Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2018 Páx. 11217

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2018 pola que se convoca a xornada Auditoría do sector público.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, en colaboración co Colexio de Economistas da Coruña, a xornada «Auditoría do sector público», de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O escenario no que as administracións públicas desenvolven a súa actividade, e a súa interrelación co sector privado, foi obxecto dunha adaptación da súa regulación para garantir a transparencia e a integridade na xestión, e para establecer mecanismos de control máis rigorosos.

Neste sentido, 2017 foi un ano referente en canto ás novidades normativas neste ámbito. A Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, que entrará en vigor o próximo mes de marzo de 2018, entre outras novidades, suprime a posibilidade de contratación sen publicidade, incorpora a obriga da factura electrónica e a posibilidade de pagamento directo da Administración aos subcontratistas.

Doutra banda, o Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do sector público local, persegue un control financeiro-orzamentario máis rigoroso e dá entrada ás auditorías públicas neste eido.

Este real decreto entrará en vigor o 1 de xullo de 2018 e as auditorías de contas previstas nel realizaranse sobre as contas anuais cuxo exercicio contable se peche a partir do 1 de xaneiro de 2019, estando sometidas ás normas de auditoría do sector público aprobadas pola Intervención Xeral da Administración do Estado e ás normas técnicas que as desenvolvan.

O obxectivo principal desta xornada é abordar os aspectos máis relevantes da nova normativa e as implicacións da súa entrada en vigor.

2. Contidos.

Nesta xornada trataranse, entre outros, os seguintes temas:

• A nova Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

• A regulación do control interno das entidades do sector público local. A auditoría pública nas entidades locais.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia; colexiados/as do Colexio de Economistas da Coruña; auditores/as; profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 9 de marzo de 2018.

Horario: de mañá.

Duración: 5 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

As persoas solicitantes que sexan persoal empregado público, agás as que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, deberán acreditar por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal a súa condición de persoal empregado público na data de publicación desta convocatoria.

As persoas solicitantes que sexan colexiadas do Colexio de Economistas da Coruña ou auditores/as deberán tamén acreditalo por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal.

O prazo para a inscrición e para a remisión da antedita documentación, estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 1 de marzo de 2018.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes, dando preferencia ao persoal empregado público.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na epígrafe desta xornada da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe provisional de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Poderán presentarse alegacións, remitindo un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, no prazo de dous días naturais contados desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe desta xornada da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas nesta actividade.

9. Matrícula.

Publicada a listaxe definitiva, as persoas seleccionadas que teñan que proceder ao pagamento de matrícula procederán a aboar o importe da matrícula no número de conta do Colexio de Economistas da Coruña, segundo o importe, instrucións e prazo indicados na web do Colexio de Economistas da Coruña: http://www.economistascoruna.org/.

Os importes da matrícula serán os seguintes:

• Persoal empregado público: matrícula gratuíta.

• Auditores/as inscritos/as no REA-Auditores Consejo General Economistas: 40 €.

• Membros de FIASEP: 40 €.

• Colexiados/as do Colexio de Economistas da Coruña: 50 €.

• Profesionais e persoas interesadas en xeral: 80 €.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

10.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

10.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

12. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas cuxa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública