Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2019 Páx. 25190

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 9 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR352C).

O Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020 desenvólvese no marco do FSE para o período 2014-2020 co obxectivo de dotar de instrumentos a Iniciativa de emprego xuvenil e pór a andar os sistemas de garantía xuvenil co fin de loitar contra o desemprego entre as persoas mozas.

A Recomendación do Consello Europeo do 22 de abril de 2013 define a garantía xuvenil como unha recomendación aos Estados para que velen para que todas as persoas mozas menores de vinte e cinco anos que nin traballan, nin estudan, nin seguen unha formación reciban unha oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedar desempregados ou acabar a educación formal.

No ámbito estatal, o Plan nacional de garantía xuvenil recolle un conxunto de actuacións que logo serán desenvolvidas polos organismos intermedios do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX) dentro do marco do Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

A Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia que regula, entre outros aspectos, a creación dun ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e o proceso de inscrición das persoas mozas, modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para impulsar o Sistema nacional de garantía xuvenil, e polo Real decreto lei 8/2019, do 8 de marzo, de medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo.

Posteriormente, de acordo co establecido no punto catro da disposición derradeira décimo segunda da Lei 25/2015, do 28 de xullo, amplíase a idade máxima de acceso ao Sistema nacional de garantía xuvenil aos maiores de 25 anos e menores de 30, que cumpran cos requisitos recollidos na Lei 18/2014.

Esta convocatoria de subvencións pretende acadar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no mercado laboral e a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89 %. Dentro do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX), eixe prioritario 5, relativo á integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas nin participan en actividades de educación nin formación, en particular no contexto da garantía xuvenil. Este eixe 5 está composto de obxectivos específicos dos cales están afectados por este programa os seguintes:

– Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas ni participan en actividades de educación nin formación, así como as persoas mozas que corren o risco de sufrir exclusión social e as procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto de garantía xuvenil.

– Obxectivo específico 8.2.4. Co que se pretende aumentar a contratación das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, así como das que corren o risco de sufrir exclusión social, desde unha análise das diferentes necesidades da situación das mulleres e homes e a coordinación cos orientadores laborais.

– Medida 8.2.4.2. Axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas durante un período superior a seis meses.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á comunidade autónoma a competencia, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

De acordo co disposto no Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspondéndolle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e control das axudas e subvencións do programa de axudas ás entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Para a Xunta de Galicia a situación de desemprego xuvenil constitúe unhas das súas principais preocupacións e o centro das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego, formando parte da Axenda 20 para o emprego, dentro do Reto 1, os incentivos á contratación.

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo da autorización previa da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos e dos informes da Asesoría Xurídica da área de Emprego, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, autorizada polo Consello da Xunta de Galicia a modificación da porcentaxe e dos importes máximos dos pagamentos anticipados, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta convocatoria ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación durante sete meses de persoas mozas incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (código do procedemento TR352C).

2. Esta convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas que non estivesen traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación, maiores de dezaoito anos, incluídas e beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, mediante a prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que procure a práctica profesional necesaria para a integración sustentable no mercado de traballo.

Artigo 2. Marco normativo

As subvencións que se concedan ao abeiro desta orde terán a consideración de subvencións públicas, polo que se rexerán, ademais do previsto nesta orde, pola seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (UE) núm. 1083/2006, do Consello, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

e) Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Social Europeo, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

f) Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

g) Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

h) Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

i) Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para impulsar o Sistema nacional de garantía xuvenil.

j) Resolución do 29 de xullo de 2015, da Dirección Xeral do Traballo Autónomo, da Economía Social e da Responsabilidade Social das Empresas, pola que se amplía o ámbito de aplicación do Sistema nacional de garantía xuvenil ata os 29 anos.

k) Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

l) Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

m) Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

n) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ñ) Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.

o) Real decreto lei 8/2019, do 8 de marzo, de medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo.

p) Demais normativa que resulte de aplicación e que substitúa a actualmente vixente.

Artigo 3. Réxime de axudas

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, en particular:

a) Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

b) Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas nin participan en actividades de educación nin formación, así como as persoas mozas que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

c) Obxectivo específico 8.2.4. Aumentar a contratación de carácter indefinido das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, a través da intermediación e dos incentivos económicos.

d) Medida 8.2.4.2. Axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas durante un período superior a seis meses.

2. De acordo co anterior, este programa é coherente coa normativa comunitaria no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados que ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios. Utilízase un baremo estándar de custo unitario, tomando como referencia a Orde ESS/974/2013, do 20 de maio, pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 1997, pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións públicas polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito de colaboración con órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, que contraten persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras e servizos de interese xeral e social.

Artigo 4. Financiamento

1. O importe máximo destinado á concesión de subvencións é de 2.500.051 €, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, a través dos créditos consignados na aplicación 09.40.322C.481.5 (código de proxecto 2018 00019).

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde está suxeita á existencia de crédito orzamentario.

3. Os créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde considérase como persoa desempregada aquela que figure inscrita e como beneficiaria no Sistema nacional de garantía xuvenil, maior de 18 anos e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social no momento da selección e da contratación. Para o pagamento destas axudas a comprobación da inscrición no Sistema nacional de garantía xuvenil realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

As persoas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, maiores de dezaoito anos, desempregadas inscritas e beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Entidades beneficiarias. Requisitos

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde, as entidades sen ánimo de lucro que na data de publicación da presente convocatoria estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) na categoría de iniciativa social do dito rexistro e que estean incluídas nalgunha das áreas de actuación recollida no RUEPSS: comunidade (servizos comunitarios), dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade e sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Requisitos dos servizos que se prestarán

Os servizos que se desenvolvan ao abeiro desta orde deberán ser de interese xeral e social e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a duración subvencionada dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 7 meses e a xornada a tempo completo.

Artigo 8. Subvención. Contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar nos termos previstos nos seguintes puntos.

2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador ou traballadora que se contrate, conforme o establecido no parágrafo seguinte, ou a cantidade prevista no convenio colectivo que resulte de aplicación, de ser esta inferior.

3. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes:

a) Módulo A (grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11): 8.703,46 euros.

b) Módulo B (grupos de cotización da Seguridade Social 9 ao 5): 11.604,62 euros.

c) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 4 ao 1): 17.406,92 euros.

4. Establécense como límites á contratación de persoas traballadoras, en función do ámbito territorial de actuación e dos centros da entidade recollidos no RUEPSS, os seguintes:

a) Autonómico con 3 ou máis centros de traballo localizados en 2 ou más provincias da Comunidade Autónoma de Galicia: ata un máximo de 4 contratacións.

b) Autonómico que non cumpra os criterios da letra a): ata un máximo de 3 contratacións.

c) Provincial: ata un máximo de 2 contratacións.

d) Comarcal ou municipal: ata un máximo de 1 contratación.

No caso de existir remanentes orzamentarios tras a aplicación da repartición establecida no parágrafo anterior, poderanse incrementar os máximos establecidos nunha contratación adicional comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta, ata esgotar o crédito dispoñible.

5. A presente regulación é coherente coa normativa no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados e da orde de elixibilidade, e ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas ás entidades beneficiarias.

6. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización e o importe correspondente ao salario dos días en que unha persoa traballadora subvencionada se atope de baixa temporal.

7. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

8. Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.

Artigo 9. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

A entidade deberá indicar no formulario normalizado (anexo I) o grupo de cotización a que pertencen as persoas traballadoras solicitadas. Para cada unha das persoas traballadoras solicitadas deberase consignar na solicitude o CNO a 4 díxitos, que facilite e axilice o proceso posterior de selección. Ademais, recoméndase que os CNO solicitados teñan dispoñibilidade de persoas solicitantes de emprego nas comarcas solicitadas ou en comarcas anexas, para o cal se pón á disposición das entidades a listaxe orientativa de persoas solicitantes, coa codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 4 díxitos, na páxina web http://emprego.xunta.gal/portal/gl/buscador-ocupacions.html para que as entidades poidan adaptar a solicitude á dita listaxe.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

5. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso de presentación de varias solicitudes só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I), deberá anexarse a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determine a dita representación.

b) Certificación do secretario ou secretaria da entidade na cal consten os custos salariais das persoas traballadoras que se pretenden contratar para a realización do proxecto para o que se solicita a subvención. Farase referencia expresa ao convenio colectivo que sexa de aplicación e xuntaranse as táboas salariais vixentes ao momento da solicitude.

c) Se for o caso, certificado de xestión de calidade vixente na data de publicación da convocatoria.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) A disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.

h) Que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas está destinada á prestación de servizos de interese xeral e social, en relación co contido do servizo que se vai realizar.

i) Que a entidade solicitante non ten ánimo de lucro.

j) Que a información da entidade recollida no RUEPSS é certa e está actualizada.

k) O nivel de inserción laboral dos participantes nos dous exercicios anteriores a que se refire o artigo 16.4 na letra a).

l) A calidade e xestión das actuacións nos dous exercicios anteriores a que se refire o artigo 16.4 na letra c).

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Ao ser a notificación por medios electrónicos de carácter obrigatorio entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. A dita relación tamén poderá consultarse na web da consellería de Facenda http://garantiaxuvenil.fondoseuropeos.gal

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por ésta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Na resolución da concesión informaráselle á persoa beneficiaria que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos ou das beneficiarias, así como a outra información recollida no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

Artigo 16. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o servizo de programas de cooperación da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes dos que nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación non se considerarán desestimados e teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, a persoa responsable da xefatura de servizo de programas de cooperación e unha persoa adscrita ao servizo de programas de cooperación, que realizará as funcións de secretario/a.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades que cumpran os requisitos sinalados no artigo 7 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Maior nivel de inserción laboral. Ata 30 puntos. Entenderase como «inserción laboral» aquela que supoña a contratación por conta allea pola entidade solicitante da subvención das persoas traballadoras que participaron en servizos aprobados nos tres últimos exercicios inmediatamente anteriores, ao abeiro das ordes de programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro dirixidos a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional, sempre que a duración do contrato sexa, como mínimo de seis meses e que a contratación fose formalizada dentro dos doce meses seguintes á finalización do contrato subvencionado. As ordes que se terán en conta son as do 29 de decembro de 2015 (DOG nº 248, do 30 de decembro), do 5 de agosto de 2016 (DOG nº 160, do 25 de agosto), do 18 de xullo de 2017 (DOG nº 148, do 4 agosto), do 4 de outubro de 2017 (DOG nº 196, do 16 de outubro), do 2 de maio de 2018 (DOG nº 92, do 15 de maio) e do 10 de xullo de 2018 (DOG nº 139, do 20 de xullo).

Valorarase a inserción laboral indefinida ata 20 puntos e a inserción laboral temporal ata 10 puntos, seguindo os seguintes criterios:

1º. Entidades que recibiron subvencións para a contratación de 5 ou menos persoas desempregadas, de maneira acumulada nas tres últimas convocatorias:

i. Por cada persoa con contratación indefinida: 10 puntos.

ii. Por cada persoa con contratación temporal: 5 puntos.

2º. Entidades que recibiron subvencións para a contratación de entre 6 e 12 persoas desempregadas, de maneira acumulada nas tres últimas convocatorias:

i. Por cada persoa con contratación indefinida: 6 puntos.

ii. Por cada persoa con contratación temporal: 3 puntos.

3º. Entidades que recibiron subvencións para a contratación de 13 ou máis persoas desempregadas, de maneira acumulada nas tres últimas convocatorias:

i. Por cada persoa con contratación indefinida: 4 puntos.

ii. Por cada persoa con contratación temporal: 2 puntos.

b) Ámbito de actuación: ata 10 puntos. Valorarase tendo en conta o ámbito xeográfico recollido no RUEPSS:

1º. As entidades de ámbito autonómico: 10 puntos.

2º. As entidades de ámbito provincial: 8 puntos.

3º. As entidades de ámbito comarcal: 6 puntos.

4º. As entidades de ámbito municipal: 4 puntos.

c) Calidade e xestión: ata 10 puntos. Valorarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Actuacións realizadas a prol da calidade e da xestión levadas a cabo ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través de programas de cooperación nas últimas dúas convocatorias: ata 4 puntos. Valorarase:

– A dispoñibilidade dun certificado de xestión da calidade vixente na data de publicación da convocatoria.

