Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 14 de outubro de 2019 Páx. 45170

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2019 pola que se acorda prorrogar o encargo á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., como medio propio personificado, da execución da recollida de mostras do programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia, durante as tempadas 2020 e 2021.

I. Mediante a Resolución do 7 de maio de 2018 (DOG nº 95, do 21 de maio) publicouse o encargo á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., como medio propio personificado, para a execución da recollida de mostras do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia durante as tempadas 2018 e 2019.

II. A Consellería de Sanidade segue sen dispor dun corpo coa cualificación técnica axeitada para realizar esta tarefa, a cal sería propia dun corpo de auxiliares de inspección cunha titulación de FP no eido da sanidade ambiental. Ata o ano 2016, a recollida periódica de mostras nas zonas de baño foi levada a cabo polo corpo de farmacéuticos inspectores de saúde pública (FISP). Non obstante, a recollida das mostras da auga de baño é unha tarefa repetitiva que non require persoal de alta cualificación técnica como é o corpo de FISP.

Derivado do anterior, esta recollida implicaba que, durante a tempada de baño (do 15 de maio ao 30 de setembro de cada ano), a maior parte do seu tempo de traballo se dedicaba a esta tarefa, en detrimento das actuacións de control oficial (inspeccións e auditorías) doutros programas de vixilancia sanitaria que teñen un maior impacto á hora de garantir a protección da saúde da poboación.

O custo de oportunidade que se estaría a perder por dedicar estes recursos á mostraxe das zonas de baño, podemos velo cando avaliamos o cumprimento dos obxectivos de planificación establecidos para os ditos programas (algún ano non se cumpriron os obxectivos do control sanitario de establecementos, servizos e produtos biocidas; do control sanitario de produtos químicos; na prevención e control da lexionelose; na vixilancia sanitaria das piscinas; na vixilancia dos establecementos de tatuaxe, micropigmentación e piercing e vixilancia da sanidade mortuoria).

III. Por todo o anteriormente exposto, e tendo en conta a boa valoración do resultado obtido, durante as tempadas 2018 e 2019 os citados traballos de coordinación e recollida das mostras do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia foron de novo realizados pola Empresa de Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A. (Tragsatec) mediante un encargo a medio propio.

Xa na parte final da tempada 2019, e antes da data do 5 de outubro en que remataba o encargo, cómpre proceder á súa prorroga por dous anos nas mesma condicións e igual orzamento, aceptado pola empresa.

En suma, considérase oportuno e beneficioso para o interese público que Tragsatec lle preste a súa colaboración á Consellería de Sanidade na realización das actividades a que se refire o presente encargo.

Por todo o anterior, Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade, actuando en virtude do Decreto 125/2015, do 4 de outubro, do seu nomeamento, e no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Prorrogar o encargo á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., como medio propio personificado, para a coordinación e a recollida das mostras do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia durante as tempadas 2020 e 2021 nas mesmas condicións establecidas na Resolución do 7 de maio de 2018, e coas condicións económicas previstas no orzamento correspondente.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade