Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 22 de agosto de 2019 Páx. 37232

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2019 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e grande empresa do sector industrial (Programa de actuacións de eficiencia enerxética en industria) (código de procedemento IN421V).

As axudas obxecto desta convocatoria teñen o seu encaixe no programa de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e grande empresa do sector industrial aprobado por Real decreto 263/2019, do 12 de abril, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas a actuacións que reduzan as emisións de dióxido de carbono e o consumo de enerxía final, mediante a mellora da eficiencia enerxética contribuíndo a acadar os obxectivos de redución do consumo de enerxía final que fixa a Directiva 2012/27 UE.

O Real decreto 263/2019, do 12 de abril, no seu artigo 2.1, acorda que serán beneficiarios directos das axudas previstas neste programa as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla que deberán destinar o importe das axudas aos suxeitos que se enumeran no parágrafo segundo do artigo 2 do citado real decreto, que son os destinatarios finais das axudas.

A entidade responsable da execución do Programa de actuacións de eficiencia enerxética en industria na Comunidade Autónoma de Galicia será o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

O Inega constitúese en Axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición a Consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 61, do 30 de marzo).

Entre os obxectivos básicos do Inega están o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia.

A axencia ten entre as súas funcións, a teor do disposto no artigo 8 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, as seguintes funcións:

a) Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de enerxía plans e programas en materia enerxética.

b) Promover e, se fora o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.

c) Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión de políticas enerxéticas.

d) Elaborar programas de racionalización do uso de enerxía e promover o aproveitamento dos recursos enerxéticos.

O Inega para financiar esta convocatoria de axudas dispón nos seus orzamentos de 16.157.120,35 euros, procedentes do Programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e grande empresa do sector industrial promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e financiado polo Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética con cofinanciamento procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 excepto nos casos das actuacións que non sexan elixibles dentro do dito programa.

Estas axudas estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, e nas demais disposicións da Unión Europea que resulten de aplicación.

A presente resolución, que aproba a convocatoria para os anos 2019-2020 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e grande empresa do sector industrial, dítase conforme o disposto nos artigos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nas bases reguladoras establecidas polo Real decreto 263/2019, do 12 de abril.

En virtude de todo o anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

1. A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente ás anualidades 2019-2020 para a concesión de axudas do Programa estatal para actuacións de eficiencia enerxética en peme e grande empresa do sector industrial (código de procedemento IN421V).

2. Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Medida 1: mellora da tecnoloxía en equipos e procesos industriais.

Medida 2: implantación de sistemas de xestión enerxética.

Artigo 2. Réxime de concesión e normativa aplicable

1. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

2. As axudas obxecto de esta convocatoria estarán sometidas ao disposto no Real decreto 263/2019, do 12 de abril (en adiante, bases reguladoras), polo que se regula o Programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e grande empresa do sector industrial onde se establecen as bases reguladoras destas axudas.

Ademais será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As axudas recollidas nesta convocatoria de axudas están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014. A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas dentro da sección 7. Axudas para a protección do ambiente, do capítulo III, como axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética (artigo 38).

Artigo 3. Beneficiarios

1. Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 2.2 das bases reguladoras que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia. En concreto os seguintes:

a) Empresas que teñan a consideración de peme ou grande empresa do sector industrial, cuxo CNAE 2009 comece pola división da 07 a 39, excluídas as que comecen pola división 12 e 34, sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As empresas de servizos enerxéticos entendendo como tal a definición máis ampla posible das organizacións que acheguen este tipo de servizos. Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha das empresas que se indican na letra a), repercutindo, en todo caso, a axuda prevista neste programa á empresa onde se execute o proxecto.

2. Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Empresas en crise segundo a definición do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

b) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que tivese declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Financiamento e contía máxima das axudas que se outorgan coa convocatoria

1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo á partida orzamentaria 09.A2.733A.773.1 recollida nos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 16.157.120,35 euros.

Importe 2019 (€)

Importe 2020 (€)

Importe 2021 (€)

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Importe total (€)

807.856,00

3.231.424,00

4.039.280,00

4.039.280,00

4.039.280,34

16.157.120,34

O orzamento por anualidade poderá redistribuírse tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

3. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Goberno de Estado no marco do Programa de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e grande empresa do sector industrial.

