Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Venres, 22 de marzo de 2019 Páx. 15624

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Segunda)

EDICTO de publicación de sentenza 436/2017 pola que se anula parcialmente o Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco.

O letrado da Administración de xustiza, Miguel Formoso Sobrado, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fai saber que nos autos de procedemento ordinario nº 4276/2015 foi ditada sentenza, que é firme, desde o 10 de xaneiro de 2019, por inadmisión a trámite do recurso de casación, e é do seguinte teor literal:

«Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Segunda)

A Coruña

Sentenza: 436/2017

Procedemento ordinario nº 4276/2015

En nome do rei

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciou a seguinte sentenza:

Julio César Cibeira Yebra-Pimentel-Pte.

José Manuel Ramírez Sineiro

Blanca María Fernández Conde

María Azucena Recio González

Na cidade da Coruña, 16 de novembro de 2017

No recurso contencioso-administrativo que co número 4276/2015 pende de resolución nesta sala, interposto pola procuradora Ana María Lage Pombo, en nome e representación de Aurelio Sánchez Seoane e Isabel Muñiz Sánchez, asistidos do letrado Diego Antonio Taibo Monelos; contra a Orde do 28 de xullo de 2015 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco. É parte demandada a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, representada e dirixida polos letrados da Xunta de Galicia; codemandada o Concello de Coristanco e Bautista Velo Fernández, representado polo procurador Sr. Castro Bugallo e asistido do letrado Ulises Bertolo García. A contía do recurso é indeterminada.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Admitiuse a trámite o recurso e requiriuse a Administración demandada para que remitise o expediente.

Segundo. Con data do 16 de marzo de 2016 dítase dilixencia de ordenación en que se acorda a súa entrega á parte demandante para que formule a demanda no prazo de 20 días, o cal efectúa pedindo que se teña por formalizada e se dite sentenza pola cal se declare non ser conforme dereito a orde impugnada e, en consecuencia, a modifique condenando a Administración demandada a pasar pola dita declaración e a proceder á declaración de que a parcela con referencia catastral 0722317NH2802S0000QT teña a clasificación de solo urbano na liña de 40 metros desde a liña da vía, igual que o resto dos solos urbanos que neste ámbito o PXOM de Coristanco clasifica, e igualmente a que as parcelas con referencia catastral nº 15029A023005130000DB e 15029A023005140000DY sexan clasificadas como solo rústico de protección agraria.

Terceiro. Por dilixencia de ordenación do 22 de abril de 2016 tívose por presentada a demanda e deuse traslado á demandada para que a contestase no prazo de 20 días, o cal efectuou pedindo que se desestimase o recurso se confirmase a resolución impugnada.

Cuarto. Por Decreto do 9 de xuño de 2016 fixouse a contía do recurso en indeterminada e mediante providencia do 9 de xuño de 2016 declaráronse as actuacións pendentes de sinalamento para votación e sentenza, sinalándose o día 14 de xullo de 2016 para deliberación, mediante providencia do 23 de xuño de 2016 e levantándose o sinalamento a fin de dar traslado ás partes sobre a posible inadmisibilidade do recurso por falta de lexitimación, polo cal se sinalou de novo o 15 de setembro de 2016 por medio de providencia do 2 de setembro de 2016 e foi alzado o sinalamento a fin de practicar emprazamentos; deuse traslado aos codemandados comparecidos a fin de que contestasen a demanda, o cal fixeron pedindo a desestimación da demanda, polo que se sinalou de novo para deliberación o día 9 de novembro de 2017.

Quinto. Na substanciación deste recurso observáronse as prescricións legais.

É relatora a maxistrada María Azucena Recio González.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. O obxecto do presente recurso constitúeo a Orde do 28 de xullo de 2015 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco.

Refírese na demanda que os dous demandantes son propietarios de predios en Coristanco, en concreto Aurelio Sánchez Seoane e Isabel Muñiz Sánchez. E, efectivamente, consta que o primeiro deles o é, pois que achega copia de escritura de propiedade dunha leira en Coristanco, en concreto da Leira dos Campos, da cal non consta máis nada. Dado traslado ás partes sobre a súa posible falta de lexitimación, manifesta a parte demandante que teñen as súas vivendas nun terreo próximo ao dos predios obxecto do recurso. Posto isto en relación coa fundamentación xurídica da demanda e, pola súa vez, coa lexitimación pública en urbanismo, conduce a considerar que si que están lexitimados.

