Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Venres, 22 de marzo de 2019 Páx. 15599

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2019 pola que se convoca o curso monográfico O patrimonio cultural como instrumento de desenvolvemento sustentable e de relevancia turística.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico O patrimonio cultural como instrumento de desenvolvemento sustentable e de relevancia turística, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

Este curso monográfico ten como finalidade analizar os cambios normativos producidos coa aprobación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e a configuración da protección do noso patrimonio cultural, con especial referencia ao planeamento urbanístico. De igual forma, adiántanse as futuras modificacións que na protección do patrimonio cultural e na elaboración do planeamento urbanístico suporá a futura Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, en tramitación parlamentaria.

Estudaranse tamén aspectos novos como a inclusión da lingua e da toponimia por vez primeira na lei como patrimonio cultural inmaterial, falarase dos retos no ámbito arquivístico e bibliotecario e afondarase no patrimonio inmaterial escasamente tratado e no patrimonio arqueolóxico.

Esta actividade resulta esencial para todo o persoal ao servizo de calquera das administracións públicas encargado do estudio e aprobación de plans urbanísticos, en especial para o persoal ao servizo da Administración local encargado da elaboración do planeamento municipal, da tramitación das licenzas urbanísticas, da súa concesión, persoal dos seus servizos xurídicos, membros das súas escalas de arquitectos/as, enxeñeiros/as, arqueólogos/as ou membros dos colexios profesionais de arquitectos/as, avogados/as e enxeñeiros/as.

2. Contidos.

Como temas principais que se van tratar neste curso monográfico destacan os seguintes.

• O Camiño de Santiago, elemento vertebrador do patrimonio cultural e do turismo.

• A repartición competencial en materia de patrimonio cultural e turismo.

• A protección legal e xurisprudencial do patrimonio cultural.

• O patrimonio cultural e o planeamento urbanístico: o Camiño de Santiago, as modificacións da futura Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

• O patrimonio inmaterial de Galicia.

• A lingua e a toponimia como patrimonio inmaterial.

• O patrimonio arqueolóxico.

• O patrimonio cultural e o turismo: coordinación das políticas turísticas e de protección do patrimonio cultural, medidas contra a contaminación luminosa.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes instrumentais, das universidades do Sistema universitario de Galicia, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Duración: 12 horas lectivas.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 4 e 5 de abril de 2019.

Horario: 4 de abril, mañá e tarde; 5 de abril, mañá.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 31 de marzo de 2019.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

7. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación das relacións do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar neste curso monográfico, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren nas relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública