Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 2 de xaneiro de 2019 Páx. 97

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

A Comunidade Autónoma, en virtude do artigo 148.1.20 da Constitución española e do artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Xunta de Galicia, na aplicación do principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e accións da súa competencia establece, como un dos criterios xerais da súa actuación, a garantía da dignidade das mulleres e homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero, tal e como recolle o artigo 5 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

De conformidade co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, dispón no seu artigo 39.1 que «a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a existencia dunha prestación económica de carácter periódico dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia». E no punto 2 do mesmo artigo establece que «a Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras, que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais beneficiarias as vítimas de formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a) Violencia física, b) Violencia psicolóxica, e f) Trata de mulleres e nenas, do artigo 3».

A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas dirixidas ás mulleres vítimas de violencia de xénero e que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor, que as obriga á convivencia e lles impide afrontar o seu futuro con independencia do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución, co código de procedemento SI434A, ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

Artigo 2. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e permanecerá aberto con carácter permanente durante todos os exercicios.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal .

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Financiamento

1. Estas axudas financiaranse ao 100 por 100 con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. En todo caso, a súa concesión estará condicionada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria en cada exercicio orzamentario.

2. As axudas concedidas ao abeiro desta resolución aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0, ou aquela que a substitúa no futuro nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e terán carácter plurianual, para o financiamento daquelas axudas, que pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

En ningún caso o importe da plurianualidade superará as porcentaxes previstas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. O crédito que se estableza inicialmente cada ano poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

4. Dado o carácter permanente das presentes bases reguladoras, e salvo que se producira modificación nalgún dos seus artigos que dará lugar á aprobación dunhas novas bases, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para cada ano, unha resolución para convocar a prestación periódica establecida nestas bases reguladoras.

Artigo 4. Contía das axudas

1. A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, de acordo coas seguintes especificacións:

1.1. Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 600 euros/mes.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 650 euros/mes.

c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 700 euros/mes.

d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 700 euros/mes.

e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 800 euros/mes.

f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 800 euros/mes.

1.2. Se os ingresos da solicitante son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 300 euros/mes.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 350 euros/mes.

c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.

d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 400 euros/mes.

e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 500 euros/mes.

f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 500 euros/mes.

2. Non se considerarán a cargo as/os menores emancipados e/ou con ingresos mensuais brutos superiores ao IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Artigo 5. Requisitos das solicitantes

1. Serán requisitos necesarios para poder ser beneficiaria:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación. Estas condicións acreditaranse con algún dos documentos establecidos no artigo 7.2.a) desta resolución.

Para os efectos desta axuda tamén terán a consideración de vítimas de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia «por interpósita persoa», con resultado de morte.

b) Ter cesado a convivencia co agresor, ou coa persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

No caso de violencia vicaria ou violencia «por interpósita persoa», o intervalo temporal de doce (12) meses computarase dende o feito causante.

Nos casos de falecemento do agresor, o intervalo temporal será igualmente de doce (12) meses, tanto para o feito en si do propio falecemento como da ruptura da convivencia.

c) Que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero fora adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

d) No caso de acreditar a situación de violencia de xénero cunha orde de protección ou medida cautelar, esta deberá estar vixente na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda.

e) Estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, cando así se esixa pola lexislación vixente, ter permiso de residencia.

No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.

f) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

2. A solicitante deberá reunir na data de solicitude e manter ata que se resolva esta e durante a súa percepción os requisitos indicados no punto anterior.

3. Non poderán ser beneficiarias da axuda prevista nestas bases reguladoras as mulleres que, reunindo estes requisitos, xa percibiran con anterioridade esta axuda ou a axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Artigo 6. Natureza das axudas e regras para o cálculo da súa contía

1. A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de doce (12) mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período comeza o mes da solicitude. No suposto de que a solicitante estivese percibindo ingresos doutras axudas incompatibles con esta e, atendendo ao disposto no artigo 15 desta resolución, renuncie a elas, detraerase do cómputo total o número de mensualidades coincidentes no período de percepción.

2. A contía que poderá acadar esta axuda establecerase en función das rendas e ingresos da solicitante na data de presentación da solicitude da axuda.

3. Para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas, unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima. Non se terán en conta as rendas individuais do agresor nin a vivenda habitual da vítima.

Consideraranse rendas e ingresos computables os bens, dereitos e rendementos derivados do traballo, do capital mobiliario e inmobiliario, incluíndo os incrementos do patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por filla/o ou menor acollida/o a cargo. Tamén se considerarán os rendementos que poidan deducirse do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o cincuenta por cento do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas sexan computadas.