4. A contía das axudas para cada unha das actuacións vén establecida no anexo I do Real decreto 263/2019, do 12 de abril, polo que se regula o Programa de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e grande empresa do sector industrial.

Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima por proxecto de 1.000.000 euros. Poderase aumentar a axuda máxima por proxecto ata 2.000.000 euros en aquelas actuacións que en fase de solicitude xustifiquen a consecución de elevados niveis de aforro enerxético. Na seguinte táboa establecese o valor máximo de axuda en función do aforro enerxético anual xustificado.

Aforro enerxético anual

Axuda máxima (€)

AE<500 tep/ano

1.000.000

AE≥500 tep/ano

2.000 × AE

Onde AE = aforro enerxético anual en (tep/ano) xustificado en fase solicitude

No caso de que a axuda que se vai a conceder veña limitada pola axuda máxima indicada no parágrafo anterior, o custo subvencionable limitarase dividindo a axuda máxima entre a intensidade de axuda que corresponda ao solicitante.

Establécese unha axuda máxima por empresa no conxunto da convocatoria de 5 millóns de euros. Non obstante, se no último trimestre de vixencia da convocatoria (a partir do 1 de outubro de 2020), despois de atender a demanda do resto de empresas, queda dispoñibilidade orzamentaria poderá asignarse unha axuda total por empresa superior a 5 millóns, co único límite da dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 5. Proxectos que se subvencionan e investimento subvencionable

1. Poderán obter dereito a subvención aquelas actuacións que cumpran o establecido no anexo IV do Real decreto 263/2019, do 12 de abril, e se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 21 desta convocatoria non podendo a execución das actuacións en ningún caso exceder o 31 de decembro de 2023.

Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior. A merca de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

3. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 100.000 euros por actuación para a medida 1, Mellora da tecnoloxía en equipos e procesos industriais, e de 50.000 euros por actuación no caso da medida 2, Implantación de sistemas de xestión enerxética. En ambos os casos IVE non incluído.

4. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude recollerá un único proxecto técnico que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nun mesmo emprazamento e que se valorarán de xeito conxunto.

Considéranse actuacións homoxéneas que deben recollerse nunha única solicitude: todas as actuacións de iluminación que se realicen no centro de traballo e a renovación de varios equipos para o mesmo fin. Por exemplo, a instalación de dúas caldeiras para proceso aínda que estas non sexan iguais (ademais debe incluírse no mesmo proxecto calquera actuación relacionada que se efectúe na sala de caldeiras como pode ser a instalación dun economizador ou tanque de revaporizado).

Consideranse actuacións non homoxéneas e que polo tanto deben cursarse en solicitudes independentes a combinación de proxectos independentes, por exemplo, a mellora dos equipamentos de iluminación, a renovación das caldeiras, a instalación de variadores de frecuencia en motores, etc.

5. Serán elixibles os custos de ivestimento adicionais necesarios para acadar un nivel máis elevado de eficiencia enerxética.

a) O investimento elixible determinarase conforme a definición indicada no anexo IV do Real decreto 263/2019, do 12 de abril. Neste sentido, seguindo indicacións do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), organismo competente para realizar a coordinación e seguimento do Programa conforme o establecido no artigo 9.1 do Real decreto 263/2019, o cálculo do investimento elixible farase en dous pasos, no primeiro considerará todo o investimento relacionado directamente co aforro e eficiencia enerxética e utilizarase como base para o cálculo do custo elixible, e no segundo paso, se procede, limitarase o investimento elixible calculado inicialmente tendo en conta o custo elixible máximo asociado á obra civil.

b) O custo subvencionable determinarase conforme a definición recollida no artigo 38 do Regulamento 651/2014, do seguinte xeito:

1º. Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

2º. En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar, que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de xeito crible sen a axuda. A diferenza entre o custo de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionables.

Artigo 6. Requisitos técnicos dos proxectos que se subvencionan

1. Levar asociado o aforro enerxético mínimo requirido para cada medida segundo o indicado no artigo anterior. O dito aforro debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 8. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores a menos que se presente a documentación que acredite tales aforros.

