Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Luns, 12 de xullo de 2021 Páx. 35270

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR341Q).

O emprendemento, en calquera das súas formas xurídicas, vén sendo un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sustentable e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia.

O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.

Dentro desta premisa, hai que considerar que a consolidación do emprendemento é un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade; por iso, é esta consolidación a que subxace nestas liñas de apoio que desenvolve esta orde.

A opción de calquera persoa que desexe pór en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina, e mais nestes tempos de crise provocada pola COVID-19, en que se fai máis necesario que nunca o apoio desde as administracións, o fomento e apoio aos emprendedores para que poidan continuar a desenvolver a súa actividade.

En Galicia, a Estratexia do emprego autónomo 2017-2020, dentro da Axenda 20 para o emprego da Xunta de Galicia, ten como misión principal apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña, e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención ás circunstancias especiais e diferenciais das persoas traballadoras autónomas e, en concreto, axudar tamén a cimentar a consolidación de proxectos que xa superaron os tres primeiros anos de vida; por iso, nesta orde implántanse dúas liñas de apoio á consolidación da persoa autónoma, co obxectivo de contribuír á súa mellora competitiva. Unha liña destinada á mellora da competitividade a través da contratación de servizos especializados para a elaboración de plans e estudos e outra liña que o fará a través do investimento nos negocios.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia dos requisitos establecidos na persoa solicitante ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 130/2020, do 1 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia; no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 500.000 euros, e na aplicación 11.04.322C.770.0, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 5.000.000 de euros, que figuran na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Establécese o pagamento anticipado do 100 % da axuda, de acordo co establecido na Lei de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para poder permitir as necesidades de financiamento das persoas beneficiarias na presente conxuntura económica, dotándoas da solvencia necesaria para a realización dos servizos de mellora competitiva, de xeito que se garanta a adecuada realización das actuacións obxecto da subvención.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Xeral, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341Q), e proceder á súa convocatoria para o ano 2021.

CAPÍTULO II

Obxecto das bases reguladoras e marco xeral

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Marco normativo

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia; no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; nos regulamentos UE 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea, relativo ás axudas de minimis; e nesta orde.

Artigo 4. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 5. Orzamentos

1. As subvencións reguladas nesta orde para o exercicio económico de 2021 financiaranse, no caso das axudas da liña 1, con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 500.000 euros, e no caso das axudas da liña 2, con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.770.0, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 5.000.000 de euros, tal e como figuran na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas será directamente proporcional ao número de autónomos dados de alta en cada provincia en 31 de decembro de 2020, de acordo coa seguinte porcentaxe: A Coruña 40 %; Lugo 15 %; Ourense 11 % e Pontevedra 34 %.

No caso de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, realizarase unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 6. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses.

b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.

c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración referida ao ano 2019 realizada inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.

3. Quedan excluídos desta orde:

a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

b) As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (procedemento TR341Q) nalgunha das anteriores convocatorias.

Artigo 7. Subvención do bono das persoas autónomas

1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade subvencionable cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.

2. Esta axuda terá dúas liñas de actuación:

Liña 1: mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:

– Investigación de mercado.

– Plan de márketing

– Plan de comunicación do negocio.

– Plan estratéxico do negocio.

– Plan de crecemento: constitución da sociedade.

– Plan de reorientación do negocio.

– Plan de transformación dixital.

– Plan de refinanciamento.

Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.

Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona na súa convocatoria para o exercicio de 2021 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.

Liña 2: mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:

– Compra de maquinaria.

– Compra de útiles e ferramentas.

– Reforma do local do negocio.

– Equipamentos informáticos.

– Rótulos.

– Aplicacións informáticas e páxinas web.

– Creación do logotipo do negocio.

– Mobiliario.

Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. No caso de solicitar axudas da liña 1 e da liña 2, atenderase en primeiro lugar á liña 1 e despois á liña 2, co límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables.

No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

3. Definicións:

Investigación de mercado: é o proceso que comprende as accións de identificación, recompilación, análise e difusión de información co propósito de mellorar a toma de decisións de márketing.

Plan de márketing: é un documento en formato texto ou esquemático onde se recollen todos os estudos de mercado realizados pola empresa, os obxectivos de márketing que se pretenden conseguir, as estratexias que se van poñer en marcha e a planificación que se seguirá.

Plan de comunicación do negocio: trátase dun documento que recolle as políticas, estratexias, recursos, obxectivos e accións de comunicación, tanto internas como externas, que se propón realizar no negocio. Contar cunha axuda para organizar os procesos de comunicación e guía do traballo comunicativo.

Plan estratéxico do negocio: documento que recolle as principais liñas de acción, é dicir, a estratexia que unha organización se propón seguir a medio e longo prazo. O plan estratéxico redáctase en función dos principais obxectivos que o negocio pretende e nel especifícanse as políticas e liñas de actuación concretas orientadas á consecución dos obxectivos e os intervalos de tempo precisos que se deben cumprir para cada unha das accións propostas.

Plan de crecemento: constitución da sociedade. Planificación da conversión do negocio individual dun ou varios autónomos nunha sociedade.

Plan de reorientación do negocio: estudo e planificación da reorientación do negocio dun autónomo situado en mercados maduros e á baixa.

Plan de transformación dixital do negocio: estudo e planificación do uso das novas tecnoloxías da información na operativa do negocio para mellorar a súa competitividade.

