Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 19 de decembro de 2017 Páx. 57446

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2018.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no exercicio das súas competencias e consciente da importancia de establecer medidas de estímulo á creación, ten como obxectivo promover a xeración de novas propostas narrativas de especial valor cinematográfico co propósito de contribuír ao enriquecemento cultural do país a través das distintas formas de expresión audiovisual.

Nesta resolución establécense as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións para a escrita e produción de proxectos en versión orixinal galega, entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega, co obxectivo de impulsar a creación e, ao mesmo tempo, contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual atribúe ao sector na normalización da lingua galega.

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento CT207E).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas para a mesma finalidade polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

d) Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

E supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Segunda. Modalidades

1. Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:

Modalidade A: subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias, para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.

Modalidade B: subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.

Modalidade C: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos e que conten cun realizador que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.

2. Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.

Terceira. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.

2. Poderán optar ás subvencións referidas na modalidade C os directores residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras con antigüidade ininterrompida de, polo menos, un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria, establecidas cando menos durante un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta. Procedemento, orzamento e imputación de créditos e contía

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 145.000 euros, correspondente ás aplicacións seguintes dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais: 55.000 euros da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.480.0 e 90.000 euros da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, distribuídos en dúas anualidades: 21.000 euros da anualidade 2018 e 69.000 euros da anualidade 2019.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. O crédito distribuirase do seguinte xeito entre as distintas modalidades: 5 proxectos da modalidade A (25.000 euros), 5 proxectos para da modalidade B (30.000 euros) e 3 proxectos da modalidade C (90.000 euros).

5. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2017 poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Quinta. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as persoas representantes dunha das anteriores. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexta. Prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sétima. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

• Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

• Se a persoa solicitante está domiciliada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia (nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea), certificado de empadroamento.

• Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

• Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. As persoas solicitantes deberán enviar a seguinte documentación complementaria:

Modalidade A: escrita individual de guión para longametraxe cinematográfica:

a) Historial profesional do solicitante acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:

– Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou en calidade de guionista.

– Declaración responsable con especificación dos títulos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á escrita de guión con anterioridade á convocatoria.

b) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, onde se inclúa unha reflexión sobre a viabilidade do proxecto no audiovisual galego.

c) Sinopse argumental cunha extensión máxima de 1 páxina.

d) Tratamento secuenciado do proxecto de guión, cunha extensión de entre 10 e 20 páxinas a dobre espazo.

e) Se é un guión adaptado: declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.

Modalidade B: curtametraxe:

a) Historial profesional do solicitante acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:

– Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director.

– De ser o caso, especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de curtametraxes con anterioridade á convocatoria.

b) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, en que consten as intencións con respecto á promoción e distribución da curtametraxe.

c) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de 1 páxina.

d) Guión definitivo, técnico ou literario, da película.

e) Calendario e plan de produción.

f) Currículo do equipo técnico-artístico.

g) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.

h) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Modalidade C: longametraxe:

a) Historial profesional do director acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:

• Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director.

• Declaración responsable con especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de longametraxe con anterioridade á convocatoria.

b) De ser o caso, historial da empresa solicitante.

c) Historial de guionista, director de fotografía, compositor, actores, montador xefe, director artístico, xefe de son e outros profesionais do equipo creativo de carácter técnico que intervirán na produción.

d) Sinopse argumental dun máximo de 1 páxina.

e) Unha memoria dun máximo de 5 páxinas en que se describa o carácter innovador da película e as intencións en canto á súa promoción e distribución.

f) Guión definitivo do proxecto.

g) Calendario do proxecto, plan de produción e plan de localizacións da rodaxe.

h) Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic) e plan de financiamento.

i) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.

j) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Oitava. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• NIF da persoa xurídica solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• Certificado de empadroamento en Galicia

• Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

• Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Novena. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Subvencións cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.gal.

Décimo primeira. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude do/s cal/es se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir aos solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

3. A comisión de valoración avaliará as solicitudes consonte os criterios de valoración establecidos nestas bases, emitirá un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicará a puntuación asignada a cada un deles e fará unha proposta dos que se consideran subvencionables.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de valoración, a Dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará as solicitudes subvencionadas.

Décimo segunda. Comisión de valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados na base seguinte.