2. No caso de mellora de instalacións de iluminación a instalación resultante debe cumprir os requisitos que sexan de aplicación definidos na norma UNE-EN 12464 (iluminación dos lugares de traballo) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo.

Nas estancias en que o fluxo luminoso total despois da mellora sexa inferior ao fluxo luminoso inicial deberá xustificarse cun estudo lumínico que o nivel de iluminancia mantida (Em) é adecuado á actividade prevista.

3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse directamente polos interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Unha vez presentada unha solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que recaia resolución de concesión.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o 12 de setembro de 2019 ás 9.00 horas e permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2020.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Se algunha persoa interesada presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional teñen acceso á dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario.

4. A solicitude (anexo I) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

O solicitante presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo beneficiario ou representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo I.

5. Para que unha solicitude sexa válida debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda-anexo I.

b) Autorización para a representación-anexo II, salvo persoas físicas ou xurídicas que presenten directamente co seu certificado dixital.

c) Tres ofertas de distintos provedores conforme o establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou, polo menos, unha memoria xustificativa de que non existen no mercado máis provedores que produzan o equipo ou presten o servizo.

6. Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Polo tanto, a axuda máxima que se vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática, informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistimentos, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizadas electrónicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 8. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Co envío da solicitude (anexo I) deberase incluír dixitalmente e en formato PDF, con tamaño máximo por arquivo individual de 5MB, a seguinte documentación complementaria:

a) Documentación administrativa:

1º. Autorización para a representación segundo o anexo II.

2º. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa.

3º. Presentación das ofertas do proxecto que se pretende levar a cabo.

Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 € o solicitante ou persoa que o represente presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

4º. As empresas cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no rexistro mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da súa constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

5º. Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma de Galicia.

No caso das empresas de servizos enerxéticos tamén debe estar situado no territorio da comunidade autónoma de Galicia o centro de consumo.

6º. No caso de empresas públicas ademais deberá achegarse certificado do representante legal ou de persoa habilitada onde se acredite a súa condición de empresa pública.

7º. No caso de agrupación de empresas solicitantes a que se refire o artigo 2.3 do Real decreto 263/2019, deberán achegar ademais:

i. Documento de colaboración ou instrumento análogo formalizado polo seu representante debidamente facultado que especifique a aceptación e a designación expresa do representante único de todas elas, que formule a solicitude e reciba o importe total da axuda outorgada (non obstante, a achega de copia do documento acreditativo das súas facultades de representación).

ii. Aceptación expresa de participación de todas elas no Programa de axudas establecido por esta convocatoria, asumindo a totalidade de compromisos e obrigacións derivados del, con detalle dos compromisos de execución correspondentes a cada membro da agrupación así como importe da axuda para aplicar a cada un deles.

8º. No caso de que o solicitante sexa unha empresa de servizos enerxéticos deberá achegar ademais:

i. Unha copia do contrato de servizos enerxéticos formalizado coa empresa ou empresas propietarias das dependencias industriais onde se vaia realizar a actuación, no que se acredite a actuación como empresa de servizos enerxéticos e a responsabilidade a cargo do solicitante da realización do investimento correspondente.

ii. Escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

9º. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa deberase achegar ademais:

i. Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

ii. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

iii. Declaración responsable emitida polo representante da empresa na que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.

b) Documentación técnica:

1º. Memoria técnica do proxecto segundo modelo «Memoria técnica PAEl» dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) ou modelo «Memoria técnica PAEI_ILU» para proxectos de mellora de iluminación.

2º. Documento denominado «Ficha de consumos PAEI» segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) en que se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2018 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Non será preciso a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación.

3º. Fotografías da instalación actual, incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipos sobre os que se actúa.

4º. Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipos, en instalacións simples bastará cun plano en planta de localización do centro de traballo.

5º. Características técnicas dos equipos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipo e do seu consumo enerxético.

6º. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegar oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que podería realizarse de forma crible sen subvención (investimento de referencia).