– A dispoñibilidade dunha metodoloxía ou plan para a acollida e adaptación das persoas incorporadas ao posto de traballo.

– O desenvolvemento de enquisas de calidade das actuacións, e definición de accións de mellora.

– O desenvolvemento de enquisas de seguimento da inserción das persoas desempregadas, unha vez finalizada a subvención.

2º. Dirección do proxecto e a titorización do persoal subvencionado, por persoal técnico da propia entidade: ata 4 puntos. Valorarase que o titor teña unha ocupación ou categoría profesional superior á da persoa traballadora titorizada.

3º. Complementariedade da práctica profesional das persoas traballadoras contratadas con formación ocupacional/información profesional impartida pola propia entidade: ata 2 puntos.

d) Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración dos proxectos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 50 puntos, co fin de realizar unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores. Adxudicaranse co límite fixado no artigo 8 dentro do crédito dispoñible, aquelas que obteñan maior valoración en aplicación dos citados criterios.

Artigo 17. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo máximo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a referencia ao cofinanciamento do 91,89 % da axuda polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de emprego xuvenil, a través do Programa operativo de emprego xuvenil, eixe prioritario 5. Prioridade de investimento 8.2. Obxectivo específico 8.2.4. Medida 8.2.4.2., a data límite de realización de todas as contratacións, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento. Así mesmo, informaráselle de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica. Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás cales quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, como o plan financeiro e o calendario de execución, segundo o previsto no DECA, documento de autorización da operación.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto neste programa esgotan a vía administrativa, polo que, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes computado desde o día seguinte á súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras

1. As persoas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, maiores de dezaoito anos, desempregadas inscritas e beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

Ademais, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificado polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, e polo Real decreto lei 8/2019, do 8 de marzo, para ser beneficiario desta medida, as persoas mozas deberán manter o cumprimento do requisito de estar desempregadas e non ter traballado no día natural anterior á data da sinatura do contrato.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos, estea desempregada, inscrita e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderán consultar na súa oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil.

2. A selección das persoas para contratar polas entidades subvencionadas realizarase tendo en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego, a localización ou o nivel de cualificación, priorizando aquelas persoas mozas que non recibisen previamente atención por parte do Sistema nacional de garantía xuvenil e aquelas que estean máis próximos a cumprir a idade máxima prevista no Sistema nacional de garantía xuvenil, segundo recolle o artigo 105.3 da Lei 18/2014, do 15 de outubro.

Dentro das persoas previstas no parágrafo anterior, terán preferencia, en todo caso, as persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia, ou que estean en situación de risco de exclusión social.

3. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán as persoas traballadoras que necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir as persoas traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 4 díxitos. A oferta na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación.

4. A entidade beneficiaria deberá acudir necesariamente á oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado. Cando unha entidade dispoña de centros de traballo que se correspondan co ámbito territorial de máis dunha oficina de emprego, poderá concentrar a tramitación de todas as ofertas na oficina a que lle correspondan máis postos de traballo ofertados.

5. Deberá presentar xunto coa oferta de emprego (unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación), a solicitude (anexo I), se é o caso debidamente corrixida, xunto coa correspondente notificación da resolución e anexos de concesión de subvención.

6. A oferta deberá presentarse cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións, agás no caso das axudas concedidas no último trimestre do ano, suposto este en que se presentarán coa suficiente antelación para que as oficinas de emprego poidan tramitalas.

7. Recibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela, atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando un número de persoas candidatas por posto de traballo que non poderá ser, sempre que sexa posible, inferior a dúas nin superior a dez.

A remisión de novos candidatos só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario por escrito ou incomparecencia dos remitidos.

8. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar vítimas de violencia de xénero e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, condición que se acreditará mediante as correspondentes certificacións ou informes elaborados por traballadores sociais, se é o caso. As persoas seleccionadas polo procedemento descrito neste punto deberán, en todo caso, cumprir os requisitos establecidos no número 1 deste artigo.

9. A selección definitiva dos/das candidatos/as deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 20. Contratación das persoas traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, tendo en conta que os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución de concesión da subvención.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego poderá autorizar o inicio dos servizos con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria e sempre dentro do exercicio 2019.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente, a través do aplicativo CONTRAT@.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para ser beneficiarios deste programa.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas.

Artigo 21. Substitución das persoas traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo de comunicación á Secretaría Xeral de Emprego.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Secretaría Xeral de Emprego, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación. Na notificación a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

a) No caso de extinción de contrato, previsto no número 1, parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída, e no suposto de baixa temporal a que fai referencia o número 2, xustificación de duración superior a 30 días mediante o correspondente parte de baixa ou informe médico.

b) Contrato de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizado e debidamente comunicado, da persoa substituta.

c) Parte de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC) da persoa substituta.

d) Certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html, agás que se trate dunha candidata que quedara en lista de espera na primeira selección e cumpra no momento de formalizar a contratación os requisitos da orde de convocatoria para as contratacións subvencionadas.

e) Documento de información da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinado pola persoa substituta.

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo logo de solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e cumpran os requisitos da orde de convocatoria no momento da súa contratación.

5. De non se producir a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida, debendo facerse cargo a entidade beneficiaria dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo.

Artigo 22. Pagamento

1. Poderase realizar o pagamento anticipado, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos previstos neste artigo.

O importe do pagamento anticipado será dun 90 % da subvención concedida.

Para realizar este pagamento anticipado, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 65.4.f) do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Realizarase o pagamento final polo resto da subvención concedida, unha vez presentada polas entidades beneficiarias, na forma e nos prazos previstos no artigo 23.1 desta orde, a documentación xustificativa.

Se coa documentación presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento queda xustificada unha contía de subvención inferior da inicialmente concedida, ditarase a resolución correspondente.

3. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 23. Xustificación do pagamento final

1. O pagamento final da subvención para a contratación das persoas mozas desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación no prazo establecido na resolución da concesión e, en todo caso, antes do 20 de decembro de 2019:

a) Contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizados e debidamente comunicados.

b) Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC) para o período subvencionable.

c) A declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

d) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 25.

f) Acreditación, se é o caso, do sitio da internet da entidade, no cal conste unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

g) Documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados.

h) Información dos indicadores de produtividade e resultado sobre as entidades e os participantes aos cales se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018. Esta información cubrirase a través da aplicación Participa1420 (https://participa1420.conselleriadefacenda.es/Participa1420). Os indicadores de produtividade deberán cubrirse ao inicio da actuación. Os indicadores de resultado deberán presentarse no prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador.

i) Certificado de selección da persoa contratada, no modelo publicado na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia na http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html

2. O cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras establecidos no punto 1 do artigo 19 (ser maiores de 18 anos, estar desempregadas, inscritas e ser beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil na data de formalización do contrato e non ter traballado no día natural anterior á data de sinatura do referido contrato) comprobarase de oficio polo órgano concedente.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

e) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

f) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as relativas ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do Fondo Social Europeo, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, e ás que poidan corresponder á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e á distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

h) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Emprego aquelas modificacións que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

i) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de 15 días desde a finalización do contrato subvencionado, unha memoria final, que deberá conter, como mínimo, a descrición do servizo subvencionado especificando as actuacións realizadas, o nome, perfil profesional, categoría profesional pola que se contrataron as persoas traballadoras subvencionadas, e a práctica profesional adquirida por elas, a data de inicio e de fin do contrato, asinada tanto polo traballador como polo responsable da entidade.

j) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlle ao persoal contratado tarxetas identificativas do servizo subvencionado, no modelo que estableza a Secretaría Xeral de Emprego e que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html, no cal constará a colaboración da consellería e mais o cofinanciamento polo FSE e a súa inclusión na Iniciativa de emprego xuvenil. O persoal contratado deberá levalas consigo cando estea a realizar a actividade obxecto da subvención.

k) Respectar as normas de subvencionalidade do gasto financiado polo FSE, reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro, e o artigo 13 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, a Orde ESS/1924/2016 do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

l) Garantir os principios horizontais das axudas recollidos no Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, no seu artigo 7, respecto á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a non discriminación.

m) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, así como adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia á «Iniciativa de emprego xuvenil. O FSE inviste no teu futuro»; nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

n) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE e a Iniciativa de emprego xuvenil, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

ñ) No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto a cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención, os indicadores de resultado inmediatos a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro, relativo ao Fondo Social Europeo, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice este mantemento, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. A información obtida será posta en coñecemento da rede de técnicos de orientación laboral específicos do Servizo Público de Emprego de Galicia, polo mecanismo de coordinación que se determine, para os efectos dun mellor cumprimento dos obxectivos do Sistema nacional de garantía xuvenil.

o) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

p) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

q) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

r) Unha vez recibidos os fondos, tanto do anticipo como do pagamento final, a entidade beneficiaria deberá remitir á Secretaría Xeral de Emprego unha certificación acreditativa da súa recepción. Para estes efectos deberá presentar os extractos bancarios xustificativos do ingresos dos respectivos importes.

s) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

t) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo: seguimento

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE e a Iniciativa de emprego xuvenil, ao abeiro do Programa operativo de emprego xuvenil para o período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas neste programa a entidade beneficiaria deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e comunicación: cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Emprego na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html, no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego, polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de emprego xuvenil.

Ademais, durante este tempo, de dispoñer a entidade dun sitio da internet, deberá realizar unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html

c) Relacionadas cos sistemas de xestión e control, e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

1º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2º. Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3º. Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de dous meses, unha vez que finalizase a execución da acción subvencionada, modelo RNT (relación nominal de persoas traballadoras) e certificación bancaria por persoa contratada, que reflicta o importe aboado por cada mensualidade subvencionada, así como a data de realización da transferencia bancaria. Tamén presentarase, de ser o caso, o plan de acollida e de adaptación das persoas incorporadas ao posto de traballo.

4º. Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as relativas ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do Fondo Social Europeo, e ás que poidan corresponder á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

d) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de resultado enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

3. En desenvolvemento do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento e do Consello, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, dentro das actuacións de seguimento e control, incluiranse necesariamente visitas sobre o terreo para comprobar in situ a realidade da prestación dos proxectos subvencionados.

As ditas visitas realizaranse sobre unha mostraxe e/ou segundo criterios baseados no risco, é dicir, abranguendo as operacións de grande importe, as operacións en que previamente se detectaron problemas ou irregularidades ou en que, con ocasión doutros controis, se puxeron de manifesto operacións concretas que sexan en aparencia anómalas e requiran un exame máis detallado ou información adicional.

4. A Secretaría Xeral de Emprego realizará, de oficio, para os efectos de seguimento das axudas, a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas, deixando constancia documental do seu cumprimento no expediente.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se vaia reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable axeitada establecida no artigo 24.o), reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

d) En caso de ausencia total de pista de auditoría establecida no artigo 24.q), reintegro do 100 % do gasto subvencionado.

e) Incumprimento do prazo establecido na resolución de concesión para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 23: perda do dereito a cobramento do pagamento final e reintegro total do anticipo que se teña percibido.

f) Incumprimento da obriga de satisfacer mensualmente, mediante transferencia bancaria, os pagamentos de carácter salarial, con independencia do cobramento da axuda: reintegro do 100 % sobre o importe obxecto de atraso no aboamento.

g) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación establecidas no artigo 25.2: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

h) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

i) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

j) En caso de baixa temporal das persoas subvencionadas e se a entidade beneficiaria non procedeu á devolución do importe do salario en concepto de remanente procederá o reintegro do dito importe dos días correspondentes á baixa temporal.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 27. Loita contra o fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención General de la Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, que poderán consultar na ligazón indicada.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta convocatoria, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento de datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público e no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos, ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. En particular, os datos serán comunicados aos organismos cofinanciadores sinalados e á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda, como órgano competente en materia de planificación económica e coordinación de actuacións en políticas rexionais e sectoriais da Unión Europea.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas poderán ser publicados no Diario Oficial de Galicia, conforme o previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación e supresión dos seus datos, así como exercitar outros dereitos, como a oposición ao tratamento ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado, segundo se detalla na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file