Xunta de Galicia

Rogelio Martínez participa na inauguración da exposición que acolle o Concello de Lobios para promocionar o Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro

“Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro” é unha mostra colectiva itinerante que pretende fomentar a investigación arredor desta ruta

O delegado territorial da Xunta en Ourense explicou a preeminencia por imperativo legal da delimitación e o deslinde das rutas históricas recoñecidas documentalmente

Unha vez conclúan estes traballos poderán iniciarse os estudos históricos doutras rutas, “este pode ser o caso do camiño Miñoto Ribeiro”, afirmou Martínez
 

  • Rogelio Martínez en Lobios
  • Rogelio Martínez en Lobios

Lobios (Ourense), 24 de abril de 2014.- O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, participou este mediodía no acto inaugural da mostra “Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro”, que acolle estes días o concello ourensán de Lobios no marco da itinerancia que está a ter nos diferentes concellos polos que discorre este camiño.

Durante a súa intervención, o delegado territorial destacou que o proceso de delimitación dos camiños de Santiago que leva a cabo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural responde ao mandato do artigo 1.4 da lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago. “Unha vez conclúan estes traballos derivados do cumprimento da lei, poderán ser iniciados os estudos históricos para aqueloutros camiños que, sen estar citados na lei, podan ser considerados tamén rutas históricas de peregrinación a Santiago. Este pode ser o caso do camiño Miñoto Ribeiro”, asegurou Martínez.

O itinerario proposto parte do concello portugués de Melgaço e entra en Galicia por Lobios, discorrendo por Entrimo, Padrenda, Pontedeva, Cortegada, A Arnoia, Ribadavia, Beade, Leiro, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra e chegaría Santiago de Compostela.

Esta exposición está organizada pola área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Vigo, e conta coa colaboración da Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro e do colectivo Medicina e Arte, formado por un grupo de médicos vinculado ao mundo das artes plásticas.

A Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro leva desde o ano 2009 traballando na posta en valor desta ruta como unha das rutas de peregrinación a Santiago. Neste sentido, a mostra presentada hoxe ten como obxectivo, segundo os seus organizadores, “fomentar a investigación sobre o camiño Miñoto-Ribeiro e dar un paso máis cara a súa legalización como unha ruta xacobea oficial”.
 

  • whatsapp