Xunta de Galicia

Quen pode participar

PROCESOS SELECTIVOS  

Quen pode participar

As persoas candidatas que desexen participar no proceso selectivo deberán posuír e/ou cumprir, o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

Nacionalidade

  • Ser español
  • Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea
  • Ser nacional dalgún Estado a que sexa de aplicación a liberdade de circulación de traballadores.
  • Independentemente da súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos Estados membros da Unión Europea, e cando así o prevexa o correspondente Tratado, o cónxuxe dos nacionais dalgún Estado nos cales sexa de aplicación a liberdade de circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito.
  • Así mesmo, e coas mesmas condicións que os cónxuxes, poderán participar os descendentes e os do seu cónxuxe, menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Nas convocatorias de procesos selectivos para acceder á condición de persoal laboral poderán participar aquelas persoas que, non estando incluídas nos parágrafos anteriores, se encontren en España en situación legal, sendo titulares dun documento que as habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral. En consecuencia, poderá participar quen se encontre en situación de residencia temporal, quen se encontre en situación de residencia permanente, quen se encontre en situación para residir e traballar, así como os refuxiados.

Idade

Ter 16 anos e non ter acadada a idade de xubilación forzosa (65 anos) ou a idade máxima que se estableza na propia convocatoria do proceso selectivo.

Titulación

Deberase posuír a titulación establecida nas bases da convocatoria.

Para efectos de acceso, e con independencia do establecido no parágrafo anterior, considerarase equivalente ao título de diplomado universitario, ter superados os tres primeiros cursos completos dos estudos que conducen á obtención de calquera título oficial de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, ou o primeiro ciclo correspondente aos ditos estudos, sempre que este primeiro ciclo conteña unha carga lectiva mínima de 180 créditos (Disposición adicional primeira do Real decreto 1272/2003, do 10 de outubro, polo que se regulan as condicións para a declaración de equivalencia de títulos españois de ensino superior universitario ou non universitario aos títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio español).

Para o caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase posuír, no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes, un documento que acredite, de maneira que faga fe, a súa homologación.

Compatibilidade funcional

Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

Habilitación

Non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas. Non estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio das funcións públicas. Non pertencer ao mesmo corpo ou escala a cuxas probas selectivas se presenta.