Xunta de Galicia

Preguntas máis frecuentes


A que procesos selectivos me podo presentar?

Para ordenar as súas necesidades de recursos humanos, a Administración Autonómica publica anualmente no Diario Oficial de Galicia a denominada “Oferta de Emprego Público” na que se recollen todos os grupos e subgrupos de persoal funcionario e laboral que serán obxecto de convocatoria e o número concreto de prazas vacantes que se ofertarán para cada un deles.

Cando se realizará o primeiro exame?

A orde pola que se convoca o proceso selectivo inclúe de ordinario unha data antes da cal non terá lugar o primeiro dos exercicios para permitir que os/as aspirantes coñezan dende o inicio o tempo mínimo do que disporán para a a súa preparación.

Unha vez nomeado o tribunal do proceso, a Dirección Xeral da Función Pública publica unha previsión da data na que poderá ter lugar o exercicio e ábrese un prazo de 15 días para a realización da sesión constitutiva do dito órgano.

A partir da data de realización da sesión constitutiva do tribunal, que se publica tamén na páxina web da Xunta de Galicia, comeza o prazo máximo de 40 días hábiles que a propia convocatoria determina para a realización do primeiro exercicio. O acordo do tribunal polo que se determina a data, a hora e o lugar concretos do exercicio.

O anuncio dos sucesivos exercicios debe realizarse cunha antelación mínima de 24 horas con respecto ao seu comezo, se ben a Dirección Xeral procura anunciar cunha marxe maior unha previsión sobre as datas nas que poderían ter lugar.

Canto teño que abonar para participar?

Para ser admitidos/as aos procesos selectivos, os/as aspirantes deben aboar unha taxa en concepto de dereitos de exame, tal e como establece a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma.

A contía que se debe ingresar, que varía en función do grupo ao que se opte, debe ser a que estea vixente no momento de presentar a solicitude.

Non obstante, a propia lei recolle as seguintes excepcións que se reproducen nas convocatorias dos procesos:

Exención do 100%:

  • As persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.
  • As familias numerosas de réxime especial.

Exención do 50%:

  • As familias numerosas de réxime xeral.
  • As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Como comeza o procesos selectivo do grupo ou subgrupo ao que me quero presentar?

O comezo do proceso selectivo propiamente dito ven marcado pola publicación no DOG da súa orde de convocatoria.

Esta orde contén unha regulación do conxunto do proceso selectivo e a ela deberán atender todas as persoas que nel participen.

Como se desenvolven os exercicios?

O chamamento para acceder ao recinto onde se realiza o exercicio comeza á hora concreta sinalada polo tribunal na resolución correspondente. Para realizalo, as persoas aspirantes son chamados por orde alfabética, comezando pola letra que resultara do sorteo anual que se publica no DOG e se específica na convocatoria.

En función do número de aspirantes admitidos/as ao exercicio, o chamamento pode ter lugar simultaneamente a través de distintas portas de acceso, en cuxo caso sinálase no recinto que marxe de apelidos abrangue cada unha delas.

Cada aspirante debe presentarse ao ser chamado e amosar o seu DNI ou o documento que acredite suficientemente a súa identidade. Ademais, debe ter en conta que non se lle permitirá acceder con teléfono móbil ou calquera outro tipo de aparello electrónico e que non haberá á súa disposición ningún tipo de servizo de recollida ou depósito para eles.

Unha vez dentro do recinto, as persoas aspirantes reciben una serie de instrucións que deben seguir para desenvolver o exercicio e que varían segundo o tipo do que se trate. Así, por exemplo, no suposto dos cuestionarios tipo test, proxéctase un vídeo que explica detalladamente os pasos a seguir para cubrir correctamente o impreso de respostas que está dispoñible en todo momento na páxina web da Xunta de Galicia.

Os resultados dos exercicios son publicados polo tribunal do proceso, unha vez examinadas as reclamacións que os/as aspirantes puideran presentar, nos días seguintes á súa realización na páxina web da Xunta de Galicia e no DOG, se ben, no suposto dos cuestionarios tipo test, a plantilla coas respostas consideradas correctas faise pública ao seu remate no mesmo recinto onde se realizaron e na mesma páxina web.

Como sei que estou admitido?

Unha vez recibidas e examinadas todas as solicitudes das persoas aspirantes, o órgano competente aproba e publica unha listaxe provisional de admitidos/as e de excluídos/as, indicando a causa que motivou esta última situación.

A dita publicación realízase a título informativo na páxina web da Xunta de Galicia e, en todo caso, no DOG.

Como solicito participar en un proceso?

O tipo de solicitude que se debe cubrir, o prazo para facelo e a documentación que, en caso de seren necesario, se debe presentar descríbese en cada orde de convocatoria, sendo, en calquera caso, maioritaria a modalidade telemática de presentación e pagamento.

Podo solicitar algún tipo de adaptación para realizar os exames?

As convocatorias recollen dous tipos de adaptacións que os/as aspirantes poden solicitar segundo as circunstancias nas que se atopen.

  • As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poden poñelo en coñecemento do tribunal, que decidirá, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas medidas conxuntamente.
  • Os aspirantes cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33% poden solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Que é o sistema selectivo?

A expresión “sistema selectivo” refírese ao tipo de probas nas que os/as aspirantes deberán participar para o ingreso no grupo do que se trate, segundo se trate de probas de capacidade, de valoración de méritos ou da combinación de ambos.

Así, distínguense os seguintes sistemas selectivos:

  • Oposición: consiste na superación das probas teóricas ou prácticas que se describan na convocatoria correspondente, así como, de ser o caso, na superación dun curso selectivo de formación.
  • Concurso-oposición: consiste na superación das probas correspondentes e, no seu caso, do curso selectivo de formación, así como na valoración de determinadas condicións de formación, méritos o niveis de experiencia que se especifiquen na convocatoria correspondente.
  • Concurso de méritos:consiste na valoración unicamente dos méritos que se sinalen na convocatoria. Trátase dun sistema excepcional de acceso para postos singulares en atención á natureza das funcións a desempeñar.

Quen xulga o meu proceso?

A composición do órgano de selección encargado de xulgar o proceso selectivo, axustada ao disposto no artigo 60 do EBEP, é obxecto de publicación no DOG.

En todo caso, os membros de dito órgano non poderán ter unha titulación inferior á esixida para a admisión ás probas.

Que requisitos debo cumprir para participar?

Os diferentes requisitos de nacionalidade, capacidade funcional, idade, habilitación e titulación que deben cumprir todas as persoas que aspiren a participar no proceso selectivo aparecen recollidos e descritos na súa correspondente convocatoria.

Que supón participar nun proceso pola cota de reserva para persoas con diversidade funcional?

De acordo co artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, nas ofertas de emprego público reservarase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento das prazas convocadas para seren cubertas entre persoas con discapacidade, sempre que superen as probas selectivas e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións, de xeito que progresivamente se alcance o dous por cento dos efectivos totais da Administración da Xunta de Galicia.

A reserva do mínimo do sete por cento realizarase de maneira que, polo menos o dous por cento das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, e o resto das prazas ofertadas o sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

A reserva farase sobre o número total das prazas incluídas na respectiva oferta de emprego público e as prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanse concentrar naquelas convocatorias que se refiran a corpos, escalas ou categorías que se adapten mellor ás peculiaridades das persoas con discapacidade. Cando da aplicación das porcentaxes resulten fraccións decimais, redondearanse por exceso para o seu cómputo.

Se as prazas reservadas e que foron cubertas polas persoas con discapacidade non acadan a porcentaxe do tres por cento das prazas convocadas na correspondente oferta de emprego público, as prazas non cubertas do número total das reservadas acumularanse á porcentaxe do sete por cento da oferta seguinte, cun límite máximo do doce por cento.

As ofertas de emprego público poden prever que as prazas reservadas para persoas con discapacidade se convoquen conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes, garantíndose, en todo caso, o carácter individual dos procesos selectivos. As probas dos procesos obxecto de convocatoria independente terán o mesmo contido que as que se realicen nas convocatorias ordinarias e as persoas que participen nelas deberán acreditar o grao de discapacidade indicado. As prazas incluídas nestas convocatorias computaranse na porcentaxe reservada na oferta de emprego público para a súa cobertura entre persoas con discapacidade.

A petición de adaptación de tempo e/ou medios deberase facer constar na propia solicitude.

A participación no proceso a través desta cota permite tamén que os/as aspirantes que o superen poidan solicitar, baseándose nun informe técnico, unha alteración da orde de prelación acadada que lle permita optar a un posto axustado ás súas necesidades.

 

Que titulación teño que ter?

No caso de optar ao ingreso nun subgrupo de persoal funcionario da administración xeral, as persoas aspirantes deberán posuír as titulacións recollidas no artigo 76 da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público (en diante, EBEP) e ter en conta o disposto na Disposición Transitoria Terceira da mesma norma. No suposto de optar ao ingreso nalgunha das escalas de persoal funcionario que integran a administración especial, os/as aspirantes deberán posuír as concretas titulacións recollidas nas leis polas que se crearon.

Nos procesos selectivos correspondentes ao persoal laboral, os/as aspirantes deberán cumprir os requisitos sinalados no V Convenio Colectivo Único para o Persoal Laboral da Xunta de Galicia ou, para determinadas categorías, os que se sinalen nas súas respectivas convocatorias..

Documentos relacionados

Se cometín un erro na solicitude, podo arranxalo?

Coa publicación no DOG das listaxes provisionais ábrese un prazo de 10 días hábiles para emendar os erros que a persoa aspirante puidera cometer na súa solicitude.

Este tipo de subsanación abranguería únicamente os defectos formais que se cometeran dentro da mesma solicitude, pero non o cambio a outra solicitude ou a ausencia de pagamento do importe establecido en concepto de dereitos de exame.

Unha vez examinadas as alegacións que os/as aspirantes presenten para arranxar os erros das súas solicitudes, o órgano competente aproba e publica unha listaxe xa definitiva de admitidos/as e de excluidos/as nunha resolución pola que se consideran todas elas respondidas .

Ao igual que no caso das listaxes provisionais, a publicación das definitivas realízase a título informativo na páxina web da Xunta de Galicia e, en todo caso, no DOG.

Se participo nun concurso-oposición, como teño que presentar os méritos?

A convocatoria do proceso selectivo describe na base adicada á fase de concurso os méritos concretos que o tribunal poderá valorar ás persoas aspirantes e describe ou remite a unha resolución independente a descrición do procedemento que deberán seguir para acreditalos e os documentos concretos que teñen que presentar para xustificalos.

Unha vez examinados todos os documentos acreditativos dos méritos que presenten os/as aspirantes, o tribunal do proceso publica unha listaxe coa puntuación outorgada a cada un deles.

Se supero todas as probas, cando se realiza o nomeamento?

Coa publicación no DOG da relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo ábrese un prazo de 20 días naturais para que todos eles presenten os documentos que sinala a convocatoria como xustificativos do cumprimentos dos requisitos do proceso.

Unha vez transcorrido o dito prazo e examinada a documentación presentada, as persoas aspirantes son convocadas a través dunha orde que se publica no DOG e que inclúe unha relación dos postos de traballo ofertados e das súas características a un acto público de elección, no que serán chamadas por orde segundo a puntuación acadada no proceso selectivo.