7º. No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar unha declaración responsable asinada por un técnico cualificado (especificar no documento o nome completo, DNI e cualificación do técnico asinante) en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAEI_ILU»), o seu uso e se declare que, tras os estudos lumínicos realizados, se constata o cumprimento da norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo) e na guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos a utilización de lugares de traballo, se é o caso. Nas estancias nas que o fluxo luminoso total despois da mellora sexa inferior ao fluxo luminoso inicial deberá achegarse estudo lumínico en que se xustifique o nivel de iluminancia mantida (Em) é adecuado á actividade prevista.

8º. Ademais, nas instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente de que cumpren coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación, xuntar escrito xustificativo dos motivos.

c) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE do solicitante, cando se trate dunha persoa física.

b) NIF da entidade solicitante, cando se trate dunha persoa xurídica.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

f) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, Seguridade Social e Facenda Autonómica.

g) Consulta dos administradores da empresa ou empresas solicitantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes

A xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 11. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases e convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, teráselle por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

Non será subsanable a falta de achega dos documentos que necesariamente teñen que acompañar a solicitude e indicados no artigo 7.5 das presentes bases reguladoras.

2. Poderá requirirse o interesado para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega. O comité de avaliación elaborará unha proposta en que figuren de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 12. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de 6 meses desde a data de presentación da solicitude e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación do beneficiario, o investimento total considerado, o investimento elixible, o custo subvencionable do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

Artigo 13. Notificación

1. As notificacións de actos e resolucións administrativos realizaranse por medios electrónicos, a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

Para poder recibir as notificacións, o sistema solicitaralle o número do NIF e o contrasinal determinado pola persoa interesada.

2. A notificación do requirimento de emenda practicarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude un aviso en que se lle indica a posta á súa disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante.

3. Se transcorre o prazo sen que recaia resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

c) Xustificar ante o Inega que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

d) Presentar ante o Inega tres ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

e) Acreditar ante o Inega con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 23 desta convocatoria.

g) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitarase directamente polo beneficiario mediante a presentación do anexo III que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

h) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de tres (3) anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso no que se aplicarán estes.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 3 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento hasta que se cumpra este período.

i) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a 1.000.000 € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Inega informará os beneficiarios da data a partir da cal se realizará o cómputo anterior.

No caso das operacións non recollidas no parágrafo primeiro, todos os documentos xustificativos estarán dispoñibles durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

j) Comunicarlle ao Inega, calquera modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Cumprir as obrigas de publicidade establecidas no artigo 16 do Real decreto 263/2019 en virtude das cales o beneficiario deberá:

1º. En toda referencia en calquera medio de difusión cumprir cos requisitos que figuran no manual de imaxe do programa que estará dispoñible na web do IDAE.

2º. A aceptación da axuda implicará a aceptación do disposto no artigo 115 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, sobre as actividades de información e de publicidade que deben levar a cabo os Estados membros en relación cos fondos europeos.

3º. Deberá instalar e manter un cartel de carácter permanente, nun lugar visible para o público xeral na localización do proxecto, de tamaño suficiente para que sexa perfectamente visible e lexible en que conste claramente o título do proxecto, a denominación e imaxe do programa e que mencione a axuda económica outorgada polo Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e, de ser o caso, da Unión europea incluíndo o logo da UE e o lema «Unha maneira de facer Europa» e o apoio do Inega e da Xunta de Galicia incluíndo a imaxe institucional do Inega e a Xunta de Galicia.

– Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

O destinatario último das axudas informará o público do apoio obtido dos fondos Feder, facendo unha breve descrición da operación no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de maneira proporcionada ao apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión.

m) A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións á que fai referencia o artigo 115, número 2, e co contido previsto no anexo XII, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda: http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Es/loFeder1420/porFeder/Paginas/inicio.aspx.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que se cumpran as dúas condicións seguintes:

a) Que non se supere o límite máximo establecido no artigo 38 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

b) Que as axudas outorgadas polas outras administracións, para a mesma actuación, non poderán contar con cofinanciamento de fondos europeos.

Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 19 desta convocatoria.

Artigo 17. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal.

2. No teléfono 981 54 15 00.

3. Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5, San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela).