Plan de refinanciamento: planificación da reestruturación do pasivo do negocio e de fontes de financiamento para novos proxectos de investimento.

Maquinaria: conxunto de máquinas ou bens de equipamento mediante os cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos.

Útiles e ferramentas: conxunto de utensilios ou ferramentas que se poden utilizar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria, incluídos os moldes.

Equipamentos informáticos: considéranse equipamentos informáticos, para efectos desta orde, as tabletas ou similares, ordenadores persoais de sobremesa e ordenadores portátiles.

Reforma do local do negocio: refírese a obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica. Consisten normalmente en pequenas obras de simple reparación, decoración, ou ornato, que non modifican a estrutura construtiva. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fóra de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vinculadas a feiras e verbenas.

Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

Rótulos para negocios: carteis físicos identificativos dos negocios e da súa localización, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fóra de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vinculadas a feiras e verbenas.

Aplicacións informáticas e páxinas web: importe satisfeito pola propiedade ou polo dereito ao uso de programas informáticos. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento das páxinas web que a empresa adquira, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios.

Deseño de marca: creación de símbolo formado por imaxes ou letras que serve para identificar un negocio e as cousas que teñen relación con el.

Mobiliario: conxunto de mobles que sirvan para a actividade normal da empresa como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones.

4. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 31 de decembro de 2021.

Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Os investimentos deben ser contratados con provedores que se dediquen á actividade obxecto da subvención.

CAPÍTULO III

Procedemento

Artigo 8. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalle á xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade correspondente por razón de territorio segundo a localización do domicilio fiscal.

Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto nos artigos 9 e 13 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

3. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa interesada desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego da xefatura territorial competente por razón de territorio da Consellería de Emprego e Igualdade, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda dos erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

5. As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.

b) Certificación da entidade prestadora do servizo na cal conste a súa idoneidade para a súa prestación e o contido da dita prestación para axudas da liña 1.

c) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, factura pro forma ou orzamento.

d) Documentación xustificativa do volume de facturación; no caso das persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos, será unha declaración responsable da facturación realizada no ano 2020.

e) Imposto de sociedades, de ser o caso.

f) Documentación xustificativa de que a persoa autónoma societaria identificada no anexo I o é da entidade que solicita a subvención, de ser o caso.

g) Anexo II coa relación de servizos ou investimentos realizados ou que se van realizar.

h) Anexo III, debidamente cuberto e asinado no caso de solicitudes realizadas por unha sociedade.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Vida laboral da persoa traballadora autónoma solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Domicilio fiscal.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) IRPF da persoa solicitante correspondente ao exercicio do ano anterior ao desta convocatoria de subvención, de ser o caso.

k) NIF da entidade solicitante ou representante, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro indicado no anexo I e achegar os documentos correspondentes.

3. Salvo que as persoas traballadoras autónomas societarias se opoñan a esta consulta, o que deberán indicar no recadro sinalado no anexo III e achegar os documentos correspondentes, consultaranse os seguintes datos:

a) DNI ou NIE da persoa autónoma pola cal se solicita a subvención.

b) Vida laboral da persoa autónoma pola cal se solicita a subvención.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, e deberán serlles notificadas ás persoas interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses e computarase desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Unha vez que o órgano competente notifique a resolución, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polos regulamentos UE 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. No suposto de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto integro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no número 5 deste artigo.

Artigo 17. Anticipos de pagamento

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada nos casos en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase ata o 100 % do importe da subvención concedida mediante resolución motivada.

b) As persoas beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Coa aceptación da subvención realizarase o pagamento anticipado.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta orde.

3. Considerarase gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvencións deste programa deberá terse realizado ata o 31 de decembro do ano 2021.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta da persoa beneficiaria a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, ata o 31 de decembro do ano 2021.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

4. As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión.

5. De non achegarse con anterioridade, a xustificación da subvención debe realizarse coa presentación, no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores, segundo o modelo anexo IV.

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

– No caso de reforma do local, deberase entregar unha fotografía do local antes da reforma e outra feita despois da reforma.

6. A documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, á opción da persoa interesada.

7. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.

2. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas, agás as outorgadas polo Igape dentro do programa Re-Acciona convocado para o exercicio 2021.

3. Esta axuda é incompatible nos mesmos conceptos de axuda coas subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais convocadas para o ano 2021.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións:

a) Permanecer de alta no RETA ou na mutualidade de colexio profesional durante un tempo mínimo de dous anos desde a solicitude de subvención, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira fidedigna.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa ou entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

De acordo con esta obriga, a empresa subvencionada deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Emprego e Igualdade. Para isto incorporará un cartel informativo dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible durante o período mínimo dun ano desde o pagamento da subvención. O dito cartel estará dispoñible no portal de emprego http://emprego.ceei.xunta.gal/

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. No caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria, respecto da obriga establecida no artigo 20, letra a), de manter a actividade empresarial (alta no RETA) durante polo menos dous anos desde a presentación da solicitude, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos dezaoito meses, e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro das subvencións percibidas, de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

4. O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do cartel, segundo o previsto no artigo 20.h), suporá un reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

5. Procederá o reintegro pola cantidade non xustificada do anticipo concedido.

Artigo 23. Exclusións

1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 24. Seguimento e control

A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 25. Axudas baixo condicións de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa ou entidade beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira. Seguimento

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos, e nas persoas responsables das correspondentes xefaturas territoriais desta consellería para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer as obrigas e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file