As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes, computaranse para estes efectos rateándose mensualmente.

Artigo 7. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes, xunto coa documentación, presentaranse na forma e prazos que se indican no artigo 2 desta resolución.

2. A solicitude da axuda deberá presentarse no modelo anexo I, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero derivada de convivencia, de violencia vicaria, ou de situación de dominación no caso de vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, mediante algún dos documentos seguintes:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e /ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente no que conste a existencia dos ditos indicios.

4º. Informe das Forzas e Corpos de Seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

5º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local no que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data na que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación respectivamente.

6º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local no que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data na que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación respectivamente.

No caso de que para a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero se presente algún dos documentos recollidos nos puntos anteriores, e non conste que a situación de violencia ocorre nunha relación de convivencia, deberase achegar ademais un informe dos servizos sociais da Administración autonómica ou local que o acredite ou, no seu defecto, a declaración responsable da solicitante, recollida no anexo I de solicitude. En ambos casos, deberá constar a data na que tivo lugar o cesamento da convivencia.

b) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, de ser o caso (nómina, recibo ou resolución de calquera tipo de prestación ou subsidio,...), segundo o previsto no artigo 6.3 desta resolución.

c) No caso de discapacidade da solicitante e/ou das/dos súas/seus fillas/os menores ou menores acollidos, a cargo da solicitante, certificación acreditativa de tal condición, se fose expedida por outra Administración distinta á Xunta de Galicia.

d) No caso de que a solicitante teña ao seu cargo fillas/os menores ou menores acollidas/os, deberá achegar a documentación que se relaciona a seguir:

1º. Libro de familia ou outro documento que acredite os vínculos familiares da solicitante cos/as menores ao seu cargo.

No caso de menores acollidas/os a cargo, deberán achegar a resolución administrativa ou xudicial acreditativa de dita situación, nos supostos en que esta fose expedida por unha administración distinta á Xunta de Galicia.

2º. Se houbese convivencia cos/as menores a cargo presentarase a resolución xudicial de custodia, informe dos servizos sociais, certificado de empadroamento colectivo onde consten todos os membros da unidade familiar ou calquera outra documentación que acredite as responsabilidades familiares e a convivencia.

De non existir convivencia, presentarase o convenio regulador ou resolución xudicial en virtude dos cales exista obriga de alimentos.

Considerarase que existe convivencia naqueles supostos nos que a dita convivencia se atope interrompida por motivos derivados da situación de violencia de xénero. Esta situación deberase acreditar a través de informe dos servizos sociais da administración publica autonómica ou local

3. Anexo II debidamente cuberto, de ser o caso.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. As solicitantes deberán comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se producise nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento no que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a. DNI ou NIE da persoa solicitante.

b. Certificado de residencia legal da persoa solicitante estranxeira.

c. Certificado de residencia da persoa solicitante.

d. Certificado de prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal (área Galicia).

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución administrativa de acollemento familiar emitida pola Xunta de Galicia.

b) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da solicitante e/ou dos/das fillos/as menores a cargo.

c) Grao e nivel de dependencia da solicitante e/ou dos fillos/as menores a cargo.

d) Certificado das percepcións da Renda de Integración Social de Galicia (Risga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá as interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, e sempre que sexa preciso, a Secretaría Xeral da Igualdade requirirá ás solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.

6. Durante a tramitación do procedemento, o órgano instrutor recabará a información necesaria ao obxecto de comprobar que, antes de ditarse a resolución de concesión da axuda, se manteñen os requisitos para ser beneficiaria, especialmente que a orde de protección ou a medida cautelar está vixente, de ser o caso, e que a solicitante non reanudou a convivencia co agresor, ou coa persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación para o caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual.

7. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Resolución e notificación.

1. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 3 desta resolución. De esgotarse o crédito, segundo o establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordarase a inadmisión de posteriores solicitudes e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web. De producirse o esgotamento do crédito nunha data na que existan varias solicitudes que cumpran os requisitos para a concesión da axuda, establécense os seguintes criterios de prioridade e por esta orde, para a súa resolución:

1º. Menores ingresos brutos en cómputo mensual, segundo o artigo 6 da presente resolución.

2º. Maior grao de discapacidade da solicitante e/ou das/dos fillas/os menores e/ou menores en acollida a cargo.

3º. Maior número de fillas/os menores e/ou menores en acollida a cargo.

