Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2019 Páx. 10698

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2019 pola que se publica o plan de formación para o primeiro semestre do ano 2019 para o persoal da Garda Civil con destino en Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade do Estado destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, publícase o plan de formación para o segundo semestre deste ano para o persoal da Garda Civil con destino en Galicia

A Agasp desenvolverá en colaboración directa coa Zona XV da Garda Civil os seguintes cursos dirixidos ao seu persoal, cuxas bases se especifican no anexo I desta resolución:

Denominación do curso

Horas

Núm. de alumnos

Edicións

Soporte vital básico e manexo de desfibriladores

8

16

1

III Curso mandos tráfico e seguridade viaria en Galicia

24

20

1

Especialización monitores patio

16

25

2

Lexislación marítima galega

8

30

1

Técnicas Osinit

8

30

1

Fraude electrónico. Estafas en internet

8

30

1

Recolección de evidencias dixitais: correos electrónicos e outros

16

30

1

Primeiros auxilios en accidentes de buceo

24

10

1

Básico manipulador de produtos fitosanitarios

25

25

1

Condución evasiva

12

12

1

Procedemento de revogación e denegación de licenzas de armas

8

27

1

Piloto de drons no eido policial

95

25

1

A Estrada, 12 de febreiro de 2019

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios

Persoal da Garda Civil destinado en Galicia en servizo activo.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de considerarse oportuno, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia con competencias directas na materia que se vai desenvolver; reservaranse expresamente prazas para eles.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Lugar e datas

Os cursos desenvolveranse nas instalacións da Agasp.

As datas de cada curso, estableceranse polo menos cunha antelación de 20 días naturais antes da súa realización, e desde a zona comunicaráselles a todas as unidades para o coñecemento de todos/as os/as interesados/as.

Terceira. Solicitudes e criterios xerais de selección

As solicitudes faranse directamente á sección de persoal da Zona XV da Garda Civil, órgano encargado tamén da selección do alumnado, agás aqueles cursos que sexan convocados por resolución independente da Agasp seguindo as indicacións da Zona XV da Garda Civil.

Os criterios de selección para cada acción formativa, serán os indicados pola sección de persoal da Zona XV da garda Civil, en caso de non haber especificidade algunha, atenderanse criterios de orde de inscrición e número de cursos realizados con anterioridade.

A sección de persoal da Zona XV da Garda Civil, remitirá ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp a listaxe do alumnado participante en cada acción formativa con, polo menos, 5 días hábiles do comezo de cada actividade, con todos os datos precisos para realizar a inscrición de xeito correcto.

Cuarta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto; poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública, poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior; en todo caso, para poder valorar esta posibilidade, non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo, e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo algún.

Quinta. Certificación

Para poder superar os cursos, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao seu remate no caso de que os ditos cursos figuren con aproveitamento.

Sexta. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, os horarios, os contidos e o desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir sen necesidade dunha nova publicación no DOG.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.