Artigo 18. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o beneficiario debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo V.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da proposta de resolución definitiva sen que o beneficiario comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo ao Inega presentando o anexo III polos medios establecidos no artigo 7 desta convocatoria, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará de conformidade co procedemento establecido no artigo 7 desta convocatoria.

Artigo 21. Prazos de execución e xustificación das actuación

O prazo máximo de execución das actuacións será de 24 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión. En casos excepcionais derivados de circunstancias imprevisibles debidamente xustificadas poderase ampliar o citado prazo ata un máximo de 30 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión. O prazo de execución das actuacións en ningún caso poderá exceder o 31 de decembro de 2023.

A xustificación por parte dos destinatarios últimos da execución das actuacións obxecto de axuda deberá realizarse ante o órgano instrutor nun prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo máximo concedido para a execución das actuacións.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 13.2 desta convocatoria.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de 10 días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de 10 días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 21 desta convocatoria, debendo estar, os investimentos plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Escrito dirixido ao órgano instrutor, asinado e selado polo apoderado da empresa destinataria última das axudas, comunicando segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega o seguinte:

1º. Que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando que os únicos cambios realizados son os recollidos expresamente na memoria técnica de xustificación.

2º. A data da conclusión das actuacións.

3º. Que o proxecto se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarios para a súa execución.

b) Xustificación documental da realización das actuacións. A xustificación documental da realización técnica das actuacións debe realizarse mediante a achega dunha memoria técnica xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da axuda, con indicación da adecuación das actividades realizadas e dos resultados obtidos seguindo o formato e modelo que estará dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal). Esta memoria técnica será realizada e subscrita por un técnico titulado competente autor do proxecto ou da dirección da execución da actuación. De existiren modificacións no proxecto deberase indicar expresamente no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Informe emitido por un organismo de control que acredite a adecuada realización das actuacións obxecto da axuda concedida, de acordo coa súa resolución favorable de concesión (segundo modelo que estará dispoñible na web de Inega). Estes organismos de control están regulados pola Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, e deben estar acreditados na especialidade ou especialidades que mellor se adecuen á natureza das actuacións obxecto de axuda.

d) Relación certificada e copia dos pedidos e/ou os contratos relativos ás actuacións realizadas.

e) Relación certificada e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes bancarios de pagamento, correspondentes ao investimento elixible realizado e que respondan ao orzamento e contratos presentados.

1º. A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Nome e NIF/NIE do beneficiario.

– Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

– Descrición clara dos equipamentos e traballos facturados, incluíndo o número de serie dos equipos naqueles casos en que resulte factible.

Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen.

A expedición da factura e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas: transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:

– Titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que deben coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención.

– Receptor do pagamento (empresa ou autónomo).

– Número de factura obxecto do pagamento.

3º. Non se admitirán os supostos de autofacturación.

4º. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

6º. No caso dunha factura cuxo pago se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

7º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considérase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

f) Conta xustificativa con achega de informe de auditor, segundo o previsto no artigo 74 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. O alcance da revisión da conta xustificativa pola persoa auditora será como mínimo o seguinte:

1º. O informe que emitir o auditor debe facer mención expresa aos seguintes extremos da revisión: obxecto, natureza e alcance, resultado e data e firma.

2º. Revisión da memoria económica abreviada que inclúa o estado representativo da totalidade dos gastos e investimentos incorridos na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, de ser o caso, data de pagamento. Ademais incluirá relación dos pedidos e/ou os contratos relativos ás actuacións realizadas, así como relación das facturas, e dos seus correspondentes xustificantes bancarios de pagamento.

3º. Debe acreditar a existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas, achegando a documentación xustificativa que corresponda.

4º. Debe acreditar a legalidade do procedemento de contratación das actuacións por parte do destinatario último das axudas así como que dispón de, polo menos, tres ofertas de diferentes provedores nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e dunha memoria que xustifique razoablemente a elección do provedor cando a mesma non recaese na oferta económica máis vantaxosa, achegando a documentación xustificativa que corresponda.

