Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 4 de agosto de 2021 Páx. 39108

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR341D e TR349F).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e de acordo coa Axenda 20 para o emprego e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas ou non suficientemente representadas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar a persoa emprendedora como axente dinamizador da economía na comunidade autónoma. Pero non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden as persoas autónomas xa establecidas.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir, crecer e ampliar os seus mercados. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser una prioridade fundamental.

Neste marco e co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio, e que ten unha especial relevancia nesta comunidade autónoma.

De acordo co disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 130/2020, do 1 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do Programa de promoción do emprego autónomo e do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas.

O financiamento dos dous programas de axudas prevese con cargo aos fondos seguintes:

– O Programa I, de promoción do emprego autónomo, estará cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do programa operativo FSE Galicia 2014-20 e, en particular, no obxectivo temático 8. Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral; prioridade de investimento 8.3. Traballo por conta propia, espírito emprendedor e creación de empresas, incluídas as microempresas e pemes innovadoras; obxectivo específico 8.3.1. Aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia sustentables creadas, facilitando o seu financiamento, mellorando a calidade e a eficiencia dos servizos de apoio e consolidación, e liña de actuación 114. Programa de promoción do emprego autónomo.

– O Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas finánciase a través de fondos finalistas, ao tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

En canto ao procedemento de concesión:

Establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo da autorización previa da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos (no caso do Programa I) logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para o ano 2021 coa finalidade de promover o emprego autónomo e a súa consolidación mediante incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

2. Establécense os seguintes programas de axudas:

a) Programa I: promoción do emprego autónomo (código de procedemento TR341D).

b) Programa II: programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e formación de persoas asalariadas (código de procedemento TR349F).

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

2. No caso do Programa I, axudas a persoas traballadoras autónomas, de promoción de emprego autónomo, por tratarse de subvencións cofinanciadas polo PO FSE Galicia 2014-2020 serán de aplicación: o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), e o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se deroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012, o Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote de COVID-19 (iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus), o Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19, o Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello de 23 de decembro de 2020 polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT UE), así como na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social:

– Programa I: aplicación orzamentaria 11.04.322C 472.0, código de proxecto 2015 00564, cun crédito de 11.200.000 euros.

– Programa II: aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.3, código de proxecto 2016 00315, cun crédito de 1.000.000 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa concesión queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito para o ano 2021 adecuado e suficiente no momento da resolución. A concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nestes programas.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente xa que a convocatoria non é plurianual.

3. No caso do Programa I, a distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas será directamente proporcional á porcentaxe do paro rexistrado en cada provincia en 31 de decembro de 2020, segundo os datos de paro rexistrados do Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coa seguinte porcentaxe: A Coruña, 40 %; Lugo, 10 %, Ourense, 11 % e Pontevedra 39 %. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 7 desta orde . No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

4. Para o Programa I, no suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, procederase a realizar unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.

5. No caso do Programa II, a distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas será directamente proporcional ao número de persoas autónomas dadas de alta en cada provincia en 31 de decembro de 2020, de acordo coa seguinte porcentaxe, A Coruña 40 %, Lugo 15 %, Ourense 11 % e Pontevedra 34 %. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 7 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

6. Para os programas I e II poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria, que se tramitará como modificacións desta, segundo previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de maneira que o incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. No caso do Programa I, pola súa condición de ser cofinanciado polo PO FSE Galicia 2014-2020, é necesario solicitar informe favorable previo do organismo intermedio (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos).

Artigo 5. Definicións

Para os efectos de esta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional, en relación co Programa I e no momento da súa contratación en relación co Programa II.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Data de inicio da actividade laboral: para os efectos deste programa entenderase como data de inicio da actividade laboral a data de inicio que figura na solicitude de alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional; esta data será a que figura recollida no documento de alta do Ministerio de Traballo e Economía Social, así como nos informes de vida laboral.

3. Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou que a discapacidade fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade.

4. Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, polo menos, 360 días durante os 540 días anteriores á súa contratación para o Programa II ou alta no RETA ou mutualidade para o Programa I.

