Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 14 de novembro de 2017 Páx. 52292

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2017 pola que se aproban e publican as bases reguladoras dos premios de investigación sobre VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2017.

A principios dos anos 80 do século XX, irrompe en todo o mundo o VIH (virus de inmunodeficiencia humana) que provocaba unha enfermidade mortal chamada sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida). Esta enfermidade xerou unha gran alarma social debido a que era unha enfermidade mortal, de causa e vías de transmisión descoñecidas. Desde ese momento, iníciase unha intensa actividade investigadora multidisciplinar que permitiu identificar ao axente causal da enfermidade, diminuír dun xeito moi importante a súa mortalidade e aumentar a calidade de vida das persoas afectadas.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (en diante, ACIS) é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, séndolle aplicable a citada regulación, agás o relativo ao persoal e aos elementos da súa organización, que se rexerán polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e na súa normativa específica, de conformidade co previsto na disposición adicional sexta da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

ACIS, adscrita á consellería competente en materia de sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, ten personalidade xurídica propia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía na súa xestión, nos termos que precisen as leis.

ACIS ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar, en réxime de descentralización funcional, como un instrumento de xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, así como o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos profesionais das institucións sanitarias.

O artigo 19 dos estatutos de ACIS, aprobados mediante o Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, atribúe á Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria «a planificación, promoción, coordinación, execución e avaliación da investigación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia», a través do desempeño das seguintes funcións:

«Artigo 19.j). Propoñer a convocatoria de bolsas, axudas e premios, e outras medidas de fomento da investigación sanitaria, así como o seu seguimento, asesoramento, difusión de resultados e apoio a investigadores e rexistros da materia».

Por este motivo, a Presidencia de ACIS, á vista da proposta formulada pola Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria e da certificación relativa ao control polo Consello Reitor da ACIS da convocatoria dos premios, resolveu aprobar a proposta da convocatoria dos premios de investigación do VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual 2017.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras dos premios de investigación sobre VIH e/ou outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2017, que se incorporan a esta resolución como anexo.

2. Os premios son os seguintes:

– O primeiro premio constará dun certificado acreditativo e dunha dotación en metálico de tres mil euros (3.000,00 €).

– O segundo premio constará dun certificado acreditativo e dunha dotación en metálico de mil cincocentos euros (1.500,00 €).

Artigo 2. Financiamento

Para o financiamento destes premios está previsto un crédito de catro mil cincocentos euros (4.500,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 2017-11A1-561C-640.1/Proxecto 2016/00004 dos seus orzamentos do ano 2017.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións comerciais e económicas con terceiros» co obxecto de xestionar este procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica-Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral Técnica, Consellería de Sanidade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a secretaria.xeral@sergas.es

Disposición derradeira primeira. Órgano responsable

ACIS adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución do premio.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

ANEXO
Bases reguladoras dos premios de investigación sobre VIH
e/ou outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2017

Artigo 1. Obxecto

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) promove e convoca os Premios de investigación sobre VIH e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) 2017.

A finalidade destes premios é promover a investigación neste eido, dar publicidade á investigación galega sobre estas enfermidades e recoñecer publicamente o labor que as persoas investigadoras veñen realizando para aumentar a calidade e esperanza de vida das persoas afectadas.

Artigo 2. Orzamento e normativa reguladora

1. Para financiar estes premios ACIS ten previsto un crédito de catro mil cincocentos euros (4.500,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 2017-11A1-561C-640.1/Proxecto 2016/00004 dos seus orzamentos do ano 2017.

2. Entregarase un primeiro e un segundo premio. O primeiro premio cun importe de tres mil euros (3.000,00 €) será concedido á primeira persoa asinante do artigo científico mellor valorado. O segundo premio cun importe de mil cincocentos euros (1.500,00 €) concederase á primeira persoa asinante do segundo artigo científico mellor valorado.

Os premios quedarán sometidos ás retencións que correspondan en concepto de imposto sobre a renda das persoas físicas.

Ademais, entregarase un certificado acreditativo da concesión dos premios a cada persoa autora do artigo. Este premio é compatible con outros premios ou distincións.

3. A tramitación destes premios realizarase con suxeición ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no cal poida ser aplicable a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Investigación científica sobre VIH e outras ITS realizada en institutos, centros, universidades ou axencias de investigación galegas, así como en calquera centro galego que aborde este tipo de patoloxías.

Artigo 4. Candidatos/as

Serán candidatas as persoas físicas investigadoras vinculadas a centros incluídos no ámbito de aplicación destas bases.

Artigo 5. Requisitos dos artigos seleccionados

1. Os artigos deben ter relación directa coa infección polo VIH e/ou as demais ITS.

2. Os artigos teñen que estar indexados nalgunha das seguintes bases de datos bibliográficas: Medline/PubMed, Embase, IBECS (Índice Bibliográfico Español de Ciencias da Saúde), CiberIndex (Fundación Index), nos repositorios das universidades galegas: Minerva (Universidade de Santiago de Compostela), RUC (Universidade da Coruña) e Investigo (Universidade de Vigo); en ISOC, Medes, Fundación Lilly, Psicodoc, Dialnet, Scopus e Eric.