5º. Detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia. Debe acreditar a existencia ou non doutras subvencións ou axudas cobradas para a mesma actuación ou finalidade que a solicitada no contexto desta convocatoria, de calquera Administración, organismo ou entidade pública, nacional ou internacional.

6º. Debe acreditar o cumprimento das obrigas de publicidade recollidas na convocatoria. Neste sentido, achegarase fotografía/s do cartel publicitario da actuación e achegará a información e a ligazón ao sitio da internet do destinatario último das axudas, no caso de que dispoña dun, onde o devandito destinatario informará o público do posible apoio obtido dos fondos comunitarios Feder facendo unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

7º. Debe acreditar que o beneficiario non é unha empresa en crise segundo a definición do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

8º. Verificación da acreditación da condición de pequena ou mediana empresa.

Ademais do informe de auditor deberase achegar un resumo deste conforme o modelo «Formulario resumo do informe de auditor» dispoñible na páxina web do Inega asinado polo mesmo auditor.

O alcance mínimo da revisión da conta xustificativa pola persoa auditora pode ser ampliado incluíndo o especificado nas letras a), b), d), e), g) e h) deste artigo.

Naqueles casos en que o destinatario último das axudas estea obrigado a auditar as súas contas anuais, este mesmo auditor será o encargado de revisar a conta xustificativa. No resto dos casos, o auditor será designado polo destinatario último das axudas entre auditores ou empresas de auditoría inscritas no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC). Tense que formalizar un contrato entre o auditor e o destinatario último da subvención en que figurarán como mínimo os seguintes aspectos:

i. Obrigación do destinatario último das axudas de confeccionar e facilitar ao auditor cantos libros, rexistros e documentos lle sexan solicitados para efectuar a revisión.

ii. Obrigación do auditor de realizar a revisión e emitir un informe de acordo ás normas especiais reguladoras da subvención e da resolución de concesión.

iii. Sometemento ao disposto na normativa vixente sobre auditoría de contas en canto a independencia e incompatibilidade do auditor.

iv. Deber de confidencialidade do auditor de contas e do persoal ao seu cargo e compromiso do destinatario último das axudas de autorización de comunicación entre auditores.

g) Reportaxe fotográfica das instalacións iniciais sobre as que se realizaron as actuacións, identificando equipos e/ou instalacións principais que se vaian substituír, así como das placas de características deles.

h) Reportaxe fotográfica dos equipos e instalacións principais finais obxecto da axuda, identificando equipos e/ou instalacións, así como as placas de características deles, e onde se amose o cartel publicitario da actuación.

i) Memoria técnica de xustificación da publicidade, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

j) Nos casos en que proceda xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se fose necesario.

k) No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar un certificado asinado por un técnico cualificado en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAEI_ILU»), o seu uso, e se declare que tras as medicións realizadas se constata o cumprimento dos requisitos que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso.

4. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir a redución do consumo de enerxía final nas empresas (ktep/ano).

Artigo 24. Incumprimentos xerais do proxecto

1. Incumprimento total. Se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, se entenderá que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Artigo 25. Pagamento das axudas

1. O beneficiario da axuda poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 30 de xullo de 2021.

2. Cando a natureza da subvención así o xustifique, poderán realizarse pagamentos á conta. Os ditos pagamentos á conta poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada ata a porcentaxe que establezan as bases reguladoras.

Os pagamentos á conta deberán xustificarse incluíndo un certificado do director de obra e os xustificantes de pagamentos e gastos que xustifiquen a execución das actuacións para as que se solicita o pagamento a conta.

3. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. Os solicitantes das axudas, poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

5. A solicitude de anticipo e de pagamento á conta será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

6. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai a aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

7. Cando se prevexa a posibilidade de realizar anticipos e pagamentos á conta, quedan exonerados de constituír garantía os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 €, esta contía entenderase referida á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

8. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

9. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

10. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 26. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Enerxético de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 27. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega reservará para si o dereito para realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control se estimen oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como as derivadas de organismos nacionais e comunitarios.

Se no curso destas verificacións se detectara que os beneficiarios das subvencións incumpriron algunha das condicións establecidas nesta convocatoria e nas bases reguladoras implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios das subvención, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

4. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada paro efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file