ámbito.

2. Destinatarios/as.

Persoal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Espazos Xoves e OMIX.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 27 de outubro ao 1 de decembro de 2017.

Proba final: o día 1 de decembro.

Prazas: 50.

4. Contido.

Módulo inicial: Guía didáctica e presentación do curso (2,5 horas).

Visualización Grandes almacéns e revolución social.

Módulo 1: O consumo como elemento de desigualdade social (5 horas).

O papel social do consumo na historia e na actualidade.

Dereitos e deberes das persoas consumidoras e usuarias.

Resolución de conflitos de consumo.

Módulo 2: O xénero como elemento de desigualdade social (5 horas).

Módulo 3: A interacción entre o consumo e o xénero (5 horas).

Módulo final: Avaliación do curso (2,5 horas).