5. Comunidade de bens, sociedade civil ou outras entidades xurídicas sen personalidade xurídica de nova creación: aquelas que inicien a actividade empresarial desde o 1 de outubro de 2020, segundo a data en que se dea de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, a data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

6. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

7. Para os efectos deste programa terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

8. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e a descendencia de primeiro grao das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

a) Ser persoa galega e nacida en Galicia.

b) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculado a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

d) Estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de emigrante retornado non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

9. Persoa trans: toda aquela persoa que se indentifique cun xénero diferente ao que lle foi asignado ao nacer.

10. Acción formativa: formación que se impartirá, ben con medios propios da entidade beneficiaria ou ben a través dunha entidade externa ou expertos, co obxecto de que a persoa traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que vai desenvolver na empresa participante no marco do programa.

11. Ocupacións con subrepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2016-2020 nos grupos ocupacionais segundo a nova Clasificación nacional de ocupacións (CNO-11) publicada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, teñense en conta os grupos ocupacionais que en 2020 reflicten valores de contratación inferiores ao 40 % de representación feminina e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.

Artigo 6. Subvencións baixo as condicións do réxime de minimis

1 Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e no Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Capítulo II

Normas comúns

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos (anexo I e anexo I-A) xunto coa documentación e no prazo establecido para cada tipo de programa.

As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaría dela.

5. Ao ser válida unha única solicitude por persoa ou entidade en cada un dos procedementos, no caso de que algunha persoa presente unha nova solicitude entenderase que desiste das anteriores, salvo que xa estivesen resoltas.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no titulo I da citada lei.

Artigo 11. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. Os órganos instrutores dos expedientes serán os servizos de Emprego e Economía Social das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade competentes por razón do territorio, que instruirán os procedementos de acordo cos criterios establecidos para o dito programa.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear a manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos ós procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concurrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

8. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea o día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa persoa debedora por resolución de reintegro.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, á xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade competente por razón do territorio.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen perxuízo das obrigas establecidas con carácter específico para cada programa de axuda, son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, e para o caso do Programa I, polo PO FSE Galicia 2014-2020.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

g) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Seguimento e control

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade e a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

2. A persoa solicitante das axudas e subvencións previstas nesta orde, no suposto de ter a condición de beneficiaria e para os efectos das actuacións de control das obrigas asumidas, autoriza a Consellería de Emprego e Igualdade para que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social poida facilitar a información sobre a situación de alta no sistema da Seguridade Social.

3. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. No caso do Programa I, calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 16. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 17. Forma de pagamento e xustificación

1. Comprobado o cumprimento dos requisitos establecidos na presente orde e resolta a concesión da axuda, procederase o pagamento da axuda, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

2. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.

3. A persoa beneficiaria deberá xustificar, telematicamente, no prazo máximo de 3 meses desde a recepción da axuda, a aplicación desta axuda os gastos subvencionables.

4. Documentación común:

a) Declaración do conxunto de axudas solicitidas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas no réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou ni recibiu outras axudas e subvencións (anexo I e anexo I-A).

b) Para o caso do Programa I, información dos indicadores de productividade sobre os participantes a que se refire o anexo I do Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará dispoñible na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Declaración responsable de que ten a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir coas condicións da axuda.

Artigo 18. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, no respectivo ámbito provincial onde a persoa solicitante teña o seu domicilio fiscal.

Capítulo III

Programa I. Promoción do emprego autónomo (TR341D)

Artigo 19. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de promoción do emprego autónomo e proceder á súa convocatoria para o ano 2021.

2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidos nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021, ambos inclusive.

4. Este Programa I está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular, no obxectivo temático 8. Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral; prioridade de investimento 8.3. Traballo por conta propia, espírito emprendedor e creación de empresas, incluídas as microempresas e pemes innovadoras; obxectivo específico 8.3.1. Aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia sustentables creadas, facilitando o seu financiamento, mellorando a calidade e a eficiencia dos servizos de apoio e consolidación, e liña de actuación 114. Programa de promoción do emprego autónomo.

