Xunta de Galicia

O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle a exposición ‘Faustino Santalices. tradición musical galega’ que recolle a vida e obra do musicólogo ourensán

A mostra busca homenaxear a figura de Faustino Santalices, artesán, intérprete e investigador da música folclórica e popular galega, e atribuírlle o lugar que lle corresponde no patrimonio cultural de Galicia

Santiago, 18 de xuño de 2010.- O Museo Etnolóxico de Ribadavia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, acolle a exposición Faustino Santalices. Tradición musical galega. A mostra recolle a vida e obra do investigador, artesán e intérprete ourensán a través de diversos paneis explicativos, documentos, arquivos sonoros e unha serie de instrumentos musicais galegos como zanfonas ou gaitas.

A exposición, comisariada por Cástor Castro Vicente e Félix Castro Vicente, busca homenaxear a figura de Faustino Santalices e atribuírlle o lugar que lle corresponde no patrimonio cultural de Galicia. Santalices foi un dos grandes estudosos da música galega e recompilou o repertorio dos vellos gaiteiros e as cantigas tradicionais, ademais de ser o máximo coñecedor da historia e a técnica da gaita e da zanfona no seu tempo.

Así mesmo, é considerado o primeiro construtor científico da gaita, recuperador da zanfona e fundador da primeira Escola-Taller de instrumentos tradicionais de Galicia. Como intérprete, foi un gaiteiro de renome e éxito en toda a xeografía española. Santalices destacou tamén como o único zanfonista da península durante boa parte do século XX, encarnando o antigo espírito da xograría.


Faustino Santalices Pérez. Apuntes biográficos
Naceu en Bande (Ourense) o 16 de novembro de 1877. Cursou a carreira de Dereito en Santiago de Compostela, licenciándose en 1901; entre os seus compañeiros universitarios estiveron grandes escritores e intelectuais galegos como Jaime Solá e Ramón Cabanillas.

En 1903 aproba as oposicións e entra no Ministerio de Gobernación con sucesivos destinos en Cuenca, Soria e Madrid. En 1914 retorna a Ourense, onde permaneceu durante 25 anos, residindo na rúa San Pedro e na Praza do Ferro. Casa con Rosa Muñiz Casademunt en Ribadavia en 1918, e ten tres fillos. En 1924 é nomeado Secretario de Gobernación. Intervén activamente na vida cultural ourensá en tertulias, festivais e homenaxes. Fai amizade con Otero Pedrayo, Vicente Risco e Castelao, entre outros. Colabora cos coros De Ruada e Os Enxebres, e grava discos de gaita e zanfona para a compañía Regal no ano 1929.

En 1936 é trasladado por motivos políticos a Pontevedra e, meses despois, a Burgos. Volta a Ourense no 1938, pero ao rematar a guerra é destinado a Barcelona, pide o traslado a Valladolid e logo marcha a Madrid en 1944, cidade na que residiu ata o seu pasamento. Naqueles anos en Madrid, participa nas tertulias galegas do Café Zahara e do Café Lyon D’Or, con Castroviejo, Ben-Cho-Sey, Antonio Palacios, Ramón Cabanillas e outros; forma parte da Peña Gallega, colabora nas actividades do Centro Gallego de Madrid e inicia amizade con Menéndez Pidal, Castro Gil, Orson Welles e outros intelectuais da capital.

En 1947 xubílase, é nomeado administrador do Instituto Oftálmico Nacional, e desde entón dedícase con intensidade a traballar en prol da música galega. En 1952 funda a Escola-Taller de Gaitas e Zanfonas da Deputación de Lugo, que dirixe ata o final da súa vida, o 6 de decembro de 1960, á idade de 83 anos.
 

  • whatsapp