Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 24 de novembro de 2017 Páx. 53862

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2017, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación del Fútbol Gallego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación del Fútbol Gallego, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 24 de xullo de 2017 Diego Batalla Bautista, secretario do padroado da Fundación, solicitou a súa clasificación para os efectos da correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación del Fútbol Gallego foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 19 de abril de 2017, ante o notario Francisco López Moledo, co número de protocolo 753, pola Federación Gallega de Fútbol, que actúa representada polo seu presidente, Rafael Louzán Abal.

Esta escritura corrixiuse por outra outorgada na mesma localidade e ante o mesmo notario o 17 de xullo de 2017, co número de protocolo 2.267.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, ten como obxecto e finalidade permanente:

– O achegamento e promoción do deporte, en especial do fútbol nas súas diferentes especialidades e modalidades, á sociedade galega en xeral.

– Difundir e expandir na Comunidade Autónoma de Galicia os valores inherentes á práctica deportiva e facilitar o a el acceso de nenos e mozos, procurando que a práctica do deporte vaia unida á formación integral da persoa.

– Potenciar a incorporación dos discapacitados ao mundo do fútbol.

– Potenciar a formación dos profesionais do fútbol galego.

– A axuda a xogadores, adestradores e árbitros de fútbol en risco de exclusión social

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, a súa capacidade e a súa vontade de constituír a Fundación conforme aos preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; o seu domicilio, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios; e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado polo presidente da Federación Gallega de Fútbol, Rafael Louzán Abal, como presidente; Diego Batalla Bautista, como secretario; e Luís Serantes Álvarez, como tesoureiro.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación del Fútbol Gallego atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumprindo os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade con esta proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 31 de outubro de 2017, clasificouse como de interese deportivo a Fundación del Fútbol Gallego e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, en relación co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación del Fútbol Gallego, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación del Fútbol Gallego, polo que á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas do 13 de novembro de 2017,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación del Fútbol Gallego.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2017

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza