Xunta de Galicia

Preguntas máis frecuentes


01. Que normativa regula o nomeamento do persoal interino e a contratación temporal de persoal laboral?

O nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios/as e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia está regulado polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG nº48 do 9 de marzo), modificado polo Decreto 124/2016, do 19 de setembro (DOG nº178 do 19 de setembro).

02. Como se pode realizar a inscrición nas listas de contratación?

Deberá presentar debidamente cuberta e asinada a solicitude de inscrición xunto co resto da documentación que acredite, de ser o caso, o pagamento das taxas e o cumprimento dos requisitos propios do grupo, escala, especialidade ou categoría na que desexa inscribirse (titulación académica, acreditación do nivel de coñecemento do idioma galego e fotocopia do DNI ou, no seu caso, autorización de consulta do mesmo).

As persoas interesadas deberán facer constar o ámbito, ata un máximo de tres, no que desexan prestar os seus servizos para cada grupo, escala, especialidade ou categoría en que soliciten inscribirse.

Premendo nesta ligazón pode obter máis información sobre os requisitos a cumprir e o procedemento de inclusión en listas.

03. Cando é posible inscribirse nas listas de contratación?

Con carácter xeral o prazo de inscrición a aquelas listas que se atopen en xestión estará aberto entre os días 1 de marzo e o 15 de xullo de cada ano. 

04. En que listas podo inscribirme?

Dentro do prazo anteriormente indicado pode inscribirse en calquera lista das que figuren abertas no momento da apertura do período de inscrición. Pode consultar a relación de listas abertas premendo nesta ligazón.

Terán a consideración de listas pechadas aquelas que a Administración considere que se atopan saturadas por que non se produzan contratacións ou nomeamentos ou ben porque haxa un excesivo número de persoas inscritas, polo que poderá determinar o peche da incorporación de novas solicitudes ata a resolución dun novo proceso selectivo para ese grupo, escala, especialidade ou categoría, coa excepción dos/das interesados/as que superasen algunha proba do último proceso selectivo ou teñan prestado servizos na Xunta de Galicia para a lista correspondente a ese grupo, escala, especialidade ou categoría.

05. Como se pode xerar unha solicitude de inclusión en listas?

A xeración da solicitude de inclusión está dispoñible nesta páxina do portal web da Xunta de Galicia.

Para un correcto funcionamento da aplicación deberá configurar o seu dispositivo de acordo cos criterios que se describen neste apartado.

06. Cal é o procedemento que se segue para a provisión temporal de postos de traballo?

A provisión temporal de postos de traballo efectuarase a través dun sistema de lista aberta na que a orde de prelación para cada ámbito de cada grupo, escala, especialidade ou categoría virá determinada pola puntuación obtida trala aplicación do baremo previsto no Decreto 37/2006.
 

07. Que é un ámbito?

Un ámbito representa o espazo territorial para o que unha persoa solicita ser chamada para a provisión temporal dun posto de traballo.

A delimitación territorial dos diferentes ámbitos é propia para cada lista e virá definida na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes. Os ámbitos, en función do que se determine para cada lista, poderán ser autonómico, servizos centrais, servizos provinciais ou agrupación de municipios.

08. Onde pode consultarse o estado das listas?

O estado das listas pode consultarse na Internet e nas oficinas de información administrativa e atención ao cidadán.

09. Pódese solicitar unha suspensión de chamamentos?

As persoas integrantes das listas que non se encontren prestando servizos a través das listas elaboradas en aplicación deste decreto poden solicitar electronicamente a suspensión de chamamentos, a cal terá efectos a partir do día seguinte ao da súa presentación e se manterá en tanto a persoa interesada non presente a solicitude de reincorporación.

A solicitude de reincorporación producirá efectos transcorridos trinta días naturais dende a súa presentación.

Premendo nesta ligazón pódese acceder directamente á páxina de xeración da solicitude de suspensión indefinida e/ou reanudación de chamamentos.