5. Neste programa incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68 bis e 68 ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013».

Artigo 20. Persoas beneficiarias

1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

a) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Ter iniciada a actividade segundo a definición do artigo 5.2 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

c) Que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

d) Que non percibisen subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.

e) Que non desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atopárense indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, a excepción do recollido no punto 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 24.1.

Artigo 21. Contía da subvención

Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 20, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custos simplificados asociado á operación coas seguintes contías:

a) 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

b) 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

– Persoas menores de 30 anos.

– Persoas desempregadas de longa duración.

– Persoas desempregadas con discapacidade.

– Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos.

d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.

e) Persoas trans.

f) Profesións e oficios nos cales a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III.

Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 €.

Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo entenderase que solicita pola contía base mínima.

Para a xustificación dos importes dos incentivos previstos neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a) i) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

Artigo 22. Presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo será contado a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2021. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, cumprindo, polo tanto, o prazo mínimo dun mes establecido no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

b) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

c) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social, discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia).

d) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

e) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

f) No caso de que as persoas polas que se solicita a subvención teñan a condición de trans e opten polo incremento do 25 %, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

g) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna.

h) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens ou sociedade civil onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiras, se é o caso.

i) Declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, tal como se recolle no anexo I da orde.

j) Declaración responsable de que posúe a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

Debido ás circunstancias excepcionais motivadas pola pandemia da COVID-19 non será necesario achegar o plan de negocio e/ou viabilidade.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 24. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante, de ser o caso.

c) Vida laboral no réxime especial de traballadores autónomos.

d) Alta no imposto de actividades económicas.

e) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

i) Certificado de domicilio fiscal.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circusntancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia.

b) Consulta de datos de residencia con data de última variación padroal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Por tratarse de axudas cofinanciadas polo FSE que inclúen algún requisito de mantemento do emprego ou da actividade, a persoa solicitante da axuda autoriza o organismo intermedio do PO FSE 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos) para consultar a información da Administración pública competente relativa ao cumprimento do mantemento do emprego e da forma xurídica.

Artigo 25. Procedemento e criterios de avaliación das solicitudes

O fin último deste programa é a promoción do emprego autónomo a través do outorgamento dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral, polo que, para facilitar o financiamento dos proxectos de autoemprego subvencionados ao abeiro desta orde, se establece un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos de emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Resolución da concesión

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á persoa beneficiaria.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo as manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita polo persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

3. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 20, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

5. Na notificación da resolución da subvención comunicarase á persoa beneficiaria o financiamento con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade do investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciación de que se trate. Así mesmo, na resolución de concesión que se notifique aos beneficiarios estableceranse as condicións da axudas derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidos os beneficiarios, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

Ademais, por tratarse de axudas cofinanciadas polo FSE, na resolución de concesión informarase a persoa ou entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes das persoas beneficarias, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2221, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

6. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

8. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe formular con carácter potestativo recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

9. No suposto de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto íntegro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no número 7 deste artigo.

Artigo 27. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 14 desta orde, as seguintes:

a) Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de dezaoito meses se se concede a subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

b) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, e presentar os indicadores de produtividade e resultado a que ser refire o anexo I do Regulamento (UE) 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE) 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa actividade subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao momento do cumprimento dos prazos de mantemento da condición de persoa traballadora autónoma a que se refire a alínea a) deste artigo. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, seralles facilitado ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa 1420.

c) Someterse as actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comenzo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

e) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

f) Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación, así como a outra información prevista no anexo XII, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

g) As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante o período dun ano a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións.

Artigo 28. Incompatibilidades e concorrencia

A subvención establecida neste programa será incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo que subvencionen a alta como persoa traballadora autónoma, nos programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

Así mesmo, serán incompatibles coas axudas comprendidas no programa Emega para o fomento do emprendemento feminino convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, así como con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.

Será compatible coas axudas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque en 2021 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes, así como co Programa do bono nova oportunidade que se convoque no ano 2021.