Segundo. Canto ao fondo da demanda, os demandantes non están de acordo coa clasificación dada aos tres referidos predios, que o foron como solo urbano consolidado de actividades industriais, e pretenden que a 0722317NH2802S0000QT só sexa urbano na liña de 40 metros desde a vía estremeira e que as 15029A023005130000DB e 15029A023005140000DY sexan solo rústico de protección agropecuaria porque se está a beneficiar os titulares desas parcelas, dado que o solo urbano se deslindou doutra forma no resto das parcelas, en que se fixou un fondo duns 40 metros da vía, mentres que a estes tres se lles fixa unha distancia de 110 metros da vía. E, ademais, manifestan que a actividade que realiza Salvelo, S.L., química, non é recomendada no ámbito residencial. Que nos predios 0722317NH2802S0000QT e 15029A023005130000DB existe unha nave industrial e que a ampliaron sendo solo urbanizable non delimitado de uso residencial APU-R3, polo que se lle aplicaba o réxime do solo rústico, e se achega resolución pola que se acorda a reposición da legalidade por esas obras de ampliación, consecuencia da denuncia dos demandantes, e sosteñen que para legalizar a nave, eses terreos se inclúen como solo urbano consolidado de actividades industriais. E que non se respecta o trazado do linde do resto das parcelas porque a liña de deslindamento era de 40 metros á estrada, e aquí se sitúa en 110 metros, de forma que o fondo de solo urbano é de 110 metros desde a estrada, polo que entenden que non existe equidade e preséntase informe pericial en apoio da súa tese.

Continúase sinalando na demanda que á 0722317NH2802S0000QT se lle engaden os predios 513 e 514, a 15029A023005130000DB e 15029A023005140000DY, que se clasifican como solo urbano sen xustificación. Que son parcelas que carecen de servizos e que estas dúas últimas deberían continuar a ser solo rústico de protección agraria. Ademais, que a actividade industrial desa empresa non é recomendable no ámbito residencial, é unha actividade química industrial de produtos perigosos. As construcións son ilegais por resolución administrativa. E, ademais, permíteselles unha maior edificabilidade.

No referido informe sinálase que xa no anterior plan se separaba o solo rústico do urbano cunha liña de deslindamento paralela á estrada de Xaviña, duns 40 metros. A esta parcela agora concédeselle un fondo de parcela de 110 metros desde a estrada. Con esta ampliación intégrase a parcela no solo urbano e engádenselle outras dous parcelas, sen xustificar esta falta de equidade. As que se engaden son a 513 e 514, 15029A023005130000DB e 15029A023005140000DY, e afirma que non cumpren os requisitos do solo urbano do artigo 11 da LOUGA, e que deberían continuar a ser solo rústico de protección ordinaria-. E que a ordenanza que se aplica, de solo urbano consolidado de actividades industriais, permite unha actividade non recomendada nun ámbito residencial e dentro hai unha construción ilegal, ademais de que se lles concede maior edificabilidade que a media da zona.

E, igualmente, achégase informe sobre a avaliación do risco derivado da actividade desenvolvida na empresa Savelo, respecto do cal cabe adiantar que a empresa xa se encontraba alí, pois o declarado ilegal é a ampliación.

A parte demandada non comparece, mentres que a codemandada, a Administración autonómica, afirma que se trata de solo urbano integrado na malla urbana, consolidado polas edificacións que unen os núcleos de San Roque e O Outeiro e que cumpre os requisitos dos artigos 11 e 12.1.a) da LOUGA. Que na demanda se admite que o criterio para delimitar o solo urbano no lugar da estrada de Xaviña toma como base a delimitación do plan anterior, sinalando unha liña paralela á estrada duns 40 metros e neste caso 110 metros para ter en conta a realidade existente, que é unha bolsa de solo xa transformada e cun uso que require dunha maior superficie que a que derivaría de trazar unha liña paralela a 40 metros da vía, que non se xera acceso pola parte posterior das parcelas e que a vía delimita tamén no novo plan a zona urbana. Que se trata de solo urbano consolidado de actividades fabrís que se rexe pola Ordenanza SU-5, que non contén determinacións incompatibles co uso residencial estremeiro e admítese o uso industrial, loxístico e de almacenaxe, compatibles co uso residencial e compatible co núcleo de San Roque, como noutras parcelas do núcleo. Como consecuencia, as parcelas catastrais 0722317NH2802S0000QT, 15029A023005130000DB e 15029A023005140000DY son clasificadas como solo urbano de actividades industriais no ámbito da ordenanza SU-5. O que pretende a parte demandante é que a primeira sexa solo urbano só na liña de 40 metros desde a vía estremeira e que as outras dúas sexan solo rústico de protección agropecuaria, pero que é solo urbano consolidado, ben que se basean os demandantes na discriminación a favor dos titulares destas parcelas.