2. A comisión de avaliación será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic, e estará constituída por:

a) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, de entre os grupos I, II e III.

b) Tres persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do audiovisual.

c) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

3. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

A comisión puntuará cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, de forma motivada, e farán a proposta dos proxectos subvencionables que acade maior puntuación: 5 proxectos da modalidade A, 5 proxectos para da modalidade B e 3 proxectos da modalidade C.

4. Dos cinco proxectos subvencionables da modalidade A, tres estarán reservados para aqueles solicitantes que non figuren como guionistas en ningunha longametraxe realizada e que non teñan recibido axudas á escrita de guión en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic, sen prexuízo de reasignar as adxudicacións entre os demais solicitantes se non hai suficientes proxectos que acaden a puntuación exixida. Dos cinco proxectos subvencionables da modalidade B, tres estarán reservados para aqueles solicitantes que non figuren como director de ningunha longametraxe realizada e que non teñan recibido axudas á realización de curtametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic, sen prexuízo de reasignar as adxudicacións entre os demais solicitantes se non hai suficientes proxectos que acaden a puntuación exixida. Na modalidade C reservaranse dous proxectos para aquelas solicitudes cuxo director non teña recibido subvencións á realización de longametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic.

5. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Décimo terceira. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración que aplicará a comisión serán os seguintes:

1.1. Modalidade A: escrita de guión. Establécese un máximo de 30 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

a) Orixinalidade da proposta. Ata 15 puntos outorgados proporcionalmente atendendo á seguinte distribución: creatividade da proposta (5 puntos), potencial contribución á diversidade do panorama audiovisual galego en canto a temática (5 puntos), tratamento narrativo ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes (5 puntos).

b) Contribución cultural. Obterá puntuación aquela proposta que cumpra dous dos seguintes requisitos: que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, que poña en valor o talento creativo e artístico galego, que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega, que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia, que a acción se desenvolva en Galicia, que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego (5 puntos).

c) Viabilidade cinematográfica. Posibilidades de realización da proposta en base a súa temática, grao de dificultade das localizacións de rodaxe ou medios técnicos e humanos necesarios para levala a cabo. Máximo 10 puntos, asignados proporcionalmente tendo en conta os aspectos citados.

1.2. Modalidade B (curtametraxes): máximo 30 puntos, coa seguinte distribución:

a) Calidade e creatividade do proxecto. Ata 15 puntos outorgados proporcionalmente atendendo á seguinte distribución: creatividade da proposta (5 puntos), potencial contribución á diversidade do panorama audiovisual galego en canto a temática (5 puntos), tratamento narrativo ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes (5 puntos).

b) Contribución cultural. Obterá puntuación aquela proposta que cumpra dous dos seguintes requisitos: que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, que poña en valor o talento creativo e artístico galego, que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega, que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia, que a acción se desenvolva en Galicia, que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego (5 puntos).

c) Viabilidade cinematográfica. Posibilidades de realización da proposta con base na súa temática, grao de dificultade das localizacións de rodaxe ou medios técnicos e humanos necesarios para levala a cabo: ata 10 puntos, outorgados proporcionalmente aos criterios citados.

1.3. Modalidade C (longametraxes): máximo 30 puntos, coa seguinte distribución:

a) Calidade e creatividade do proxecto. Ata 15 puntos outorgados proporcionalmente atendendo á seguinte distribución: creatividade da proposta (5 puntos), potencial contribución á diversidade do panorama audiovisual galego en canto a temática (5 puntos), tratamento narrativo ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes (5 puntos).

b) Contribución cultural. Obterá puntuación aquela proposta que cumpra dous dos seguintes requisitos: que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, que poña en valor o talento creativo e artístico galego, que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega, que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia, que a acción se desenvolva en Galicia, que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego: 5 puntos.

c) Viabilidade cinematográfica. Posibilidades de realización da proposta con base na súa temática, grao de dificultade das localizacións de rodaxe ou medios técnicos e humanos necesarios para levala a cabo: ata 5 puntos, outorgados proporcionalmente aos criterios citados.

c) Orzamento. Teranse en conta o deseño e a coherencia do orzamento presentado con respecto ao proxecto. Ata 3 puntos, outorgados proporcionalmente.

d) Estratexia de difusión. Terase en conta a presentación dunha estratexia e a coherencia das accións deseñadas para a difusión da obra (2 puntos).

