Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2017 Páx. 50736

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convoca o programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar, curso 2017/18.

Conforme o seu estatuto de autonomía (artigo 27.22) a Comunidade Autónoma galega posúe no seu ámbito territorial a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a apropiada utilización do lecer, competencia en cuxo desenvolvemento se publicou a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Esta lei ten por obxecto establecer un marco xeral para o desenvolvemento e organización da actividade física e deportiva cunha concepción integral, entendendo o deporte como todo tipo de exercicio físico, cunha práctica organizada ou non, pero cunha finalidade de mellora da condición física, psíquica, das relacións sociais ou o logro de resultados en competición de todos os niveis. O deporte é considerado de interese público, atendendo ás funcións que desempeña na nosa sociedade, en especial nos ámbitos da educación, da formación, da cultura, da saúde pública, na cohesión social e tamén no respecto ao ambiente, o que fai necesario a concepción dun novo modelo deportivo galego: un modelo que facilite, neste caso aos escolares galegos, diferentes prácticas e actividades que atendan ás diferentes necesidades deles partindo do dereito de todos a coñeceren e practicaren deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e sen discriminación ningunha.

Pola súa banda, o referido texto legal establece, entre outras competencias da Administración autonómica, a promoción, ordenación e organización do deporte en idade escolar, así como definir e fixar as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego nos seus diferentes niveis (título II, artigo 5.n).

Paralelamente, o artigo 24.2 establece que «a Administración autonómica fomentará, en colaboración e coordinación coas demais administracións públicas con competencia na materia, coas federacións deportivas galegas, cos clubs, coas agrupacións deportivas escolares e demais entidades deportivas, a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar, a través de plans e programas específicos. Para tal efecto poderanse constituír os órganos consultivos ou de asesoramento que se consideren oportunos».

Corresponde á Administración deportiva a organización dos campionatos en idade escolar, como queda establecido no artigo 24.4 da actual Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Para o mellor exercicio destas competencias, tal e como se establece no artigo 6 desta lei, a Administración autonómica poderá subscribir convenios de colaboración coas demais administracións públicas e entidades públicas e privadas vinculadas á actividade deportiva, como poden ser as federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares entre outras, no desenvolvemento do programa de Xogos Galegos Deportivos en idade escolar, en diante, Xogade.

Para o curso escolar 2017/18 convócase a correspondente edición do programa. Mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos –acción que é un dos piares esenciais de actuación de política deportiva para o fomento da actividade física e deportiva entre a poboación– que será sufragado directamente pola Secretaría Xeral para o Deporte. Seguen tamén as actuacións da Actividade Deportiva Escolar (á cal se incorpora a modalidade de Multixogo para nenos de 6 a 8 anos), a Actividade Deportiva Federada, o Coñece o meu club, os Xogos populares e Xogando coa auga, que ampliará modalidades e área xeográfica. Xogade segue sendo unha ferramenta para o Proxecto Deportivo de Centro encadrado no plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar o programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar para o curso 2017/18 (anexo).

Segundo. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (deporte.xunta.gal).

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2017

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte

ANEXO

Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar, curso 2017/18

O programa Xogade, nacido na tempada 2009/10 con dúas actividades, segue evolucionando ano a ano co obxectivo de promover e fomentar a práctica de actividade física na poboación escolar galega ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia.

Poderán inscribirse neste programa os centros de ensino, anpas, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións, etc. que o desexen, pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

As actuacións do programa para a tempada 2017/18 son:

– Actividade deportiva escolar.

– Actividade deportiva federada.

– Coñece o meu club.

– Xogos populares.

– Proxecto deportivo de centro.

– Xogando coa auga.

– Seguro federado de 6 a 16 anos.

A canle de comunicación oficial será a web xogade.xunta.gal, onde se atopa a aplicación para realizar a inscrición no programa Xogade. Á páxina web de Xogade poderase acceder tamén a través da páxina web da Secretaría xeral para o Deporte deporte.xunta.gal.

1. Actividade deportiva escolar.

a) A organización recaerá basicamente na Secretaría Xeral para o Deporte a través dos servizos provinciais de deportes.

Para esta organización poderá contar coa colaboración das agrupacións deportivas de zona, clubs, concellos ou calquera outra entidade pública ou privada que a Secretaría Xeral e os servizos provinciais de deporte coide conveniente.

b) As modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar serán atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sóftbol, campo a través, dúathlon, fútbol sala, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez, Xogando co Atletismo e Multixogo 6-8.

c) Con carácter xeral establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva escolar: benxamín: nados no 2009 e 2008; alevín: nados no 2007 e 2006; infantil: nados no 2005 e 2004 e cadete: nados no 2003 e 2002. Nas categorías e fases poderán existir modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas, polo que será necesaria a súa consulta na páxina web oficial.

d) Para a participación nesta actividade a Secretaría Xeral para o Deporte disporá dun seguro de accidente deportivo gratuíto durante o período de duración da actividade para todos os escolares participantes con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos.

e) Así mesmo, a Secretaría Xeral para o Deporte facilitará, de forma gratuíta, a través dos seus servizos de Deportes provinciais, dentro das limitación da contratación e aplicando os criterios de máximo aproveitamento dos recursos, un servizo de transporte gratuíto para a participación na actividade.

f) O desenvolvemento das actividades deportivas escolares será, en xeral, en dúas fases: zonal (previas) e provincial, salvo na modalidade de campo a través, que contará cunha fase máis, a autonómica. A Secretaría Xeral para o Deporte adaptaraas segundo as categorías e o número de participantes.

g) Os regulamentos de xogo, sancións, recursos, etc. serán os que figuran na normativa xeral e nas normativas específicas adaptadas á realidade de cada zona.

h) A participación nesta actividade deportiva será totalmente gratuíta.