3. A persoa física investigadora autora do artigo seleccionado debe acreditar a súa vinculación a algún centro incluído no ámbito de aplicación destas bases no momento da elaboración do artigo.

Artigo 6. Composición do xurado

Os artigos serán avaliados por un xurado composto polas seguintes persoas membros:

– Presidente/a: persoa que ostente a titularidade da Dirección Xeral de Saúde Pública, ou persoa en quen delegue, que disporá de voto de calidade.

– Secretario/a: unha persoa técnica do Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

– Os vogais serán unha persoa representante de cada unha das seguintes unidades administrativas:

1. Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS).

2. Bibliosaúde.

3. Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía (Consellería de Sanidade).

4. Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria).

5. Sociedade Galega Interdisciplinaria de Sida (Sogaisida).

6. Faraxa: organización non gobernamental (ONG) vinculada ao eido do VIH e doutras ITS.

Na composición dos membros do xurado procurarase acadar unha composición equilibrada entre homes e mulleres.

Non poden ser candidatos/as ao premio os membros do xurado ou persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo.

Artigo 7. Criterios de selección dos artigos gañadores

A elección dos artigos premiados farase con base nos criterios que se recollen a continuación, nos cales se valorarán os aspectos que en cada un deles se indican:

1. A calidade científico-técnica do artigo: 0-20 puntos.

A exposición clara da introdución, concreción dos obxectivos, metodoloxía científica ben definida, análise estatística dos resultados, discusión ben argumentada con bibliografía actualizada, conclusións que se adaptan aos resultados do estudo, etc.

2. O impacto positivo da investigación na calidade e esperanza de vida das persoas afectadas: 0-20 puntos.

En que medida o estudo repercutirá na calidade e/ou esperanza de vida das persoas afectadas (mellora da súa evolución clínica, creación de recomendacións para a asistencia destas persoas, etc.)

3. O éxito da investigación no cambio de actitudes en persoas con prácticas de risco para as ITS: 0-15 puntos.

Os estudos sobre técnicas de modificación de actitudes e condutas de risco que resulten efectivas.

4. Realizar a investigación en grupos de elevada prevalencia de ITS: 0-10 puntos.

Grupos de elevada prevalencia de ITS son as persoas que se inxectan drogas, as persoas que exercen a prostitución, os homes que teñen sexo con outros homes, as persoas internas en prisión e as persoas orixinarias de países de elevada prevalencia.

5. Aspectos innovadores na abordaxe da investigación: 0-10 puntos.

Os aspectos innovadores fan mención á incorporación de nova metodoloxía de estudo, novos enfoques, novos instrumentos, etc.

6. O carácter multidisciplinar do equipo investigador: 0-10 puntos.

A formación dos distintos autores dos artigos.

Artigo 8. Selección dos artigos gañadores

O xurado deste premio fará unha revisión bibliográfica de todos os artigos científicos publicados o ano anterior á concesión do premio (ano 2016) que cumpran cos requisitos destas bases reguladoras.

O xurado reunirase e valorará os artigos recompilados en función dos criterios de selección establecidos no artigo 7.

O xurado elaborará unha acta na que conste o resultado motivado desta avaliación coa proposta da persoa ou persoas galardoadas. Á vista da dita acta, a persoa que actúe de secretaria do xurado comunicaralle ás persoas propostas como galardoadas o acordo de concesión adoptado polo xurado xunto coas condicións e os termos nos cales se propón outorgar o premio.

A continuación, solicitaranlles a aceptación expresa dos premios. As persoas investigadoras que acepten o premio presentarán a acreditación da súa vinculación a algún centro incluído no ámbito de aplicación destas bases no momento da elaboración do artigo. A decisión do xurado será inapelable.

Naqueles aspectos non previstos nestas bases en relación co funcionamento do xurado como órgano colexiado aplicarase o previsto nos artigos 14 a 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Resolución

Á vista da devandita acta e da aceptación expresa do premio, a persoa titular da presidencia de ACIS ditará a resolución do premio que será inapelable, e farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e das páxinas web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es e ACIS www.acis.sergas.es

Artigo 10. Entrega de premios

Farase entrega dos premios nun acto público na Consellería de Sanidade.

Artigo 11. Difusión da actividade investigadora premiada

A aceptación do premio leva implícito o consentimento para que ACIS e a Consellería de Sanidade difundan nos medios que consideren máis axeitados a seguinte información:

– O título dos artigos gañadores.

– A identidade das/dos súas/seus autores/as.

– O nome dos centros ou institucións onde se elaboraron os traballos de investigación.