Artigo 29. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 21 desta orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 27, alínea a), de mantemento da alta no RETA ou mutualidade durante un período de dezaoito meses.

4. Procederá o reintegro total das axudas concedidas ao abeiro desta orde no suposto de non cumprir co prazo indicado no artigo 27, alínea g), de non manter a forma xurídica durante un período mínimo dun ano.

5. Procederá o reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 14, alínea b), de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

6. Procederá o reintegro do 10 % da axuda no caso do incumprimento de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

7. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao non cumprir a obriga establecida no artigo 27, alínea a), de manter a alta no RETA ou mutualidade durante dezaoito meses, e se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos doce meses. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dezaoito meses.

8. Procederá o reintegro parcial do 2 % da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 27, alínea e), de cumprir coas medidas de información.

9. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 14, alínea b), de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

10. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

11. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Capítulo IV

Programa II. Axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e formación de persoas asalariadas (TR349F)

Sección 1ª. Disposicións xerais para os bonos de contratación e formación

Artigo 30. Obxecto dos bonos de contratación por conta allea e formación

1. Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2021 dos incentivos á contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

2. Por medio destes bonos as empresas que soliciten a subvención terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial e para a formación (código de procedemento TR349F). Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Artigo 31. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

2. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

3. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran nin os autónomos colaboradores.

4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non acharse ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das que se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 5 e 6 anteriores (alínea j) para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, a excepción do recollido no punto 5.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 42.

Artigo 32. Prazo de solicitudes

1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2020 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2021, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

4. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Artigo 33. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

2. A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas neste programa, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, no respectivo ámbito provincial onde a persoa solicitante teña o seu domicilio fiscal.

3. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

Artigo 34. Resolución de concesión

1. A resolución de concesión da subvención pola contratación e formacion, comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á persoa beneficiaria.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita polo persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen para este programa de contratación e formación no artigo 31 desta orde de convocatoria, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

3. O prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, na resolución de concesión que se notifique ás persoas beneficiarias estableceranse as condicións da axuda derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidas as persoas beneficiarias, en especial os requisitos específicos relativos, se é o caso, aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

5. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe formular, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

7. No suposto de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto íntegro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no número 7 deste artigo.

Artigo 35. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións previstas no bono de contratación son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. As subvencións previstas no bono de formación son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

4. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 36. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Sección 2ª. Bono de incentivos á contratación de persoas desempregadas

Artigo 37. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais que se formalicen desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021.

A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo.

Artigo 38. Requisitos

1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que realicen as persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora, agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.

3. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas, agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.

4. O contrato indefinido inicial para que poida ser obxecto de subvención deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 39. Contía dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse coas seguintes axudas:

i. Primeira persoa traballadora indefinida.

A axuda consistirá nunha contía de 4.000 euros cando se trate dunha persoa desempregada.

Esta axuda será de 6.500 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

• Persoas desempregadas de longa duración.

• Persoas con discapacidade.

• Persoas en situación ou risco de exclusión social.

ii. Segunda e terceira persoa traballadora indefinida.

A axuda consistirá nunha contía de 6.500 euros cando se trate dunha persoa desempregada.

Esta axuda será de 9.000 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

• Persoas desempregadas de longa duración.

• Persoas con discapacidade.

• Persoas en situación ou risco de exclusión social.

Estas contías resultantes incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos.

d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.

e) Persoas trans.

f) Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Observatorio do Emprego, tal e como figuran no anexo III desta orde.

Deste xeito, as contías máximas posibles, de aplicarse todos os incrementos, serían:

– Para a primeira persoa traballadora indefinida 16.250 €.

– Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 22.500 €.

Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo entenderase que solicita pola contía base mínima.

2. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

Artigo 40. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais e disposicións complementarias.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

Artigo 41. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I-A) a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, debéndose achegar declaración ante un notario ou secretario municipal, a cal adquirirá a categoría de documento público e poderá ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.

b) Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo II-A).

c) Documentación que acredite que se trata do primeiro, segundo ou terceiro posto de traballo de carácter indefinido (vida laboral da persoa autónoma como empresaria desde o inicio da actividade ata a data da contratación indefinida da persoa traballadora pola cal se solicita subvención, incluíndo todas as contas de cotización: informe de vida laboral dun código conta de cotización). Se é o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.

d) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

e) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia).

f) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

g) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

h) Anexo III-A, debidamente cuberto e asinado.

i) No caso de que as persoas polas que se solicita a subvención teñan a condición de trans e opten polo incremento do 25 %, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 42. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticante os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante, de ser o caso.

c) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

d) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

e) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

f) Contrato laboral da persoa traballadora pola que se solicita a subvención.

g) Certificado, da persoa solicitante, de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado, da persoa solicitante, de estar ao día das súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Certificado, da persoa solicitante, de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.

b) Consulta de datos de residencia con data de última variación padroal da persoa traballadora contratada.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 43. Obrigas das persoas beneficiarias

1. A persoa beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de dous anos.

2. No suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria está obrigada a manter durante 2 anos, contados desde a data da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal.

3. No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual ou superior á da persoa substituída, e a nova persoa traballadora deberá pertencer a algún colectivo polo que se lle puidese conceder un incentivo por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

Artigo 44. Reintegros nos bonos de contratación

1. Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no artigo 43.3 desta orde, procederá o reintegro total da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

2. Cando a substitución se realice transcorrido o prazo establecido no artigo 43.3, entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía que se reintegrará será a correspondente aos meses en que o posto estivese vacante.

3. Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita polo menos cunha xornada de traballo igual á da persoa que causou baixa, ou no suposto dunha modificación da xornada de traballo da persoa contratada e subvencionada, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior.

4. Se se efectuou a substitución, pero esta foi feita cunha nova persoa traballadora pertencente a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe inferior ao da persoa que causou baixa, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación.

5. Cando a persoa beneficiaria incumpra en medias anuais a obriga establecida no artigo 43.3 procederá o reintegro parcial da axuda, por cada anualidade en que se incumpra esta obriga.

Sección 3ª. Bono de incentivos á formación

Artigo 45. Accións subvencionables e requisitos

1. As persoas autónomas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar na sección 2ª desta convocatoria.

b) En canto á duración da acción formativa, será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de novembro de 2021.

2. Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 46. Lugar de impartición das accións formativas

As persoas beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación, podendo realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación.

Artigo 47. Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase, no caso das contratacións indefinidas inicias cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido que en ambos os casos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 48. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación unha vez transcorridos dous meses unha vez impartida a formación:

a) Documento acreditativo de que a persoa ou entidade solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do bono de formación que se realizou coa solicitude desta axuda. No suposto de que non haxa representantes legais, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.

b) Informe de aproveitamento asinado pola persoa titora e a persoa traballadora en que se detalle:

– Os contidos das accións formativas na empresa.

– Programa de actividades e servizos que a empresa puxese á disposición do formando para familiarizarse coa empresa.

– Os seus coñecementos e habilidades melloradas.

Artigo 49. Incumprimento de obrigas e reintegro

No caso de que a persoa traballadora pola que se solicitan as axudas establecidas no bono de formación cause baixa na empresa, si esta non recibiu horas de formación establecidas no artigo 45.1.b) na súa totalidade, a entidade beneficiaria deberá reintegrar a axuda percibida.

No caso de que a persoa traballadora que causou baixa sexa substituída por outra persoa traballadora que cumpra as mesmas condicións que a anterior, a entidade beneficiaria poderá percibir a axuda establecida no bono formación no caso de que esta nova persoa traballadora reciba a formación na súa totalidade segundo o artigo 45.1.b).

Esta axuda percibirase por unha soa persoa traballadora formada.

En todo caso, as accións formativas deberán executarse no referente aos prazos, segundo o establecido no artigo 45 desta orde de convocatoria.

No caso de que as persoas beneficiarias non presenten a documentación establecida no artigo 48 procederá o reintegro total da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Disposición adicional primeira. Delegación

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade nos xefes e xefas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file