Xunta de Galicia

O Consello da Xunta autorizou hoxe un protocolo de colaboración para a creación da eurocidade

Feijóo salienta que a Eurocidade Tui-Valença será unha oportunidade para o desenvolvemento social e económico destes concellos e “para que Galicia siga gañando presenza e centralidade na Unión Europea”

Nas próximas semanas formalizarase o compromiso entre a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e os dous concellos transfronteirizos implicados

A iniciativa suporá unha oportunidade de desenvolvemento desde o punto de vista económico, comercial, empresarial, tecnolóxico, turístico e académico

O presidente galego destaca que tamén será unha oportunidade “para conseguir vías de financiamento europeo con destino a Galicia e ao Norte de Portugal”

Vídeo coas declaracións do presidente sobre a Eurocidade Tui-Valença
  • O presidente da Xunta durante a rolda de prensa
    Autor: Ana Varela
  • O presidente da Xunta durante a rolda de prensa
    Autor: Ana Varela
  • O presidente da Xunta durante a rolda de prensa
    Autor: Ana Varela

Santiago, 12 de xaneiro de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a Eurocidade Tui-Valença constituirá “unha oportunidade para o desenvolvemento social e económico deses concellos” e tamén “unha oportunidade para que Galicia siga gañando presenza e centralidade na Unión Europea”.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que hoxe autorizou un protocolo de colaboración para a creación desta eurocidade, Alberto Núñez Feijóo avanzou que nas próximas semanas se formalizará este compromiso entre a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e os dous concellos transfronteirizos implicados. A de Tui-Valença será así a segunda eurocidade de Galicia, tras a creación da Eurocidade Verín-Chaves.

O mandatario autonómico remarcou que esta iniciativa representa unha oportunidade “de desenvolvemento” desde o punto de vista económico, comercial, empresarial, tecnolóxico, turístico e académico e lembrou que, “canto máis xuntos esteamos, máis posibilidades teremos de coordinación e de compartir servizos”. Pero tamén, incidiu, “é unha oportunidade para gañar centralidade en Europa” e unha oportunidade “para conseguir vías de financiamento europeo con destino a Galicia e ao Norte de Portugal e, moi concretamente, con destino aos concellos de Tui e de Valença do Minho”.

“Como vimos facendo ao longo desta lexislatura, imos tentar prepararnos para o programa europeo, os presupostos europeos 2013-2020” xa que “soamente facendo acordos seremos máis grandes”, sinalou Feijóo. Ao respecto, lembrou que “temos un obxectivo, difícil de acadar, pero irrenunciable”, que é a aterraxe suave dos fondos europeos que viña percibindo Galicia e que, como consecuencia do incremento das rendas e do PIB galego, “non teriamos dereito a estar dentro da estratexia 1, pero si entendemos –dixo-, que nos corresponde por dereito unha aterraxe suave dos fondos europeos e, por suposto, imos aproveitar o máximo de sinerxías nos territorios transfronteirizos para que eses territorios poidan ter tamén financiamento específico para proxectos que presenten na Unión Europea”.

O titular da Xunta felicitou aos alcaldes dos municipios de Tui e Valença do Minho, á agrupación do Norte de Portugal e aos veciños destes concellos e manifestou o seu desexo de que “dúas vilas que estiveron separadas por unha fronteira e que desde a Unión Europea están convivindo de forma conxunta, agora convivan nunha única vila, nunha única Eurocidade que se chama Tui-Valença”, concluíu.

 

 

  • whatsapp