O codemandado sinala que non hai fixada unha traxectoria continua do linde que delimite o solo urbano a 40 metros da estrada; esa delimitación faina o plan respectando as parcelas preexistentes –ver o plano, páxina 21 do pdf, número 6.15, parte 5 do expediente. Hai saltos en función das parcelas. E hai máis naves, en solo urbano, en color morado, de uso industrial. Foron respectadas as parcelas. Que non se pode comparar o uso residencial co industrial, senón que a comparación debe ser dentro do uso industrial, e todas as que conforman conxunto industrial son solo urbano. Seguiuse o criterio xeral de respectar todas as naves preexistentes dedicadas a actividades industriais e comerciais, non só para a nave do codemandado. Hai varias categorías de uso industrial no plan e pódense manter os usos existentes.

Terceiro. Segundo o teor do artigo 11 da Lei 9/2002, “1. Os plans xerais clasificarán como solo urbano, incluíndoos na delimitación que para tal efecto establezan, os terreos que estean integrados na malla urbana existente sempre que reúnan algún dos seguintes requisitos:

a) Que conten con acceso rodado público e cos servizos de abastecemento de auga, evacuación de augas residuais e subministración de enerxía eléctrica, proporcionados mediante as correspondentes redes públicas con características adecuadas para servir a edificación existente e a permitida polo plan.

Para estes efectos, os servizos construídos para a conexión dun sector de solo urbanizable, as estradas e as vías da concentración parcelaria non servirán de soporte para a clasificación como urbanos dos terreos adxacentes, salvo cando estean integrados na malla urbana.

b) Que, aínda carecendo dalgúns dos servizos citados no número anterior, estean comprendidos en áreas ocupadas pola edificación, ao menos nas dúas terceiras partes dos espazos aptos para ela, segundo a ordenación que o plan xeral estableza.

2. Para os efectos da presente lei, considéranse incluídos na malla urbana os terreos que dispoñan dunha urbanización básica constituída por unhas vías de acceso e comunicación e unhas redes de servizos das cales poidan servirse os terreos e que estes, pola súa situación, non estean desligados do tecido urbanístico xa existente”.

E no seu artigo 12 establece as categorías de solo urbano ao dicir que “Os plans xerais diferenciarán no solo urbano as seguintes categorías:

a) Solo urbano consolidado, integrado polos soares, así como polas parcelas que, polo seu grao de urbanización efectiva e asumida polo planeamento urbanístico, poidan adquirir a condición de soar mediante obras accesorias e de escasa entidade que poden executarse simultaneamente coas de edificación ou construción.

b) Solo urbano non consolidado, integrado pola restante superficie de solo urbano e, en todo caso, polos terreos en que sexan necesarios procesos de urbanización, reforma interior, renovación urbana ou obtención de dotacións urbanísticas con distribución equitativa de beneficios e cargas, por aqueles sobre os cales o planeamento urbanístico prevexa unha ordenación substancialmente diferente da realmente existente, así como polas áreas de recente urbanización xurdida á marxe do planeamento”.

Con respecto á parcela 1, non discuten os demandantes que é solo urbano. O que si discuten é que se amplíe a 110 metros. E para as parcelas 2 e 3, entenden que non é solo urbano, e conclúen considerando que o que pretende o plan é legalizar clasificando terreos como solo urbano consolidado de actividades industriais, eludindo a traxectoria do linde.

Na resolución da APLU, ditada en expediente de reposición da legalidade pola realización de obras de ampliación de nave de produtos químicos en solo urbanizable de uso residencial non delimitado, en tanto non teña plan de sectorización é solo rústico, considérase que a ampliación da nave ocupa as parcelas 0722317NH2802S0000QT, 15029A023005130000DB, obras realizadas sen licenza nin autorización autonómica, e ordena a demolición da ampliación –Resolución do 17 de outubro de 2013–.

Débese ter en conta a circunstancia de que conforme o disposto no artigo 71.2 da LXCA, non é posible que o órgano xurisdicional dea redacción aos preceptos dunha disposición xeral, sen prexuízo de que, de estimarse a demanda, o que procedería sería a conclusión de que con relación aos predios 15029A023005130000DB e 15029A023005140000DY deben recobrar a clasificación que tiñan no planeamento anterior.