4º. Maior idade da solicitante

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco (5) meses que se computarán a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. A duración e contía das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

10. A secretaria xeral da Igualdade poderá modificar ou suspender a concesión no caso de que varíen as condicións que a motivaron. As resolucións de concesión, denegación, modificación e/ou suspensión ditadas notificaránselles ás interesadas e terán que ser motivadas.

11. As resolucións ditadas esgotan a vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaría xeral da Igualdade, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta fora expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto

Artigo 11. Pagamento das axudas

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía da axuda concedida aboaráselles ás beneficiarias en pagamentos periódicos por mensualidades vencidas. O primeiro pagamento consistirá nun aboamento polo importe total dos atrasos que, de ser o caso, lle corresponderan segundo as mensualidades que figuren na resolución de concesión.

2. Ao obxecto de comprobar que non se producen variacións das circunstancias da concesión, que se cumpren as obrigas establecidas e, en todo caso, que a beneficiaria non reanuda a convivencia co agresor ou, no caso de vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, con persoa/persoas que mantivera sobre ela unha relación de dominación, ou que solicita deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes, o órgano xestor, durante o período de pagamento, poderá recabar canta información estime necesaria, a través do Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP), de informe dos servizos sociais da Administración local ou autonómica, ou por calquera outro medio con validez legal.

3. O pagamento das axudas reguladas nesta disposición farase unicamente na conta bancaria que as solicitantes fixesen constar na solicitude, debendo permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, non facéndose responsable a Administración da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artigo 12. Modificación e suspensión da axuda

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación ou suspensión da resolución da concesión.

2. Sen prexuízo do disposto nesta resolución, o órgano xestor poderá iniciar un procedemento de revisión no momento no que teña constancia, ben a través das actuacións levadas a cabo no seguimento das axudas previstas no artigo 16 desta resolución, ben a través de calquera outro medio de comprobación, de que variaron as circunstancias da concesión, ou cando a dita comprobación non sexa posible. A apertura deste procedemento pode establecer a suspensión provisional dos pagamentos ata que se dite resolución definitiva de modificación ou de suspensión da concesión, ou se deixe sen efecto a dita suspensión, por comprobación do mantemento das circunstancias iniciais, e se reinicien os pagamentos pendentes.

3. Iniciado o procedemento de revisión recollido no apartado anterior, e transcorridos dous meses dende a suspensión provisional da axuda con imposibilidade de contactar coa beneficiaria da mesma, procederase á suspensión definitiva logo da correspondente resolución de suspensión da concesión.

4. En todo caso, se durante a percepción da axuda, o órgano xestor ten constancia do traslado da residencia da beneficiaria fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, de que a beneficiaria reanudou a convivencia co agresor, ou no caso de vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual con persoa/persoas que mantivera sobre ela unha relación de dominación, ou de que a beneficiaria solicitou deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes, procederá resolver a suspensión definitiva da axuda. Poderán ser excepcionadas da suspensión definitiva da axuda aquelas mulleres que, por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero e trata de seres humanos con fins de explotación sexual, se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe, dos servizos de acollida ou dos servizos sociais da Administración pública galega autonómica ou local, ou informe xudicial, do Ministerio fiscal ou das forzas e corpos de seguridade.

5. No suposto de que durante a percepción da axuda se produza un incremento de ingresos e, como consecuencia, se superen os límites de referencia tidos en conta para o seu cálculo inicial procederase á modificación da concesión polo período restante da axuda, minorándose o seu importe para a súa regularización.

No caso de que o incremento de ingresos determine que se supera o límite establecido no artigo 5.1.f) desta resolución resolverase a suspensión da axuda.

Artigo 13. Reintegro

1. O órgano xestor poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro, total ou parcial e dos xuros de demora devendicados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos esixidos para a súa concesión ou falseando ou ocultando feitos ou datos que tivesen impedido a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedinte copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 14. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas esixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. As beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle ao órgano concedente calquera cambio das circunstancias que xustificaron a concesión da axuda, tan pronto como se produciran e, en todo caso, a actualizar e remitirlle con carácter semestral as declaracións responsables recollidas no anexo III.

3. As beneficiarias quedan obrigadas a manter a residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia durante a percepción da axuda, agás aquelas mulleres que por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero ou/e de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional, sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe dos servizos de acollida ou dos servizos sociais, da Administración pública galega autonómica ou local, ou de informe xudicial, do Ministerio fiscal ou das forzas e corpos de seguridade, así como a comunicar, con carácter previo, calquera cambio de enderezo que se produza durante o mesmo período.