Décimo cuarta. Resolución

1. Unha vez cumprido o disposto nas cláusulas anteriores, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164) deberá ditar resolución expresa, no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo quinta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Ademais, a entidade beneficiaria poderá enviar, no prazo de dez (10) días desde a notificación da subvención concedida, un plan económico adaptado á subvención concedida, para o suposto de que esta fose inferior á contía solicitada, e pola diferenza entre ambas as cantidades.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Décimo sexta. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Na documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web, etc., farase constar que recibiu unha subvención por parte da Agadic coa súa imaxe corporativa.

4. Os beneficiarios dan a autorización expresa a Agadic para a utilización da produción subvencionada co obxecto da súa socialización, nas actividades de promoción e difusión que lle corresponden. Nas modalidades B e C, nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «Coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

5. Así mesmo, estarán obrigados a facilitarlle á Agadic copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (guión definitivo, carteis, fotografías, músicas, capas e outros materiais).

Decimo sétima. Xustificación

1. O prazo de xustificación da subvención rematará, para as modalidades A e B, o 15 de setembro de 2018 e para a modalidade C, o 30 de xullo de 2019. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante á Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

2. O beneficiario deberá entregar no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), unidade adscrita á Agadic, como filmoteca oficialmente recoñecida pola Xunta de Galicia en canto que arquivo fílmico que exerce as funcións de recuperación, investigación e conservación do patrimonio cinematográfico correspondente, o seguinte: unha copia do guión no caso da modalidade A e un arquivo na máxima calidade de rodaxe ou gravación, preferiblemente DCP, no caso das modalidades B e C.

3. O beneficiario deberá presentar no Rexistro Xeral da Agadic, dentro do prazo de xustificación, a memoria xustificativa da realización da subvención de creación audiovisual, que conterá:

a) Unha memoria de actuación con indicación das actividades realizadas para a escrita do guión, realización da curtametraxe ou longametraxe.

b) Unha copia do guión definitivo no caso da modalidade A e no caso de curtametraxes e longametraxes procederase á entrega de unha copia en DVD en perfecto estado.

c) Inscrición no Rexistro de Propiedade Intelectual cotexado ou compulsado.

d) Autorización para a socialización da actividade subvencionada con fins culturais e de promoción do audiovisual galego, por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais.

e) Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios fiscais, e durante o exercicio fiscal en curso, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación (anexo II).

f) Ademais do anterior, para a modalidade C, unha memoria económica, que se corresponderá co orzamento presentado, que conterá:

– Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúa o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

– Contratos mercantís e relativos á adquisición de dereitos.

– Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

– Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento polo beneficiario, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

Son gastos xustificables os que de maneira indubidable respondan á realización da longametraxe, por unha cantidade equivalente ao importe da subvención concedida. Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde o 1 de xaneiro de 2018 e a data máxima de xustificación establecida na convocatoria. En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 5 % do importe da subvención, en concepto de gastos de amortización de material informático e audiovisual directamente relacionado coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

– A adquisición do material deberá producirse durante o período subvencionable.

– Para o cálculo do importe que se amortizará, dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción.

– Será imprescindible a presentación da correspondente factura de compra dos bens que se pretendan amortizar, así como a xustificación do seu pagamento, cotexadas ou compulsadas.

3. Non serán gastos subvencionables:

a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

b) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.

c) Gastos de subcontratación con empresas vinculadas

Décimo oitava. Pagamento

1. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e no 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá abonar, a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios en concepto de pagamento anticipado, as seguintes contías:

– Ata o 80 % da subvención concedida nas modalidades A e B.

– Para a modalidade C, o importe adxudicado na anualidade 2018, sempre e cando non supere o 50 % da subvención concedida.

Para facer efectivo o pagamento, o beneficiario deberá enviar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II) , e unha memoria do estado de execución do proxecto.

2. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O importe restante será aboado tras o cumprimento dos requisitos enumerados na cláusulas décimo sexta e décimo sétima destas bases.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

5. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto deberá ser autorizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, e non poderá afectar aspectos avaliados pola comisión.

6. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II).

7. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

8. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Décimo novena. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, motivadamente, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésima. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file