10. Necesítase dispor de teléfono móbil para solicitar unha suspensión?

Si, as persoas integrantes das listas en cuxo expediente non figure un número de teléfono móbil están obrigadas a comunicalo para poder presentar as solicitudes de suspensión e/ou de reanudación de chamamentos.

11. Cando pode ser oportuno solicitar a suspensión?

A suspensión resulta de especial interese cando as persoas inscritas nas listas non podan atender ou asistir a un chamamento para a provisión dun posto de traballo, como por exemplo nunha situación de baixa médica, e evitar así unha posible penalización causada polo feito de seren convocadas para facer efectiva unha contratación e non presentarse a esta.

Calquera citación recibida antes de ser efectiva a suspensión deberá ser atendida pola persoa interesada xa que en caso contrario quedará excluída da lista.

12. Existen posibles penalizacións para as persoas integrantes das listas?

Si que existen. Con carácter xeral as persoas integrantes dunha lista que non se presentasen a un acto de selección para o que fosen convocadas, non aceptasen o posto ofertado ou renunciasen posteriormente a el, quedarán excluídas dos chamamentos durante un ano a contar dende a data do feito causante da exclusión.

14. Cal é a función da Comisión Permanente?

A Comisión Permanente é o órgano colexiado encargado da elaboración e control do funcionamento das listas. Son funcións propias da Comisión resolver as cuestións derivadas da interpretación do decreto, adoptar cantos acordos e decisións esixa o funcionamento das listas e resolver as solicitudes e reclamacións presentadas en relación co funcionamento e xestión das listas.

15. Pódese renunciar a un posto de traballo que se está desempeñando?

Con carácter xeral a renuncia á continuidade no desempeño dun posto de traballo implica a exclusión da lista por un ano. Exceptúase deste criterio a renuncia a un posto de traballo reservado a persoal laboral con xornada igual ou inferior á metade da xornada ordinaria ou dun posto de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses, unha vez transcorridos seis meses dende a data de inicio da prestación de servizos que figura no contrato e previo preaviso da persoa traballadora con vinte días naturais de antelación á data de efectos da renuncia.

Tamén supón unha excepción ao criterio xeral a renuncia a un posto de traballo por desempeñar outro vacante nos supostos previstos no decreto.

16. Existen causas de forza maior que xustifiquen non acudir a un chamamento e non ser penalizado/a?

Si, existen diversas causas de forza maior apreciadas pola Comisión Permanente que xustifican non  presentarse a unha convocatoria para a provisión dun posto de traballo con carácter temporal. Estas causas así como os medios para acreditalas e os seus efectos están publicadas no portal web da Xunta de Galicia, www.xunta.gal, e poden consultarse premendo nesta ligazón.

17. Como se poden modificar os ámbitos solicitados e/ou os datos persoais?

As persoas inscritas nas listas que desexen cambiar de ámbito ou modificar os seus datos persoais poderán facelo mediante unha solicitude con presentación electrónica.

Premendo nesta ligazón pódese acceder directamente á páxina de xeración da solicitude de modificación de ámbitos e/ou datos persoais.

18. Cando se pode solicitar unha modificación de ámbitos?

A solicitude de modificación de ámbitos poderá efectuarse no mes de xaneiro de todos os anos, producindo efectos na xestión de listas a partir do 1 de marzo seguinte.

19. Cando se pode solicitar unha modificación dos datos persoais?

A solicitude de modificación de datos persoais poderá efectuarse en calquera momento, producindo efectos na xestión de listas dende o día seguinte ao da súa presentación.

20. En que momento se actualizan os méritos?

A actualización de méritos efectuaraa anualmente e de oficio a Administración. No mes de febreiro de cada ano publicarase a listaxe provisional, dispoñendo as persoas interesadas dun prazo de 10 días hábiles para reclamar no caso de non estaren conformes con ela.