4. As beneficiarias quedan obrigadas a participar nos programas de formación, inserción laboral, busca activa e mellora de emprego, así como en calquera outro que determine a Secretaría Xeral da Igualdade, directamente ou en colaboración con outras administracións ou entidades.

Artigo 15. Incompatibilidades

1. As axudas reguladas nesta disposición serán incompatibles con calquera outra establecida polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades ou por calquera entidade privada destinadas ao mesmo fin.

2. Cando a solicitante teña solicitada a renda activa de inserción por vítima de violencia de xénero (RAI) fará constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas recollida no anexo I de solicitude.

2.1. Cando a solicitante perciba a RAI, deberá facer constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas recollida no anexo I de solicitude, xa que, de teren dereito a esta axuda, e por seren incompatibles, o órgano xestor concederalle un prazo de cinco (5) días para que manifeste a súa opción, indicándolle que as mensualidades coincidentes no período de percepción de ambas as dúas axudas minoran no mesmo número de meses a axuda regulada nesta disposición. Transcorrido o prazo de cinco (5) días dende a data de recepción do escrito de opción pola solicitante sen recibir ningunha comunicación ao respecto no órgano xestor, este procederá á resolución por incompatibilidade e ao arquivo do expediente.

2.2. No caso de que a interesada solicite ou perciba a RAI con posterioridade á presentación da solicitude desta axuda deberá comunicalo de xeito inmediato, para os efectos do establecido no apartado anterior. agás no caso de que autorice expresamente á Secretaría Xeral da Igualdade a consulta de datos que obren en poder do Servizo Público de Emprego Estatal.

3. As solicitantes deberán ter en conta que as normas reguladoras de axudas tales como a renda de integración social de Galicia (Risga), as pensións non contributivas e aqueloutros subsidios percibidos por carencia de recursos teñen límites de percepción de ingresos distintos aos establecidos nesta resolución para a percepción destas axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, polo que no momento de recibir a notificación de concesión deberán comunicalo aos organismos responsables da xestión das axudas que estivesen a percibir.

Artigo 16. Seguimento e control

1. O seguimento das axudas concedidas será realizado polo persoal especializado que determine a secretaria xeral da Igualdade, e incidirá especialmente nos aspectos que se relacionan a continuación, ademais daqueloutros que se consideren salientables:

a) Avaliación e control da súa aplicación, que comprenderá os documentos referidos no artigo 11.2 desta resolución e un informe anual sobre a situación das beneficiarias. En todo caso, velarase polo cumprimento dos requisitos polos que se concedeu a axuda durante todo o período de percepción.

b) Apoio e orientación ás beneficiarias para acadar canto antes a súa plena autonomía.

Artigo 17. Infraccións e sancións

As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 881 99 91 64 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 19. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza-Secretaría Xeral da Igualdade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público, no exercicio de poderes públicos e no cumprimento de obrigas no ámbito da protección social do responsable do tratamento, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e demais normativa de aplicación, e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos . Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia, de ser o caso, no devandito formulario.

3. A Secretaría Xeral da Igualdade comunicará aos organismos competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou resulte accesible a través dos seus sistemas que sexa estritamente necesaria, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. En particular, poderá levar a cabo as seguintes comunicacións de datos:

– A outras Administracións públicas estatais, autonómicas e locais no exercicio das súas competencias, coa finalidade de permitir a comprobación da súa condición de beneficiaria desta axuda.

– Ao centro de referencia sinalado pola solicitante (CIM, servizos sociais, centro de acollida, etc.), para a xestión da concesión da axuda, incluíndo a verificación do cumprimento dos requisitos esixidos para a percepción da axuda, o cumprimento das obrigas, e como medio de contacto coa persoa beneficiaria.

4. A Secretaría Xeral de Igualdade accederá á información pertinente do eido de Xustiza, do Servizo Público de Emprego, dos organismos competentes en materia tributaria e da Seguridade Social, e aqueloutra que resulte necesaria coa finalidade de verificar o cumprimento e mantemento dos requisitos e obrigas para ser beneficiaria desta axuda.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común para a presentación de documentos que as persoas interesadas dirixan ás administracións públicas, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

6. A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

7. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional primeira

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente resolución poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional segunda

As presentes bases reguladoras terán carácter permanente. Non obstante, no caso de ser preciso, procederase á súa modificación nos termos regulamentariamente establecidos.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Resolución do 17 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file