2. Actividade deportiva federada.

a) A organización desta actividade será das federacións galegas, no cumprimento das súas funcións de promoción das súas modalidades deportivas, así como da organización de competicións oficiais autonómicas, establecidas no artigo 56, sección 3ª, CAP II de entidades deportivas da Lei 3/2012, do 2 de abril. Organizarán a competición deportiva federada en idade escolar, tendo sempre en conta a obriga de cumprimento establecida para estas entidades no convenio anual coa Secretaría Xeral para o Deporte.

b) As modalidades dispostas na actividade deportiva federada serán baloncesto, balonmán, fútbol sala, judo, loita olímpica, natación, natación sincronizada, waterpolo, taekwondo, tríathlon/dúathlon, voleibol e ximnasia rítmica, artística, acrobática e trampolín.

c) Con carácter xeral establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva escolar: benxamín: nados no 2009 e 2008; alevín: nados no 2007 e 2006; infantil: nados no 2005 e 2004 e cadete: nados no 2003 e 2002. Nas categorías e fases poderán existir modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas.

d) O desenvolvemento das actividades deportivas escolares será, en xeral, en tres fases: zonal (previas), provincial e autonómico, e poderá haber, no caso de considerarse oportuno, fase intercomarcal.

e) Para a participación nesta actividade a Secretaría Xeral para o Deporte facilitará gratuitamente o seguro de accidente deportivo asociado á licenza da federación correspondente, necesaria para a participación en cada unha das modalidades para os escolares participantes.

f) Os regulamentos de xogo, as sancións, os recursos e o réxime disciplinario dependerán do establecido para cada modalidade pola federación galega correspondente.

3. Coñece o meu club.

a) Os clubs deportivos que estean inscritos no Rexistro de Clubs da Secretaría Xeral para o Deporte poderán solicitar esta actividade para facilitar aos diferentes centros educativos da súa contorna que se poñan en contacto con eles, co obxecto de poder desenvolver a actividade «Coñece o meu club».

b) Nesta actividade técnicos do club, por decisión dos centros escolares (segundo os datos recollidos na aplicación de inscricións www.deporteescolargalego.com), visitarán os centros para faceren unha presentación práctica e lúdica do seu deporte, explicaren o funcionamento do club (localización, horarios de adestramento, competicións...), co obxectivo de facilitar aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa contorna. Os centros decidirán se ampliar esta experiencia cunha visita ás instalacións do club.

c) O centro escolar deberá emitir un certificado por duplicado ao club que realice a actividade, unha vez finalizada esta, onde se indiquen os datos indispensables publicados na normativa deste programa. O club terá a responsabilidade de asegurarse de que un dos certificados sexa remitido á Secretaría Xeral para o Deporte (servizos provinciais), para que alí conste para o efecto de posibles subvencións.

4. Xogos populares.

a) A Secretaría Xeral para o deporte, conforme o artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consideración das modalidades deportivas autóctonas como patrimonio cultural da Comunidade Autónoma, establece a actividade de xogos tradicionais e populares para a contribución ao arraigo destes nos escolares galegos.

b) Os servizos de deporte provinciais cederán ao centro educativo un lote de material, de xogo e didáctico, en concepto de préstamo.

c) Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Grao de participación no programa Xogade.

– Posibilidade xeográfica de realización.

– Repartición equitativa (solicitudes por provincia).

– A non realización da actividade en anos anteriores.

– Orde de inscrición.

5. Proxecto deportivo de centro.

a) O proxecto deportivo de centro busca coordinar todos os esforzos da comunidade educativa dentro e fóra do horario lectivo e dentro e fóra do centro escolar para aumentar a actividade física saudable dos nosos escolares dentro do Plan Galicia Saudable.

b) O Xogade é unha ferramenta das posibles que se nos ofrecen para participar no marco do plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ademais da plataforma DAFIS, programa Máis e Mellor Actividade Física, Móvete + e o Camiña/En bici á escola.

c) Este proxecto será xestionado pola Fundación Deporte Galego.

6. Xogando coa auga.

a) A Secretaría Xeral para o Deporte, conforme o artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consecución dunha práctica deportiva integrada nos valores de preservación e respecto do ambiente cun uso sustentable deste, continúa neste curso escolar con esta actividade que dá cabida a diferentes proxectos postos en marcha en diferentes puntos do noso territorio, coa finalidade de achegar aos escolares galegos a un medio tan importante para a nosa Comunidade Autónoma como son o mar e os ríos, a través da práctica das modalidades deportivas de surf, remo e vela.

b) O denominador común destes proxectos será o emprego da auga, do surf, do remo e da vela como instrumentos de xogo para traballar cos rapaces e rapazas contidos transversais de diferentes áreas, sempre promovendo e fomentando a actividade física na vida cotiá.

7. Seguro federado de 6 a 16 anos.

a) A Secretaría Xeral para o Deporte facilitará un seguro deportivo a todos os deportistas federados de 6 a 16 anos independentemente da súa modalidade deportiva. Esta é unha medida fundamental para apoiar, sólida e eficazmente, o deporte de base, dentro do compromiso da Xunta de Galicia pola promoción da actividade físico-deportiva e os hábitos saudables.

b) A inscrición dos deportistas neste seguro deberá ser realizada polas diferentes federacións, no momento de tramitación da licenza, a través da páxina web www.deporteescolargalego.com