Conforme resulta do informe da parte demandante, trátase de solo urbano consolidado de actividades industriais neste plan impugnado. Antes era solo urbanizable non delimitado de uso residencial. Para clasificar o solo urbano neste plan, con carácter xeral seguiuse a liña dos 40 metros, respectando o trazado do anterior plan de ordenación, en que se separaba o solo rústico do solo urbano nas parcelas con uso residencial, trazando unha liña de deslindamento paralela á estrada de Xaviña, de aproximadamente 40 metros, en ocasións recollendo as parcelas completas e en ocasións dividíndoas se o fondo de parcela for superior. Dedúcese a existencia de criterios irregulares, falta de equidade, non se respecta o deslindamento do solo urbano para esta parcela e incorpóranse dúas parcelas de solo rústico, cando o criterio do novo plan é respectar a liña do anterior ao delimitar o solo urbano e que a liña vai paralela á estrada, duns 40 metros, e que só na parcela do demandante se varía ese criterio, lle amplía o fondo de parcela a 110 metros desde a estrada e isto implica que toda a parcela sexa solo urbano e integre outros dous predios na súa traseira, que eran rústicos de protección agropecuaria e sen servizos, que pasan a ser solo urbano. A parte demandada considera que se trata dunha bolsa de solo xa transformada, pero os informes periciais da demandante sinalan o contrario.

É certo que, conforme sinala a parte demandada, hai varias categorías de solo industrial e, en ocasións, se permite a compatibilidade co uso residencial; e para delimitar o solo urbano, en principio, o plan impugnado segue a mesma liña que o anterior: a liña paralela á estrada, de 40 metros, aproximadamente. É certo que na parcela da demandante se estende 110 metros, a toda a parcela e abrangue as dúas parcelas posteriores.

De todo o exposto resulta a discriminación non xustificada a favor das parcelas contra cuxa clasificación se recorre, por canto, sendo a liña de deslindamento a marcada polos 40 metros, igual que no planeamento anterior, e aínda que se respecta no novo, para a parcela 0722317NH2802S0000QT ampíase a 110 metros inxustificadamente. Isto non pode deixar de pórse en relación coa existencia dunha resolución da APLU que declara a ilegalidade das obras realizadas, de ampliación da nave, e que ordena a súa demolición. É por isto que non é conforme dereito a incorporación, ademais e sen a debida xustificación, doutras dúas parcelas ás cales se lles atribúe a mesma clasificación, polo que procede a estimación da demanda no senso de entender inxustificada a extensión da liña de deslindamento do solo urbano, así como a decisión de incluír as outras dúas parcelas, que por isto deben continuar a ter a clasificación que tiñan no planeamento anterior.

Cuarto. Con imposición do pagamento das custas procesuais á parte demandada e codemandada, dentro do límite de 1.500 euros para cada unha delas con relación aos honorarios do letrado da parte demandante (artigo 139 da LXCA).

Vistos os artigos citados e demais preceptos de xeral e pertinente aplicación,

Decidimos estimar o recurso contencioso-administrativo interposto pola procuradora Ana María Lage Pombo, en nome e representación de Aurelio Sánchez Seoane e Isabel Muñiz Sánchez, contra a Orde do 28 de xullo de 2015 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco; e declaramos non ser conforme dereito a orde impugnada, no aspecto concreto referente ás parcelas obxecto do presente recurso, polo que procede a declaración de que a parcela con referencia catastral 0722317NH2802S0000QT ten a clasificación de solo urbano exclusivamente na liña de 40 metros desde a liña da vía, igual que o resto de solos urbanos que neste ámbito o PXOM de Coristanco clasifica, e igualmente que as parcelas con referencia catastral nº 15029A023005130000DB e 15029A023005140000DY non son solo urbano, de forma que, como consecuencia da anulación do plan impugnado neste aspecto concreto, recobran a clasificación que tiñan no anterior planeamento.

Con condena en custas á parte demandada e codemandada dentro do límite referido na fundamentación xurídica da presente resolución.

Contra esta sentenza cabe interpor, ben ante o Tribunal Supremo ben ante a correspondente sección desta sala, o recurso de casación previsto no artigo 86 da LXCA, que se deberá preparar mediante escrito que se presentará nesta sala no prazo de trinta días e cumprindo os requisitos indicados no artigo 89.2 da lei citada.

Firme a presente resolución, devólvase o expediente administrativo á oficina da súa procedencia, xunto con certificación e comunicación.

Así se acorda e asina».

Seguen sinaturas e dilixencia de publicación, tamén asinada.

E para publicar no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 107.2 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, expido e asino este edicto.

A Coruña, 1 de marzo de 2019

José Miguel Formoso Sobrado
Letrado da Administración de xustiza