Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 11 de setembro de 2019 Páx. 39835

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual (código de procedemento VI432A e VI432B).

BDNS (Identif.): 471442.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña A, axuda ao alugamento de vivenda, as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.

b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día de prazo de presentación de solicitudes.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo cal se conceda a axuda. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.

d) Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10.

e) Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 2 veces o IPREM. Este límite será de 4 veces o IPREM, se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:

i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, as persoas físicas maiores de idade que non teñan cumpridos os 35 anos na data de presentación da solicitude e cumpran o resto de requisitos sinalados no punto 1 deste artigo.

3. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:

a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión
mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera Administración pública.

e) Ter sido beneficiaria das axudas de calquera das dúas liñas deste programa ao abeiro de convocatorias anteriores realizadas con financiamento do Plan 2018-2021. Exceptúanse deste suposto as persoas que xa non forman parte da unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda.

f) Non atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e/ou no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como ser obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión (código de procedemento VI432A) e a renovación (código de procedemento VI432B) dos seguintes programas de axudas ao alugamento de vivendas, de conformidade co Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021):

a) Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.

b) Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2019, con carácter plurianual.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas axudas son as contidas nesta orde.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.480.6, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, con carácter plurianual, por un importe total de 10.500.000 euros, distribuído nas seguintes liñas e anualidades:

Liñas de axudas

Aplicación

Importe 2019 (€)

Importe 2020 (€)

Importe 2021 (€)

Total (€)

LIña A. Axuda ao alugamento de vivenda

07.83.451B.480.6

2.000.000

2.000.000

2.000.000

6.000.000

Liña B. Axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente

07.83.451B.480.6

1.500.000

1.500.000

1.500.000

4.500.000

Total

3.500.000

3.500.000

3.500.000

10.500.000

2. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Se se desestimasen solicitudes por falta de orzamento e, con posterioridade á emisión da resolución, se incrementasen os créditos destinados ao financiamento das ditas axudas ou se liberase parte do crédito dispoñible inicialmente, por renuncia da persoa adxudicataria ou por non ter achegado a preceptiva xustificación en prazo, o órgano instrutor poderá propoñer a concesión da subvención ás solicitudes que se desestimasen por falta de crédito orzamentario, segundo a orde de prioridade establecida no artigo 12 e sempre e cando se liberase crédito suficiente para atender, cando menos, unha das solicitudes desestimadas.

5. En relación co punto anterior, se nun dos programas non se esgotase o crédito dispoñible para o financiamento das axudas, a parte do crédito restante poderá destinarse a atender as solicitudes doutro programa que fosen desestimadas por falta de orzamento.

Quinto. Contía das axudas

1. A contía da axuda para a liña A será do 40 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento. Non obstante, para as persoas beneficiarias que na data de presentación da solicitude teñan máis de 65 anos, esta axuda será do 50 % da renda mensual que se satisfaga polo alugamento.

2. A contía da axuda para a liña B será do 50 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento.

3. Tanto na liña A como na liña B, a contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso poida ser aumentada, aínda que a citada renda se incremente ao longo da duración do contrato.

4. Se na renda do contrato de alugamento se incluísen os gastos de comunidade e os seus custos non estivesen desagregados, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención valorarase o importe dos gastos de comunidade como un 5 % do importe da renda e descontarase do seu total para aplicarlle a porcentaxe de subvención do 40 % ou 50 %, segundo corresponda.

Así mesmo, se no contrato de alugamento se incluísen anexos, como garaxes ou rochos, e o prezo de cada un deles non estivese desagregado, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención valorarase o importe da vivenda como o 80 % do total da renda, cando esta inclúa vivenda e garaxe, 95 % cando se inclúa vivenda e rocho e 75 % cando se inclúa vivenda, garaxe e rocho.

Sexto. Duración das axudas

1. As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo de 3 anos e, en todo caso, ata o 31 de decembro de 2021, prazo de remate da vixencia do
Plan 2018-2021. Non obstante, para poder desfrutar das anualidades do segundo e terceiro ano deberá solicitarse a renovación anual no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial ou, de ser o caso, da primeira renovación. Para estes efectos, deberase achegar a documentación especificada no artigo 18.

2. O recoñecemento do dereito da axuda poderá ter carácter retroactivo, nos termos que se determinen en cada convocatoria.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019

Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda